20061010seul protestas proba nuclear corea norte20061009

Corea ¿sen Norte?


 Protestas Seul proba nuclear Corea Norte, clic para aumentar
A actual espiral nuclear vese favorecida pola necesidade dalgúns Estados (o eixe do mal) de blindarse ante as ameazas de EEUU, se ben Teherán o argumenta como dereito e non como defensa propia. A escasa disposición das potencias nucleares a favorecer un desarme progresivo tamén axuda. Son os membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU, responsables de velar pola paz, os principais fabricantes e vendedores de armas do mundo. O cal non deixa de ser un paradoxo noxento que relativiza e moito o valor das súas proclamas contra a proliferación de armas de destrución masiva. É dun cinismo soamente comparable á desesperada tolemia de Kim Jong Il. (Foto: Protestas en Seúl o 10 de outubro pola proba nuclear de Corea do Norte do día 9).
 

O acceso de Corea do Norte á arma nuclear determina consecuencias importantes nos eidos rexional e mundial. Kim Jong Il salvagarda mellor o seu estrambótico réxime, ao adquirir, de motu propio, as garantías de seguridade que EEUU se negaba a ofrecer. Pasado o tempo das sancións, o líder norcoreano confía en que esta baza sexa suficiente tamén para lograr dalgúns países unha maior axuda internacional. Ao día seguinte da proba, o goberno de Pyongyang inventariaba as necesidades ante as malas perspectivas da colleita de outono e as insuficiencias de electricidade e combustible que poden complicar, unha vez máis, a subsistencia elemental dos norcoreanos.

No eido rexional, tres son os actores máis directamente afectados. En primeiro lugar, Corea do Sur e China, veciños directos e quizais por iso partidarios sempre da negociación. A detonación é un fracaso das conversas a seis bandas (con EEUU, Rusia e Xapón). En Tokio, a acción norcoreana proporciona un argumento de peso a Shinzo Abe para defender o incremento dos gastos de defensa e revisar a fondo a concepción tradicional da seguridade do arquipélago. A posibilidade dunha espiral armamentista é ben factible. Aínda aceptando a imposición de sancións, uns máis severas (Xapón), outros menos (China), todos descartan o inicio de operacións militares contra Pyongyang, pois as consecuencias poderían ser catastróficas para todos se Corea responde.

No plano internacional, o fracaso diplomático na península coreana da azos aos partidarios do ataque preventivo contra Teherán e fai máis difícil un acordo que, de non chegar en pouco tempo, pode presaxiar unha nova guerra no Oriente Medio. Por outra banda, o Tratado de Non Proliferación queda en entredito. Este Tratado asenta nunha dobre discriminación. Dunha banda, a que distingue entre posuidores lexítimos e ilexítimos. Lexítimos son os que contaban coa arma nuclear antes de xaneiro de 1967 e ilexítimos todos os demais asinantes que a cambio obteñen a posibilidade de acceder á enerxía nuclear soamente para usos pacíficos. A segunda discriminación é a establecida entre transgresores aceptables (India, Paquistán, poñamos por caso) e inaceptables (Irán ou Corea do Norte).

A actual espiral nuclear vese favorecida pola necesidade dalgúns Estados (o eixe do mal) de blindarse ante as ameazas de EEUU, se ben Teherán o argumenta como dereito e non como defensa propia. A escasa disposición das potencias nucleares a favorecer un desarme progresivo tamén axuda. Son os membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU, responsables de velar pola paz, os principais fabricantes e vendedores de armas do mundo. O cal non deixa de ser un paradoxo noxento que relativiza e moito o valor das súas proclamas contra a proliferación de armas de destrución masiva. É dun cinismo soamente comparable á desesperada tolemia de Kim Jong Il.