Do 16 ao 19 de abril transcorrerá na Habana o VII Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC). O evento deberá analizar a actualización do modelo económico impulsado desde 2006, cando Raúl Castro (85 anos) asumiu o poder iniciando un proceso de modificación da estrutura económica sen alterar o rumbo político da illa. Este será o derradeiro congreso para a xeración histórica que levou adiante a revolución en 1959 e ten lugar nun contexto internacional inédito, marcado polo restablecemento de vínculos diplomáticos con EUA e o reinicio das negociacións coa UE.
Do 16 ao 19 de abril transcorrerá na Habana o VII Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC). O evento deberá analizar a actualización do modelo económico impulsado desde 2006, cando Raúl Castro (85 anos) asumiu o poder iniciando un proceso de modificación da estrutura económica sen alterar o rumbo político da illa. Este será o derradeiro congreso para a xeración histórica que levou adiante a revolución en 1959 e ten lugar nun contexto internacional inédito, marcado polo restablecemento de vínculos diplomáticos con EUA e o reinicio das negociacións coa UE.
En 2011, o VI Congreso do PCC aprobou os 313 liñamentos que permitiron unhas primeiras reformas (venda de vivendas, adquisición de autos, fomento de cooperativas, reforma migratoria, nos investimentos exteriores, etc). Segundo fontes oficiais, un 21 por cento dos liñamentos foi aplicado mentres que un 77 por cento está en proceso.
Os principais problemas aos que se enfronta o PCC e que levan tempo condicionando o debate de ideas interno afectan a dous aspectos principais. Dunha banda, o modelo económico. Doutra, a fatiga política. Ambos os dous están inevitablemente relacionados.
As dúbidas e incertezas xurdidas trala evaporación do modelo soviético persisten na dirixencia cubana e na propia sociedade, cun grupo significativo de poboación, sobre todo na mocidade, onde minguou a influencia ideolóxica. Os manuais de tempos pasados non serven hoxe e fican no faiado da historia.No seo do PCC hai apostas por perseverar na construción dunha sociedade mais xusta pero de maneira realista. A iso responde a busca dun modelo alternativo, xa presente nas medidas adoptadas durante o Período Especial trala disolución da URSS pero que agora precisan algo mais que unha reedición corrixida e aumentada.
A busca dun novo modelo con pequenos aditivos cosméticos non vai funcionar. O diagnóstico de Raúl en 2010 ante a Asemblea Nacional foi contundente: “ou rectificamos ou nos afundimos”. Ese dramático ultimato confronta coa lentitude dos cambios. Cuba non admite outro aprazamento das expectativas e por iso precisa unha readaptación a fondo que permita establecer as bases dunha nova estrutura económica que atenda non só aos novos segmentos como os campesiños produtores ou os autónomos senón igualmente ás propias empresas privadas para dar pasos efectivos cara unha economía mixta. Esa ampliación dos sectores emerxentes e a definición de novos equilibrios son claves para aspirar a dotarse dunha sólida base produtiva.
A taxa de crecemento do PIB cubano na última década foi do 1,8 por cento anual, case a metade do ritmo medio no conxunto dos países da rexión e no horizonte inmediato outean serios riscos, o primeiro derivado da situación de Venezuela e as súas implicacións para Cuba que se da nun contexto mais amplo condicionado polo cambio de ciclo político na rexión e certo retorno da supremacía estadounidense que pode dificultar aqueles outros plans de fomento da integración e o empoderamento rexional.
O futuro modelo cubano debe aterse ás condicións locais. Cuba non pode copiar o modelo chinés ou vietnamita, moi presentes nas reflexións e estudos internos, pero si debe perseguir resultados semellantes. Como ten sinalado Ferrán Oliva, o mercado é un mal amo pero algunhas experiencias asiáticas suxiren que pode ser un excelente empregado. Quen asuman a dirección do país en 2018 como consecuencia do cambio de goberno deben telo presente.
Simbolicamente, este congreso coincide cun novo aniversario da xornada en que a revolución cubana proclamou a súa orientación socialista (16 de abril de 1961). As decisións deste conclave salientarán unha vez mais esa orientación pero a día de hoxe esa sigue sendo unha aspiración envolvida nunha incógnita.