20050331john redwood

Conservadores británicos desnortados

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
John Redwood, o encargado de asuntos exteriores da oposición, afirmou que se chega ó poder nas próximas eleccións, e o partido conservador se asegura un voto negativo á Constitución Europea e en contra da adhesión ó euro, forzarían a renegociación dun conxunto de políticas, entre as que se atopa a pesca, a política social, o emprego e a oposición ó avance das políticas de inmigración e defensa da UE. Os conservadores esperan que a súa retórica anti-europea lles depare boa acollida entre o público británico e o éxito electoral.
 

Os conservadores británicos non dan coa maneira de quitarse a bitola de perdedores. As augas baixan revoltas na casa dos Tories de Michael Howard, quen leva o mesmo camiño que os seus antecesores "Duncan Smith e William Hague", sen capacidade para calmar as impaciencias e o nerviosismo dos membros do partido conservador británico, que por tradición, adáptase mal a vivir sen o poder.

Hai pouco, o affair Howard Flight, acendeu o furor dos conservadores na sede de Slough, unha localidade a poucos quilómetros de Londres e escasamente separado de Windsor polos campos do famoso colexio de Eton e os xardíns reais. Mr Flight, foi obrigado a dimitir por suxerir que os conservadores non revelaran a verdadeira extensión dos seus plans para recortar o gasto público. Despois de abrirlle as portas de saída, o señor Flight, meteuse en avogados para evitar que o quitaran da candidatura conservadora por Slough nas vindeiras eleccións do cinco de maio.

Algúns activistas decidiron atacar directamente a dirección do partido. A parlamentaria Teresa Gorman acusou a Michael Howard, o líder do partido conservador, de "cuspirlle na cara" a Howard Flight e de apuñalar a súa candidatura e a súa imaxe pública. Outro conservador, Ian Bel, critica que "basicamente exclúen a xente das bases do partido. É unha dictadura, é o que me parece". Por outro lado, Gary Mond, o home que presidía a mesa na que Howard Flight efectuou as declaracións que foron orixe da polémica, culpou ós spin doctors do partido Laborista, de iniciar o cisma dos conservadores.

Segundo el, nunha carta dirixida ó Diario The Independent, "todo o que Mr. Flight estaba dicindo era que un goberno conservador necesitaría revisar a situación unha vez elixido" e afirmou que Howard Flight, "defendeu a política do partido conservador e a Michael Howard, dos críticos".

Diante destes episodios, de evidente esperpento político, con enquisas que confirman a diferenza en intención de voto entre os conservadores e laboristas, os "Tories" buscan novas estratexias de distracción, tanto para dentro como cara fora do partido. John Redwood, o encargado de asuntos exteriores da oposición, afirmou que se chega ó poder nas próximas eleccións, e o partido conservador se asegura un voto negativo á Constitución Europea e en contra da adhesión ó euro, forzarían a renegociación dun conxunto de políticas, entre as que se atopa a pesca, a política social, o emprego e a oposición ó avance das políticas de inmigración e defensa da UE.

Os conservadores esperan que a súa retórica anti-europea lles depare boa acollida entre o público británico e o éxito electoral. Cren que se os británicos votan negativamente, poden forzar a negativa doutros membros da Unión Europea, ou ben convencer algúns dos membros para modificar partes do Tratado.

O encargado da política interior no partido conservador, Oliver Letwin, afirma: "Eu creo que podemos usar o non… para alcanzar o noso obxectivo de ser parte dunha periferia da UE que non é un novo país chamado Europa". O presidente da confederación de empresarios retrucoulle que é moi importante que o Reino Unido permaneza enganchado a Europa, agora que teñen unha Comisión pro-atlantista, se ben coincide cos conservadores na teima de evitar os incrementos de regulación. Pero os negocios británicos requiren que o Reino Unido sexa un membro activo da UE.

Polo que se ve, ata os aliados tradicionais dos conservadores se atopan cómodos con este goberno laborista. Os empresarios danlle as costas ós Tories que non acaban de callar como alternativa válida. E non sería de estrañarque o descontento creado tanto nos "descontentos" laboristas coma dos conservadores, redunden no beneficio do partido liberal demócrata de Charles Kennedy.