Crecen os valados

 Valado entre EEUU e México, clic para aumentar
Washington xa ordenara a construcción dunha barreira de malla metálica no paso fronteirizo entre Tijuana e San Diego, un dos puntos de cruce claves dunha fronteira altamente porosa e permeable. (…) Para o presidente Fox, aliado rexional, todo isto é sumamente vergoñento. Asumiu o cargo hai cinco anos prometendo un acordo de inmigración como parte dunha relación máis estreita con Estados Unidos. En cambio, a medida en que se acerca o fin do seu mandato, un valado aínda máis grande érguese entre os dous países. No mundo libre. (Foto: Valado entre EEUU e México).
 

EEUU non parece disposto a dar marcha atrás na súa intención de construír un valado de máis de tres mil quilómetros na súa fronteira con México. O proxecto foi aprobado pola Cámara de Representantes en decembro pasado e en febreiro chegará ao Senado. Washington xa ordenara a construcción dunha barreira de malla metálica no paso fronteirizo entre Tijuana e San Diego, un dos puntos de cruce claves dunha fronteira altamente porosa e permeable.

Despois do derrube do muro de Berlín, sinónimo de superación das peores fronteiras, os valados crecen, e fano ademais a instancias dos que reclamaban a desaparición dos valados. Agora non son as ideas en si, son a seguridade (Israel) ou a miseria (México ou Ceuta) as causas que motivan a contención dos entusiastas da libre circulación de bens e servizos.

Os empresarios foron dos primeiros en protestar en EEUU. O presidente da Cámara de Comercio estadounidense, Thomas Donohue, di que o proxecto converte aos empresarios en delincuentes e aos traballadores en criminais. Sandy Cajas, da Cámara de Comercio Regional Hispana asegura que o texto asocia a latinoamericanos con indesexables. Pese a todo, non creo que a sensibilidade da clase empresarial garde relación coa protección dos dereitos humanos. Os empresarios dispoñen dun exército de varios millóns de indocumentados traballando en difíciles condicións para agrandar o progreso económico da superpotencia. A demanda non está cuberta, din, e o valado complicará a obtención de man de obra. EEUU necesita a inmigración, tanto por razóns demográficas (a partir do 2010 uns 77 millóns de estadounidenses comezarán a xubilarse) como económicas (en zonas concretas, por exemplo, nas zonas devastadas polos furacáns, están moi por debaixo das necesidades). Os mexicanos son a poboación inmigrante máis avultada. Preto de 11,2 millóns de mexicanos viven en EEUU, dos cales, o 57%, 5,9 millóns, non teñen status legal no país.

Luis Ernesto Derbez, chanceler mexicano, amosouse contrario ó proxecto de Washington. México avoga por unha reforma migratoria que contemple a regularización dos mexicanos que xa se atopan en Estados Unidos, un beneficio que debería ser extensivo aos familiares dos inmigrantes. Entre os plans de Fox estaba incluír na Declaración de Mar del Plata un texto salientando que os inmigrantes teñen dereitos laborais que deben ser respectados, sen importar o seu status migratorio (documentados ou indocumentados). Bush, que antes de chegar á Casa Branca, durante a campaña presidencial de 2000, prometera ao presidente mexicano unha solución para os miles de indocumentados que nunca chegou, opúxose no comezo, pero acabou por ceder. Iso foi en novembro. En decembro chegaba o valado.

Hai agora xustamente un ano, Bush propoñía ante a comunidade hispana "importantes cambios" nas leis de inmigración para que foran "máis razoables e humanitarias". Facía o anuncio con pompa e boato, nunha gran cerimonia na Casa Branca e ante os principais líderes da comunidade hispana, para presentar, dicía, un país máis compasivo. Estaba nos preliminares da campaña para a reelección. Este tamén é ano electoral, pero os ventos sopran noutra dirección.

Para o presidente Fox, aliado rexional, todo isto é sumamente vergoñento. Asumiu o cargo hai cinco anos prometendo un acordo de inmigración como parte dunha relación máis estreita con Estados Unidos. En cambio, a medida en que se acerca o fin do seu mandato, un valado aínda máis grande érguese entre os dous países. No mundo libre.