Onte deron comezo, no capital exipcia, as sesións oficiais do Iº Cumio África-Europa, auspiciado pola OUA e a UE, con presencia dos dirixentes de 72 estados (15 europeos e 52 africanos). O documento final, preparado polos Ministros de Exteriores dos estados participantes, non insinúa ningún compromiso concreto nin no que atinxe a proxectos de cooperación nin moito menos a respecto da débeda externa do continente “pobre”, que nas últimas dúas décadas se ten triplicado e acada xa a cifra de 350.000 millóns de dólares.
Un século e cuarto despois de que as potencias occidentais acordasen, na Conferencia de Berlín (1885), o reparto de África, o desenvolvemento e progreso que prometían os imperialistas decimonónicos tense convertido en atraso, deterioro social, desintegración política e permanente conflictividade. Europa segue sen asumir as súas responsabilidades co continente esquecido. Diversos organismos de Nacións Unidas teñen elaborado informes nos que se anticipa que a pobreza se agudizará no próximo século e mesmo é posible que se repitan as “grandes fames” da década dos oitenta.
Baixo a copresidencia de Exipto e Alxeria (dirixente de quenda da OUA) este 1º Cumio está marcado pola diverxencia de enfoques entre a UE e os estados africanos. Mentres os primeiros centran os seus discursos nunha maior integración de África no mercado mundial e da súa presencia na OMC; os segundos coidan que este interese en aumentar as relacións comerciais é só unha forma máis de perseguir o beneficio, polo que sitúan en primeiro termo a necesidade de incrementar a axuda financeira ao desenvolvemento.
A política da UE vai máis dirixida a consolidar o diálogo cos países do Magreb, cos que ten serios conflictos en cuestións como a pesca, a agricultura ou as migracións, a través dos acordos euromediterráneos que en contemplar unha solución global para o continente.
A posibilidade de compromisos concretos é mínima, tanto na cuestión do recoñecemento do espolio artístico realizado polas potencias europeas nas súas antigas colonias, que suporía a devolución deste patrimonio ou algún xeito de compensación, coma na axuda na retirada de minas dos territorios que sufriron conflictos, labor de custes incalculables.
Semella que todo vai quedar en boas palabras e fermosas intencións, se ben a presión africana arrincou dos dirixentes europeos a continuidade destes encontros, as primeiras decisións quedaran pendentes, previsiblemente, ata o Cumio do 2003 a realizar baixo a presidencia semestral de Grecia.
Quen se da por satisfeito é Marrocos que conseguiu outra victoria diplomática ao impedir a participación no Cumio da República Árabe Saharauí Democrática. Os demais terán que conformarse con poder sentarse durante unhas horas na mesma mesa cos vellos colonizadores agora convertidos en refinados mercadores.