Museo Galicia en Polonia Museo Galicia en Polonia

Cómpre elixir entre máis Rusia ou máis Europa

Rusia é agora sinónimo dos que buscan no pasado as razóns do futuro, Putin é Erdogan, Trump, Vox, Le Pen e moitos máis. Hai que elixir entre eles e o que representa a UE: defensa da democracia, da colaboración entre os pobos por riba das fronteiras. A guerra de Ucraína reflexa unha disxuntiva sobre a que evoluciona o Século XXI.

Mesmo nacionalistas radicais da zona que antes abranguía a URSS empezan sinalar a dirección correcta. O presidente polaco, Andrzej Duda, xa comprende mellor as vantaxes de esa UE á que criticaba por forzarlle a respectar regras democráticas. Naceu en Cracovia, perto de Lviv (Leópolis), no oeste de Ucraína. Lviv, de relixión cristiá ortodoxa grega, afastada da influencia rusa, é a vía de saída da maior parte dos que foxen da guerra.

Son cidades con moita historia común. Conviviron no imperio austrohúngaro, onde foron os principais núcleos urbanos dunha rexión que se chamou Galicia (1772-1918). Os Habsburgo elixiran esa denominación, entre outras alternativas, para unha zona con forte mestura étnica y relixiosa incluída unha importante minoría xudea, porque lles lembraba tamén un antigo reino en España, que lles fora arrebatado polos Borbóns (1). Desaparecido aquel imperio, Cracovia e Lviv seguiron xuntas, uns anos máis, na Polonia de entre guerras (1918-1939).

As grandes confrontacións militares modernas foron causadas en Europa por autócratas que escarvaban no orgullo nacional de imperios terrestres derrotados. Sorprende que os nosos estrategos políticos no previran o que podería pasar coa reivindicación de grandeza patriótica (2) de Rusia. Nada máis ser presidente, Putin recuperou Chechenia mediante una segunda guerra (99-09) tralo fracaso da primeira (95-96). Logo forzou a independencia de dúas pequenas zonas de Georgia, Osetia del Sur e Abjasia. No 2014 tomou Crimea e deixou un conflito larvado no leste de Ucraína que agora lle xustifica para invadila.

Hai 25 años, un pequeno ensaio dun diplomático inglés (3) espertou meu interese por analizar a relación entre descolonización, globalización e base institucional dos Estados, o que me levou a escribir: “…así como parece evidente que a India non é parte da Gran Bretaña, non o é tanto que Chechenia non o sexa de Rusia. Os imperios terrestres europeos darían lugar a longos conflitos entre veciños, foron os casos de Alemaña, Turquía e Austria-Hungría, co seu corolario serbio, e, se non se manexa axeitadamente, podería ocorrer con Rusia, unha sociedade inestábel que aínda ten que conseguir o equilibrio interno” (4).

A conclusión á que debéramos ter chegado, de valorarmos ben esas herdanzas conflitivas, é que a UE precisa unha defensa común, para ter un continente máis unido, máis capaz de facerse respectar. A UE podería absorber parte da estrutura central da OTAN e pasar a regular a relación militar cos EEUU mediante acordos bilaterais. Putin ten un fondo lóxico cando acusa a Occidente de manter unha organización creada para frear á URSS. Emprega ese argumento para situarse como líder dun país acosado desde o exterior por unha alianza militar. Compre que a UE pense na súa defensa colectiva, anque o fascista de Moscova seguirá esixindo que non inclúa países que formaron parte do seu imperio.


  • 1. Larry Wolf, The Idea of Galicia (Stanford University Press 2010.
  • 2. Svetlana Aleksiévich, El fin del “Homo Sovieticus” (Acantilado 2015)
  • 3. Robert Cooper, The Postmodern State and The World Order (Demos 1996)
  • 4. O Mundo e Nós (Xerais 1999)