Foto: Xinhua / Zhang Duo

Cuba sen modelo que imitar

O presidente cubano Raúl Castro visitou Beijing recentemente. Tamén Hanoi. Esta súa primeira viaxe por terras asiáticas desde que en 2006 substituíra a Fidel espertou certo interese dada a coñecida admiración do primeiro secretario do PCC polos resultados económicos das reformas introducidas nos dous países. Meses antes desta visita, o vicepresidente do Consello de Ministros, Marino Murillo, considerado o arquitecto da actual reforma impulsada pola Habana, realizou unha xira previa co propósito de avanzar na axenda común e asegurar o éxito da iniciativa. Raúl Castro foi recibido ao máximo nivel.

Apartados xeográficos Latin America
Idiomas Galego

O presidente cubano Raúl Castro visitou Beijing recentemente. Tamén Hanoi. Esta súa primeira viaxe por terras asiáticas desde que en 2006 substituíra a Fidel espertou certo interese dada a coñecida admiración do primeiro secretario do PCC polos resultados económicos das reformas introducidas nos dous países. Meses antes desta visita, o vicepresidente do Consello de Ministros, Marino Murillo, considerado o arquitecto da actual reforma impulsada pola Habana, realizou unha xira previa co propósito de avanzar na axenda común e asegurar o éxito da iniciativa. Raúl Castro foi recibido ao máximo nivel.

Foto: Xinhua / Zhang DuoNo plano das relacións económicas exteriores, o primeiro problema para Cuba é asegurar un marco de cooperación estable. China é o seu segundo socio comercial, despois de Venezuela, cun volume de negocios que ascende a 1.800 millóns de dólares anuais. Os cambios políticos vividos pola rexión sudamericana nos últimos anos ofreceron un respiro moi importante á illa, pero demostrouse insuficiente ao non operárense cambios estruturais internos con incidencia efectiva na dinamización do sistema económico. As incertezas en Venezuela, pola  saúde de Chávez e o seu impacto o proceso político e electoral que vive Caracas, engaden motivos de preocupación que Raúl tentou equilibrar con esta xira asiática.

Con China e Vietnam, Cuba mantén lazos político-ideolóxicos de certa solidez a pesares das diferenzas que separan os seus modelos. É evidente igualmente que non pode confiar en establecer unha relación semellante con estes países á que mantiña cos socios económicos do extinto campo socialista europeo. Por iso, o futuro de Cuba segue pendendo da “actualización” do modelo, unha reforma que polo momento condúcese a través dos Liñamentos da Política Económica e Social aprobados en abril último, unha exploración que non acaba de definir cal será o modelo concreto que vai alentar, se ven os titubeos indican ás claras os temores a percorrer camiños que redunden nun cambio da orde económica existente.

Como pasou nos primeiros anos da reforma en China ou Vietnam, o reto agrario é determinante.  É ben difícil de entender que Cuba sufra crises alimentarias con tantas terras cultivables en desuso.  O Decreto Lei 258 (2008), autorizou a entrega de terras inactivas a traballadores privados e cooperativistas co obxectivo de incrementar a produción agrícola e pecuaria, substituír as importacións de alimentos -entre o 60%-70% do consumo--, e elevar as exportacións. Actualmente,  os agricultores privados, con algo máis do 24% das terras cultivables, achegan o 57% dos alimentos.

O fondo de terras ociosas no país elevouse a 1 millón 800 mil hectáreas; delas cedéronse 1 millón 450 mil hectáreas a 163 mil usufrutuarios, moitos deles, case o 30%, menores de 35 anos. Os resultados produtivos aínda non son significativos. Mentres, moitos reivindican revisar os mecanismos de almacenamento, transporte e distribución, creados por empresas e ministerios que xa demostraron a súa ineficiencia, acurtando a distancia entre o produtor e o consumidor e concedendo un maior papel ao mercado.

Como consecuencia dos cambios introducidos nos últimos anos, o desenvolvemento da economía privada permitiu a creación duns 160.000 pequenos negocios, unha dimensión realmente insignificante tendo en conta a dimensión do sector estatal. O traballo por conta propia estendeuse ata 181 actividades. O número de autónomos suma xa uns 400.000 traballadores... Son datos novos que ilustran como algo se move na illa. Non obstante, a Cuba, sen modelo propio definido nin modelo que imitar, non lle queda outra que afondar nunhas reformas que, como pouco, aseguren a curto prazo ese logro dunha maior eficiencia e calidade da produción, fomentando as complementariedades para evitar o colapso sistémico e impulsando medidas creativas que preserven o cerne do proceso histórico iniciado coa revolución. China e Vietnam, sen grandes intereses xeopolíticos na zona, prestarán o seu respaldo a esa orientación, pero o tempo das axudas xenerosas rematou.