O conxunto de propostas e debates que se viñeron abordando na reunión anual do Parlamento chinés suxire algunhas reflexións. En primeiro lugar, no plano da reforma política, eternamente ausente no substancial no longo proceso de cambio na China. O recoñecemento da pluralidade nas formas de propiedade, con especial mención da propiedade privada ¿podería supoñer a aceptación tamén do pluralismo político? Un maior recoñecemento dos dereitos humanos ¿implicará unha maior democratización do sistema? Certamente, eses dous aspectos, os máis sobresaíntes das modificacións constitucionais que se propuxeron suxiren matices e se podería pensar na afirmación dunha lenta tendencia cara unha maior democratización do sistema político, principal dificultade na estabilidade chinesa para os próximos anos e a primeira e incuestionable para acadar un dos principais obxectivos da reforma, a unificación do país con Taiwán.
Pero, sorpresas aparte, é difícil que esa liberalización formal carrexe algún tipo de liberalización política a curto prazo. Máis ben se trata doutra mostra da evidente capacidade de adecuación dos dirixentes chineses, motivada tanto por circunstancias externas como internas. Benvidas sexan as reformas, pero democracia e pluralismo non serán sinónimos en China. Afondar na democracia significa mellorar o sistema de asembleas populares dende o nivel central ata os niveis de base. O sistema multipartidista en China se contempla como un mecanismo de participación no poder (a través da Conferencia Política Consultiva onde se integran os demais partidos legais) e nunca de oposición ou alternativa ao Partido Comunista. E en tal orde de cousas non existen nin fisuras nin tensións no actual equipo dirixente. O peche de filas é total. O sentido final das reformas neste plano non é outro que o fortalecemento da legalidade, a institucionalización dun estado de dereito que non implique a desnaturalización do actual poder político: ¿a cuadratura do círculo?
En segundo lugar, e aquí podería atoparse un dos sinais de identidade do novo equipo que lidera Hu Jintao: o xiro social. Oficialmente se interesou destacar que no informe de xestión presentado polo primeiro ministro, Wen Jiabao, soamente 20 dos 107 minutos ““os chineses mídeno todo- que durou a súa exposición, foron dedicados a enxalzar os logros do exercicio anterior. Como non podía ser doutra forma nun dirixente que por primeira vez comparecía ante o Parlamento, a súa mirada se dirixiu cara o futuro e apuntando dúas ideas esenciais: non vale o crecemento a calquera prezo, cómpre reintroducir o concepto da prosperidade común. Iso significa que cobrarán forza nos próximos anos a xustiza social ou o desenvolvemento sostible e se adoptarán políticas máis activas para corrixir as desigualdades e desequilibrios sociais e territoriais.
Hu Jintao quere pechar a etapa do “enriquecerse é glorioso” ““e uns a costa do suor doutros”“ para salientar a necesidade de “enriquecerse todos xuntos”. A supresión do igualitarismo maoísta, recorda Hu Angang, economista da Universidade Xinhua, derivou na aceleración de versións moi extremas da desigualdade, que agora se intentarán corrixir.
Cambios e xiros, pois, que amplían a reforma e acentúan a súa complexidade social, facendo inevitable un maior pluralismo de ideas que con toda probabilidade repercutirá tamén na actividade política con suficiente forza como para alterar o seu funcionamento tradicional. En anticiparse ou resistirse pode radicar a viabilidade futura do réxime chinés.