Ciudad Juárez, a punta do iceberg?

Apartados xeográficos Others ARCHIVE
Idiomas Galego

México no punto de mira. Nos últimos dez anos, o asasinato en condicións brutais de 350 mulleres e a desaparición de entre 300 e 4500 mulleres constitúe un claro exemplo de femicidio que por as súas consecuencias e características debilita a consideración de México como unha sociedade libre e respectuosa cos dereitos humanos. A recente transición que se produciu nos últimos anos da man dun novo partido que gañaba as eleccións despois dunha historia case monocroma do PRI, ten a obriga de aclarar as investigacións e de garantir en igualdade de condicións a seguridade e o exercicio do dereito ao traballo das mulleres traballadoras da zona fronteiriza do Estado de Chihuahua.

A xestión de Fox, centrada en modernizar o país e en loitar contra a corrupción, que ten no ALCA un importante piar da súa economía, como se albiscou no Cumio de Monterrei, pode estar no precipicio ante a opinión pública internacional. E iso sábeno as Institucións e as Administracións locais.

O Diario Monitor do Heraldo de Noticias dáballe a portada e unha páxina enteira ao caso, e remarcaba a existencia dun "informe confidencial elaborado pola ONU "onde se apostaba por unha cooperación máis eficaz entre Estados Unidos e México". Este documento foi entregado, segundo salienta o xornal, aos "secretarios de Seguridade e de Exteriores". A petición dunha sinatura dun convenio bilateral que implique a ambos países non tivo tampouco unha resposta inmediata por parte das autoridades norteamericanas.

Agora ben, a ONU prepara o terreo para a IX Conferencia Rexional das Mulleres en América Latina e o Caribe a celebrar en México no mes de xuño durante os días 10 e 12 en México D. F. A Relatora da ONU sobre Violencia contra a Muller, a turca Ertük, visitou durante estes últimos meses parte de Centroamérica: Guatemala, San Salvador e México; tiña como misión elaborar un informe a presentar na Comisión Anual de Dereitos Humanos que se celebraba este mes de abril. Que a IX Conferencia Rexional será un espacio para o debate está claro, será o organismo que redactará a contribución rexional á cuadraxésima novena sesión da Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller, que debe celebrarse en marzo do 2005. Non embargante as dúbidas aparecen á hora de deseñar a implantación desas políticas.

A toma en consideración por parte da opinión pública a escala internacional do caso de Ciudad Juárez pode ser o comezo de máis investigacións, xa que non se descarta que non sexa un caso illado. A perspectiva de xénero na análise dos dereitos humanos e das liberdades civís é, no caso dos asasinatos e desaparicións en Ciudad Juárez, unha mostra máis da vulnerabilidade das mulleres á hora de incorporarse ao mundo laboral remunerado e no exercicio da cidadanía que se manifesta cada vez máis en numerosos países do planeta. Con todo e iso, México apostou hai uns meses por ratificar o seu compromiso para non desenvolver políticas bélicas, como se manifestou na súa adhesión ao Tratado de Non Proliferación de armas nucleares. É un paso considerable cara á adopción de novos marcos de actuación. De todas formas, correspóndelle agora desenvolver novas medidas e instrumentos que rachen coas tendencias do pasado. Eis, a falta de transparencia nos procesos xudiciais desenvolvidos até o de agora en relación ao caso de Juárez.

Se o ano 1975 inauguraba a época das Conferencias Mundiais das Mulleres, trinta anos despois, as mulleres mexicanas e as de América Latina en xeral teñen a oportunidade de levar ao campo da realidade as novas resolucións e as declaracións de intencións dos seus gobernos e dirixentes. Sen embargo, o femicidio en Ciudad Juárez é unha negra sombra, unha presenza que se manifesta nas estatísticas, nos informes das sociólogas que evidencian unha fenda inmensa nas cidades fronteirizas, que hai tempo que deixaron de estar en ámbar para pórse en vermello.