Parlamento

De Camilo a Fraga pasando por Martínez Puñal

Na secuencia estatutaria que se abre en 1981, a acción exterior de Galicia ten dous fitos a conmemorar no ano entrante. O primeiro é a proposición non de lei dun tratado de relacións culturais entre Galicia e Portugal. Foi en 1982, hai corenta anos. O segundo, a creación da Secretaría de relacións coa UE e Acción Exterior no organigrama da Xunta de Galicia. Foi en 1997, hai 25 anos. Eses dous fitos, cos seus respectivos matices, marcan a progresiva irrupción da acción exterior na axenda política galega.
Liñas de investigación Paradiplomacy
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Idiomas Galego

Na secuencia estatutaria que se abre en 1981, a acción exterior de Galicia ten dous fitos a conmemorar no ano entrante. O primeiro é a proposición non de lei dun tratado de relacións culturais entre Galicia e Portugal. Foi en 1982, hai corenta anos. O segundo, a creación da Secretaría de relacións coa UE e Acción Exterior no organigrama da Xunta de Galicia. Foi en 1997, hai 25 anos. Eses dous fitos, cos seus respectivos matices, marcan a progresiva irrupción da acción exterior na axenda política galega.

Cabe sinalar que a citada proposición non de lei foi presentada polo entón deputado de Esquerda Galega, Camilo Nogueira. Aprobada por unanimidade, o seu cerne era a solicitude ao Goberno do Estado da celebración dun tratado que estableza relacións culturais entre Galicia e Portugal, ao abeiro do contemplado nos arts. 35.3 e 9.1 do Estatuto vixente. Antonio Martínez Puñal, daquela profesor colaborador de Dereito Internacional da USC, foi o artífice real daquel texto, que analizaría a posteriori con inevitable decepción á vista do incumprimento do aprobado polo propio goberno galego que pese a tantas palabras de eloxio de todas as forzas daquela presentes no Parlamento (os deputados do BNG ían camiño da expulsión por se negaren a xurar a Constitución), non sería obxecto de envío á presidencia do goberno do Estado (senón da Xunta e aí quedou  ad maiorem dei gloriam). Martínez Puñal destacaría sempre polo seu firme compromiso de dotar de contido e rigor esta incipiente política pública, cun desenvolvemento que acompañaría xenerosamente nos anos por vir.

Contar cunha política pública en materia de acción exterior era unha ambición fundacional que o IGADI sostiña nos anos 90, cando todo estaba a mudar tralo fin do mundo bipolar. A existencia, no goberno galego, dun departamento administrativo con esta finalidade, abría unha porta importante, aínda que se fundamentara de entrada no estrito marco comunitario, na captación de axudas, queixas comunitarias, xestión da información, interlocución coa homóloga estatal, etc. Esa dinámica era inevitable e coexistiría sempre cunha outra tendencia en ascenso, que era a asunción de espazos e relacións con terceiros países mais aló da contigüidade xeográfica. No seu desempeño, durante a presidencia de Fraga, había, en virtude tamén do talante dos seus titulares, unha vocación integradora que facía posible a colaboración público-privada. E de aí xurdirán iniciativas importantes.

Nese mesmo ano 97 crearíase tamén un departamento específico para as relacións coas comunidades galegas no exterior, unha segmentación que, incomprensiblemente, perdura no tempo, reflexo dunha concepción que nega na práctica a potencialidade da nosa diáspora como trampolín para o desenvolvemento dunha ambiciosa presenza exterior mais aló do asistencial, que tería outro complemento na cooperación ao desenvolvemento, feble pero en ascenso.

“Evitar la aparición de asilvestradas diplomacias paralelas”, dicía Remiro Brotóns para conxugar esa incipiente acción exterior no marco autonómico coa posición central da Administración do Estado neste eido. Cos límites coñecidos, foron anos creativos nos que se abriron portas á participación nun contexto, polo xeral, reticente, como igualmente era de esperar. Isto non lle restaba atractivo, ao contrario, e Galicia mesmo soubo ser referente episódico.

Entre un feito e outro, coa perspectiva do tempo transcorrido, é apreciable a perda de impulso dos últimos anos. Cosméticas aparte, este obedece non só ás políticas recentralizadoras estatais senón tamén á escasa sintonía das autoridades autonómicas actuais con aquela vontade de se arremangar na xestión dos nosos intereses estratéxicos e en liña coa longa e rica tradición galega de relación co mundo.