Davos

As elites mundiais dos negocios e a política déronse cita novamente en Davos, Suíza, para “remodelar o mundo”. Tremamos. O director executivo do evento, Klaus Schwab, falou de “optimismo cauto, expectativas limitadas e moitas incógnitas”. As invocacións a construír unha nova orde internacional son case tan vellas como o propio mundo, pero cando en foros como este se poñen á tarefa de “remodelar”, moito nos tememos que non será para restablecer os equilibrios básicos que achegan cohesión e xustiza ás sociedades. Desde o seu nacemento, sempre respondeu aos intereses económicos dos máis poderosos condensando un discurso no seu exclusivo beneficio.

Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

Trala crise global, provocada en boa medida polo tipo de retórica que emana destes conciliábulos, a carreira costa abaixo en materia de emprego, salarios e niveis de vida, precariedade á alza, etc., semella imparable. Os datos recentes que ilustran a fenda nos ingresos (85 persoas teñen tanto como a metade da poboación mundial, di Oxfam nun  informe), as xeracións perdidas, a perda de protección, a mingua do poder do Estado a favor das multinacionais, etc., para salvar un modelo económico baseado na concentración do poder e a riqueza e o empobrecemento da maior parte da sociedade só deriva en beneficio dos máis ricos a custa do sacrificio dos máis empobrecidos. Coas elites políticas convertidas en correas de transmisión dos  intereses de banqueiros e altos executivos das multinacionais, as clases medias e traballadoras malviven acurraladas. Velaí o seu mérito.

O aumento da inxustiza preocupa cinicamente á flor e nata deste capitalismo depredador que esperta un entusiasmo agresivo e insaciable. O disparate chegou a tal nivel de perfección que tanto é capaz de secuestrar as democracias como de ofrecer unha cara amable rodeados de estrelas do cinema e ONGs sensatas e empeñadas en que o sistema funcione mellor grazas á interlocución permanente con instancias como esta e outras como o FMI ou o BM gratamente coñecidas pola súa denuncia sistemática das violacións dos dereitos da cidadanía….

Davos está desacreditado. É, simplemente, Davo$. As súas contrarreformas, asumidas como dogmas de fe, destilan unha ideoloxía, o neoliberalismo, incapaz de proporcionar bases mínimas que respondan aos intereses desa maioría hoxe vulnerable en niveis de escándalo, a mesma que ante Davos mantén un pesimismo cauto, expectativas ilimitadas e ningunha incógnita. É a certeza de quen sabe dos riscos que asume a economía mundial por abrazar a doutrina destes iluminados provocando niveis intolerables de inxustiza.

Debe ser moi estimulante rodearse durante catro días coa flor e nata desta tropa tan especial pagando unha media de 20.000 dólares de inscrición. Non son de fiar.