Cosova, independencia por ditame

A Corte Internacional de Xustiza (CIX), principal instancia xudicial de Nacións Unidas (ONU), con sede na Haia, fallou o pasado xullo sobre a legalidade da secesión de Cosova de Serbia. O 17 de febreiro de 2008, as autoridades albanesas de Cosova, apoiadas por EUA e varios países europeos, proclamaron unilateralmente a independencia, recoñecida, a día de hoxe, por 69 países dos 192 que integran a ONU.

Apartados xeográficos Nationalisms
Idiomas Galego

A Corte Internacional de Xustiza (CIX), principal instancia xudicial de Nacións Unidas (ONU), con sede na Haia, fallou o pasado xullo sobre a legalidade da secesión de Cosova de Serbia. O 17 de febreiro de 2008, as autoridades albanesas de Cosova, apoiadas por EUA e varios países europeos, proclamaron unilateralmente a independencia, recoñecida, a día de hoxe, por 69 países dos 192 que integran a ONU. A demanda de Serbia ante a Corte contou co apoio de 77 países da ONU, outros 74 abstíveronse e 6 votaron en contra.

O ditame da CIX (adoptado por dez votos a favor e catro en contra) céntrase na valoración exclusiva da declaración, subliñando que non entra na análise do dereito de Cosova a separarse de Serbia de modo unilateral. Tampouco entra a dilucidar se Cosova é un Estado ou non, nin tampouco se é lexítimo ou non o seu recoñecemento por parte doutros países. Refírese, pois, exclusivamente, á análise dos aspectos formais da declaración, nun exercicio calculado de dificil equilibrio que, sen embargo, non deixa dúbidas respecto ao aval do pronunciamento secesionista cosovar.

A conclusión da Corte asenta en dúas teses principais. Primeira, a declaración non foi un acto das institucións do autogoberno, é dicir, os seus promotores non actuaron no marco institucional establecido pola Resolución 1244 senón á marxe del e na súa condición de representantes do pobo cosovar. O obxectivo do pronunciamento consiste en asentar un Estado soberano nun proceso totalmente diferenciado do establecido por aquela resolución. Segunda, que ningunha norma internacional nin as resolucións do propio Consello de Seguridade sobre o problema albanés, entre elas a 1244, prohiben de forma expresa unha actuación destas características a instancias dos líderes albanocosovares. En suma, a Corte ven a dicir que ao actuaren cunha capacidade diferente á das institucións provisionais deste aínda semi-protectorado, nada na lexislación internacional impide que poidan proclamar e declarar a independencia. Así as cousas, en modo algún violarían o marco constitucional provisional establecido por Nacións Unidas, actuando á marxe do seu abano de poderes e responsabilidades e deixando a súa efectividade a expensas da actitude  dos diferentes suxeitos da comunidade internacional.

Os líderes que proclamaron a independencia fixérono asumindo a representación do conxunto da poboación de Cosova, á marxe das institucións creadas por Nacións Unidas (pero co paradoxo de convertelas a renglón seguido nas institucións do que pretende ser o novo Estado). De non darse tal liña de continuidade, por outra banda, é evidente que ese pronunciamento, sen respectar o marco legal vixente, equivalería a un “golpe” institucional.

O ditame é consultivo e non vinculante. Non obstante, ao sinalar que a proclamación unilateral de independencia non contradi as normas do Dereito Internacional, ten importantes consecuencias políticas. En primeiro lugar, para Cosova, dado que o ditame, de indudable forza moral, facilita o seu recoñecemento internacional como Estado e facilitaralle a aprobación de acordos bilaterais con terceiros países. Outra cousa é que lle axilice o ingreso na ONU, imposible no horizonte inmediato por precisar o apoio do Consello de Seguridade (Rusia e China vetarían esta hipótese). Tampouco cabe esperar modificacións substanciais na posición dos grandes países que rexeitan a posibilidade de recoñecer esa independencia (ademais dos citados, tamén India, entre outros).

Para Serbia, pese ao adverso do pronunciamento, non todo son efectos negativos. Indudablemente, o ditame contraría as súas teses, pero permítelle eludir un conflito que viña paralizando o proceso de integración na UE, sen que diso se derive necesariamente que deba recoñecer a Pristina para avanzar nesa negociación (especialmente cando varios estados europeos –Grecia, Chipre, Romanía, Eslovaquia, España-, non a recoñecen). Pola contra, esa mesma situación, a pesares do ditame, impide a apertura de negociacións para a adhesión de Cosova á UE.

En segundo lugar, os países que aínda non recoñeceron a Cosova, poderán facelo agora con menos impedimentos e responsabilidades morais, ao contar cun argumento adicional de especial valor. En terceiro lugar, en casos semellantes de Estados proclamados con recoñecementos internacionais limitados, o ditame brinda razóns engadidas para perseverar no seu empeño.

Para a ONU, esta resolución supón recoñecer que os proclamadores da independencia autoarróganse o dereito a determinar o estatuto final de Cosova á marxe do marco institucional creado pola propia institución. Así, o ditame pón en tela de xuizo a súa propia capacidade para levar a cabo misións de paz con verdadeira neutralidade. Os países con tensións político-territoriais que poderían precisar da mediación da ONU quizais opten por rexeitar agora esta implicación dado que, tras Cosova, poden chegar para mediar e logo converter a sua misión en simple aval da independencia, favorecendo a unha das partes do conflito.

Cal será agora o futuro deste estado embrionario? O recoñecemento internacional da existencia do estado cosovar vai depender da capacidade das súas autoridades para confirmar a sua propia configuración estatal como institución viable. Actualmente, o réxime de Pristina está dominado pola corrupción e o crime organizado, intimidando á sociedade civil e á oposición, apoiándose no clientelismo e nesa aparentemente inesgotable asistencia exterior dos seus valedores que suple a falta de confianza no país e nas súas elites. A independencia de Cosova non foi tanto produto real da intensificación das dinámicas secesionistas internas, cun forte apoio popular, como resultado da súa integración na axenda política das potencias euroatlánticas. Esa hipoteca lastra amplamente o seu futuro.

Pese ao coidadoso e discutido ditame da CIX, non estamos ante un problema xurídico, senón político. A independencia de Cosova é consecuencia directa da súa inclusión na citada axenda, miraxe dun marco histórico de partida, condicionado pola necesidade de desmantelar Iugoslavia e promover a albanización dos Balcáns do Oeste como garantía para unha orde mundial unipolar. Ese contexto de orixe fai pouco probable que a posición da comunidade internacional, moi dividida ao respecto, poida evolucionar nalgún sentido. Así, o actual impasse pode continuar por largo tempo e mesmo experimentar novos xiros habida conta que ese marco orixinario está sendo ultrapasado en gran medida.

¿Un paso en falso?

O ditame a propósito de Cosova pode interpretarse como un pronunciamento cunha forte carga de singularidade que impide a súa xeralización a outros casos semellantes. Non obstante, a lexitimación da secesión cosovar suxire un fundamento xurídico e unha inspiración certa para movementos, agrupacións e territorios que aspiran ao recoñecemento da súa independencia de facto. Falamos de territorios autoproclamados soberanos en conflito cos Estados de dereito de formal pertenza e que reclaman ou disputan o seu control en diferentes graos de intensidade. Estes Estados de feito manteñen un control efectivo dun espazo territorial, contan cunha organización institucional específica (mesmo moi superior á de Cosova), cun recoñecemento internacional limitado, e permanecen excluidos de Nacións Unidas.

Hai moitos lugares conflitivos deste tipo no mundo: non foron recoñecidos (ou só parcialmente, mesmo por un só país) Cosova, Abxasia e Osetia do Sur (recoñecidas por Rusia, Nicaragua, Venezuela e a República de Nauru). Cabe lembrar tamén a República de China ou Taiwán (recoñecida por pouco máis de vinte estados), Nagorni-Karabaj (de maioría armenia, independizada de Acerbaixán), Puntlandia (segregada unilateralmente no noroeste de Somalia), a autoproclamada República Turca do Norte de Chipre), a Autoridade Nacional Palestina, o propio Israel (non recoñecido aínda por 20 países islámicos), a República Arabe Saharaui Democrática, entre outros.

Os movementos independentistas nos cinco continentes teñen neste ditame un fundamento de referencia, pero as súas circunstancias son dificilmente extrapolables. O apoio a Cosova é directa consecuencia de intereses xeopolíticos que se dan en contadas circunstancias.

O ditame, pola súa contundencia, fai dificilmente reversible a independencia de Cosova, pero non permite resolver de todo o seu estado futuro, cunha subsistencia que segue en entredito tanto polas súas fraquezas internas, as incertezas rexionais (dende o tipo de relacionamento coa veciña Albania ata as especificidades da xeopolitica balcánica) ou a evolución da propia actitude de boa parte dunha comunidade internacional onde retrocede a influencia global dos seus principais valedores.