O presidente polaco Lech Kaczynski ratificou recentemente o tratado de Lisboa. Agora, as miradas están pendentes do checo Vaclav Klaus, quen fai depender a súa sinatura dun ditame do Tribunal Constitucional que debe chequear o texto do tratado e aseverar a súa conformidade co ordenamento xurídico nacional. Convertido en árbitro da integración europea, o euroescéptico Klaus semella consciente de que non dispón de capacidade suficiente para opoñerse (como tampouco o seu veciño polaco), aínda que si para retardar o proceso uns meses (como fixo o seu veciño de Varsovia), tempo no que gozará de gran protagonismo mediatico. A consecuencia da firmeza na oposición non é outra que saír da Unión e non parece que ninguén estea por esas neste momento.
A utilidade de toda esta dilación procedimental semella bastante pírrica. Dificilmente Praga pode conseguir algunha cousa substantiva a cambio da demora e, por outra banda, gáñase a pulso a fama de euroescéptico recalcitrante. Non parece que lle importe o máis mínimo ser hoxe o principal obstáculo para avanzar nunha integración que conta en por si, e sen necesidade de moitas axudas extraordinarias, con numerosas lagoas, eivas e contradicións, pero que resulta en certa medida indispensable para situar de novo a Europa no mundo, poñendo fin á actual fase de desorientación e ambigüidade na que navega a tradicional solidariedade europea. E aínda así, xa veremos con que vimbios se conta para traducir os seus preceptos e previsións en realidade política efectiva.
As reticencias sobre a Carta social europea, que establece algúns pequenos avances en materia de dereitos sociais colectivos, ou o pulo á política exterior común, suxiren riscos para Chequia, segundo Klaus, especialmente a dimensión diplomática, toda vez que Rusia reivindica unha influencia propia en Europa central e París e Berlín outean a posibilidade de mellorar pola súa conta as relacións con Moscova. Klaus xoga co temor dos checos a verse vendidos nun momento en que tamén Obama recúa co proxecto de escudo antimísiles co propósito de mellorar o entendemento co Kremlin. A cuestión de fondo, en suma, é que esta Praga de Klaus milita nunha Europa secuestrada polos legados da guerra fría, e sen capacidade nin proxecto para alentar outra articulación do espazo europeo superadora das vellas teimas. As máis prescindibles de todas.