20080308 belgrado vojislav kostunica

Cosova: independencia sen soberanía

 Vojislav Kostunica; clic para aumentar
O Partido Democrático de Kostunica (na foto), que apoiou a resolución, reclama ademais un referendo sobre a orientación europeísta de Serbia, o que xa propiciou a caída do actual goberno e a convocatória de eleccións anticipadas para formar unha nova maioría.
 

Cosova é un país independente dende o pasado 17 de febreiro, pero persiste a confusión tanto sobre o seu futuro como tamén sobre os motivos do alumbramento do novo estado con tan valiosos valedores na comunidade internacional. Nin sequera hai, polo momento, un calendario efectivo para que se produza o relevo por parte da misión da Unión Europea (UE). En Prístina, as autoridades cosovares semellan de brazos cruzados agardando que se clarexe a evolución inmediata, mentres Belgrado procura intensificar a súa influencia sobre os territorios de maioría serbia de Cosova onde o papel do goberno de Thaci é absolutamente ignorado.

O plan da misión da ONU, a MINUK, consistía en facilitar unha transferencia gradual do poder á UE e á Oficina Civil Internacional (OCI), pero o certo é que apenas avanza, debido, en boa media, á propia reacción serbo-rusa e agardando quizais a que acougue. O primeiro ministro de Serbia, Vojislav Kostunica, anunciaba o pasado 26 de febreiro que Serbia tiña a firme intención de asumir o poder en certas partes de Cosova onde os cidadáns consideran a Belgrado como a súa capital, e que Serbia fará todo o posible por continuar exercendo a súa xurisdición e prerrogativas sobre todos os cidadáns serbios de Cosova. Esa persistencia en manter unha influencia tan directa en Cosova conleva, na práctica, unha partición efectiva do novo estado.

O plan do ex primeiro ministro finlandés Ahtisaari (marzo de 2007), contemplaba a concesión dunha ampla autonomía para os enclaves serbios, pero, naturalmente, formando parte de Cosova. Certo que o plan non ten máis valor que o dunha mera proposta pois non representa a legalidade internacional na medida en que non foi sancionado pola ONU, que foi quen o instou. Pero os padriños e xestores da independencia cosovar din sentirse "legalmente obrigados" por el e decidiron asumilo como a folla de ruta do proceso. Non obstante, as dificultades de implementación das súas previsións, poden convertelo axiña en letra morta.

A primeira dificultade ten que ver coa formación e responsabilidade do Grupo de Seguimento Internacional (GSI), a máis alta autoridade en Cosova, que se reuniu en Viena o pasado 28 de febreiro. Inicialmente, debería estar integrado por Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia, Rusia, a UE e a OTAN, os mesmos que pilotaron a independencia de Bosnia en función do acordado en Dayton en 1995. Pero Rusia oponse ao plan, que non respaldou nin respaldará a ONU: rexeitando a independencia de Cosova dificilmente participará no seu acompañamento. Cabe por iso imaxinar que quede fóra do GSI, barallándose xa a idea de integrar nel a todos aqueles países (Suecia, Austria, Xapón, Finlandia, Suíza….) que queiran colaborar "altruistamente" co novo estado. Sen antes clarexar quen vai formar parte deste grupo non se poderá formar a Oficina Civil Internacional, nin propiciar o relevo da misión da ONU, ao que tamén, por certo, se oporá Moscova no Consello de Seguridade, abrindo unha nova fenda. Neste contexto, ninguén parece saber que facer, incluído o goberno cosovar que, segundo algúns, semella en ignorado paradeiro.

A estratexia serbia pasa por desafiar abertamente ao goberno de Cosova, a UE e, de ser preciso, a propia ONU. En xaneiro, Slobodan Samardzic, ministro para Cosova de Serbia, anunciaba nunha visita a Strpce que a súa intención era a de ser a primeira e única autoridade nos enclaves serbios. Cando o xefe da misión da ONU, Joachim Rucker, visitou Mitrovica o pasado 5 de marzo, puido constatar persoalmente a disposición dos funcionarios serbios, incluíndo a policía, a obedecer unicamente as ordes de Belgrado. Os ministros serbios seguen visitando estas zonas coma se fosen unha prolongación do seu territorio. A misión da UE anunciou a súa retirada temporal do norte de Cosova controlada polos serbios.

É a de Cosova, pois, unha independencia estraña e cun futuro incerto. O tránsito do protectorado da ONU ao da UE, cun goberno en pañais, escasos avances no financiamento internacional, e unha reacción eslava relativamente intensa, dan a entender que o marco futuro do novo Estado non está pechado de todo salvo nunha cousa: respecto á relación con Belgrado non haberá pasos atrás.

A aspiración á independencia dos albaneses de Cosova é unha vella demanda que, durante décadas, simbolizou o xa falecido Ibrahim Rugova, resistente fronte as presións opresoras e asimiladoras de Belgrado. Os seus herdeiros políticos foron progresivamente desprazados da escena para dar paso a outros grupos que conxeniaban mellor con certos intereses estranxeiros. A independencia prodúcese así nun contexto internacional que fai pesar numerosas sombras sobre a súa viabilidade e despois de anos de marasmo onde a gangrena da criminalidade e a corrupción destruíron as expectativas de sectores importantes da sociedade cosovar, os mesmos que hoxe reivindican a plena soberanía e que son obxecto de represión por parte de clans locais e forzas internacionais.

As reservas formuladas a propósito do proceso cosovar teñen catro dimensións principais. En primeiro lugar, supón unha violación da legalidade internacional na medida en que subverte as resolucións da ONU e prodúcese á marxe da súa autoridade, que ata agora foi a guía do proceso aceptada por todas as partes. Esa ruptura das regras de xogo alentou moitas expresións apocalípticas nas últimas semanas. En segundo lugar, a ausencia de soberanía efectiva é sinónimo de que o estado cosovar é unha neocolonia de EEUU, circunstancia derivada da asistencia e apoio prestado ao seu proceso (incluíndo a formación da UCK e a promoción do seu líder e actual primeiro ministro Thaci), moito máis decidido ca o europeo. Porqué EEUU ten tanto interese na independencia cosovar? Obviamente non é por defender as bondades do dereito de autodeterminación dos pobos, senón que obedece a unha clara estratexia de penetración da súa influencia xeoestratéxica no Leste, co propósito esencial de viabilizar os seus plans enerxéticos, en concreto o gasoduto transbalcánico AMBO (Albanian Macedonian Bulgarian Oil Corporation) destinado a transportar o petróleo do mar Caspio ata Europa, para competir cos gasodutos rusos arredor do mar Negro e reforzar o seu control hexemónico. Este proxecto explica tamén o interese de Washington por Xeorxia e a Transcaucasia en xeral, onde só Armenia conserva certa ligazón con Moscova. Lembremos igualmente que nesta provincia atópase Camp Bondsteel, a máis grande base militar de EEUU construída en Europa, obviamente, por unha subsidiaria de Halliburton (multinacional texana dirixida en tempos polo actual vicepresidente Dick Cheney), preto da fronteira con Macedonia, país ao que debe chegar o petróleo dende a terminal de Xeorxia, ata o porto búlgaro de Burgas e seguindo ruta ata Vlora, en Albania.

A sensu contrario, esta rivalidade xeoestratéxica explica tamén a reacción rusa, que vai mais alá da simple expresión da solidariedade eslava e ten que ver coa defensa do propio negocio enerxético de Moscova e a prevalencia da súa influencia en todo o perímetro ruso, onde a penetración estadounidense medra, con algúns altibaixos, a un ritmo nada desprezable. A falta de aliados (como acontece con China en Asia Central) dificulta o éxito da estratexia rusa.

En terceiro lugar, Cosova é un estado mafioso, dise, onde se cruza o negocio da heroína canalizada dende Afganistán, curiosamente dúas realidades onde o enorme poder da OTAN semella incapaz de acabar coas bandas de traficantes a pesar de lidar neste caso con apenas dous millóns de habitantes e unha superficie que equivale a pouco máis da terceira parte de Galicia. Boa parte dos estados balcánicos entrarán na OTAN, que espera dar o visto e prace ao ingreso de Croacia, Albania e Macedonia no cumio de xefes de Estado e de Goberno de abril en Bucarest. Logo será o turno de Ucraína e Xeorxia.

Por último, considérase que pode alimentar unha espiral de desestabilización balcánica e europea. Ás tensións serbias, súmanse as reticencias doutros Estados próximos (Grecia, Eslovaquia, Romanía, Chipre), con problemáticas internas que poden verse afectadas pola dinámica cosovar, se ben aquí as mensaxes serán outras. En calquera caso, non cabe imaxinar propagación algunha, pois na razón do problema pesa máis hoxe a variable xeoestratéxica cas propias motivacións nacionalistas. Está por ver como impacta en Xeorxia, conectada directamente coa xeoestratexia do problema, e onde xa se deron algúns movementos. En concreto, Osetia do Sur, un estado de facto situado ao norte do país, reclamou xa o recoñecemento internacional apoiándose no precedente albanés. En Abxasia, tamén en Xeorxia, anunciábase un pronunciamento semellante. Ambas zonas son prorrusas e ata o momento ningún país recoñeceu a súa independencia de facto, nin sequera Rusia, que será coidadosa. Moito máis descabellado aínda é imaxinar conexións entre Cosova e Taiwán, Curdistán ou Bolivia, por citar algúns casos.

Conclusión

As circunstancias que rodean a independencia cosovar inducen a pensar que a súa soberanía estará dobremente limitada. En primeiro lugar, pola tutelaxe temporal que exercerán diferentes instancias supranacionais. En segundo lugar, polos ambiciosos plans que alentaron o activo apoio estadounidense e que lle auguran un futuro enormemente difícil a todos aqueles que realmente aspiraban a ver realizada a independencia coa proclamación do novo estado.

Especialmente revelador, e lamentable, é o papel da UE, que secunda estes plans, a sabendas de que acentúa a súa perda de autonomía en relación a EEUU se ben pode obter como compensación nada desdeñable unha redución da dependencia enerxética de Rusia. España acabará recoñecendo a Cosova.

Por outra banda, están por ver as consecuencias en Belgrado, onde o Parlamento aprobou recentemente unha resolución dos ultranacionalistas do Partido Radical rexeitando manter negociacións coa UE en tanto esta non respecte a integridade territorial serbia. O Partido Democrático de Kostunica, que apoiou a resolución, reclama ademais un referendo sobre a orientación europeísta de Serbia, o que xa propiciou a caída do actual goberno e a convocatória de eleccións anticipadas para formar unha nova maioría. A decisión afecta a un aspecto clave da política exterior que tiña por base a aceleración do proceso de integración europea polo que pula o Partido Democrático para evitar unha volta ao illamento internacional. Belgrado está de novo nunha canella de difícil saída.