A xulgar polos contidos da espectacular ceremonia de inauguración dos Xogos Olímpicos, a mensaxe que o Partido Comunista da China (PCCh), cuxas células foron e son o motor principal do Comité Olímpico Organizador de Beijing 2008, pretende trasladar ao mundo ten dous contidos principais: unha reivindicación e unha vontade.
A primeira ten que ver coa posta ao día da relación da propia China coa súa identidade cultural, tantas veces rexeitada pola vangarda intelectual por ser considerada causa principal da súa decadencia. O novo liderado chinés, de extracción comunista do punto de vista histórico, aposta por un nacionalismo de base cultural e civilizatorio despois de rexeitar, durante décadas de maoísmo, toda asociación coa vella cultura e os vellos costumes.
A vontade explicitada nesta cerimonia é a de ser parte do mundo contemporáneo e da modernidade, asumindo os seus desafíos pero distanciándose dunha homologación sen matices ou negadora de si mesma. O progreso con identidade é a marca da nova China que, sen lugar a dúbidas, non renunciará a nada do seu pasado, remoto e recente, marxismo incluido, se ben será cada vez máis confuciana.
China é outra cousa, pero non calquera cousa, veu a dicir o director Zhang Yimou. Mao non estivo na súa coreografía, pero tampouco se botou en falla a Spielberg.
O tempo dirá se esa mensaxe é simplemente un discurso fabricado para tranquilizar aos occidentais (moito máis temerosos dos devaneos marxistas do liderado chinés), un antídoto efectivo contra a polución espiritual occidental, unha nova estratexia que, no fondo, segue a ser debedora da vocación leninista do PCCh, ou ata expresión dunha liña maioritaria no seo do PCCh que non goza, en absoluto, do apoio unánime da súa militancia e que podería agora visibilizar en maior medida as súas discrepancias ante esta ofensiva neoconfuciana.