De la Rúa arrédase da Alianza

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego

O paquete de medidas de axuste impulsado por López Murphy é dunha dureza extraordinaria, que nin a Frepaso, nin algúns radicais son quen de soportar dentro do goberno. O programa do “Talibán do neoliberalismo”, do M. Boyer Arxentino, contempla unha reducción de 360.000 millóns de pesetas no gasto público no 2001, (deles máis de 200.000 na educación), e de 455.000 millóns para o 2002. Tamén prevé a eliminación do 30% do emprego público e unha nova reforma laboral. Medidas que en nada concordan co programa que levou a Alianza ao victoria electoral.

Dimisións, folgas, baile de ministrábeis, propostas gobernos de concentración sucédense sen saber, con certeza, cara onde camiña Arxentina a curto e medio prazo.

As contas da facenda arxentina non cadran, nin con axuste, nin sen el. Para este ano estímase un déficit público de 6.500 millóns de dólares (1 Billón, 189.500 millóns de pesetas). Ninguén dubida grande fondura da crise, nin da necesidade de medidas urxentes, pero a sociedade está cansa da espiral sen fin de… axustes, crises, axustes, crises…

De la Rúa ve con certa cobiza cara a Brasil e sabedor da lei da selva que rexe na economía globalizada, na que os mercados atacan, de xeito insaciábel, cando cheiran a debilidade, optou por unha persoa que sintonizando cos sectores financeiros e co FMI, puidese xerar a suficiente confianza para dar fin a 33 meses continuados de recesión e de incumpridas estimacións de reactivación . A desesperada solución obtivo o apoio do empresariado arxentino, pero sumiu ao país nunha crise política e social que precisa dunha nova reviravolta política. Se cadra, por isto, Dela Rúa estea xa a traballar na hipótese dun goberno de unidade nacional.

Logo de demandar o apoio explícito do presidente ao seu paquete de medias, Ricardo Hipólito López Murphy, enumerou, con rostro serio, o seu programa de medidas nunha inesquecíbel aparición nos medios de comunicación : Deixará de financiar unha boa parte do salario do profesorado que pagan a provincias, supresión de obras nos centros educativos, reducir nunhas 90.000 persoas o número de empregados públicos, privatizacións dos últimos anacos de titularidade pública que deixou o prodixioso lustro de Menem (Casa da Moeda, Lotería Nacional, terreos dos camiños de ferro, compañía de seguros), eliminación das becas e pensións que outorgan os deputados e senadores, IVE para as televisións por cabo e para os espectáculos deportivos, rebaixa de 60 millóns de pesos nos aportes ás caixas de previsións das Forzas Armadas, reducción dos programas de saúde, suspensión das pensións de máis de 600 pesos para as persoas que dispoñen doutro traballo, desaparición do subsidio de gas aos habitantes da Patagonia… O seu realismo descarnado colleitou ben poucas adhesións, indignación e magnas protestas non só entre os sectores afectados. No díagnóstico da crise, López Murphy, olla cara a época de Menem no goberno á que cualifica de dilapido. “Na última década o gasto público aumentou máis alá das xenuínas posibilidades de ser cuberto con ingresos fiscais. Ese desfase financeiro, primeiro foi financiado coa venda de activos estatais e logo con endebedamento.

Círculos próximos ao Presidente da Unión Cívica Radical (UCR) Raúl Alfonsín filtraron que estaba preocupado e furioso.

Nun laio propio das baladas de Joaquín Sabina escoitouse un “Que Demasiado”, “¡Ímonos!” saído da boca dos ministros da Frepaso Ricardo Mitre e Marcos Makón que dimitían cinco días despois de ter aceptado o cargo.

En termos non menos duros se expresaron Storani e Juri da UCR, “este é un equipo fundamentalista, moi ideolóxico na fe cega no mercado.

Pese a rachar o goberno, frepasistas e radicais coincidían en manifestar que a Alianza está viva. Non somos nos os que nos imos da Alianza; é o goberno o que se arreda ao incumprir os seus principios, vaise De la Rúa con Murphy.

Nesta dobre tesitura de apoios e oposición ao goberno o radicalismo corre risco de fractura. Mais parecen maioritarios os sectores que afirman que o partido manterase unido, mais agora unido contra o goberno. Cun debilitado apoio parlamentario, o goberno vai ter dificultades para que o seu programa sexa aprobado no congreso. Se cadra por isto estea a recadar apoio para poder adoptar medidas excepcionais delegando poderes lexislativos no goberno.

Son moitos os sectores en pe de guerra. Para o 5 e o 6 de Abril ten convocado un paro a CGT( disidente) de Hugo Moyano, é posíbel que se sume a CGT (oficialista) de Rodolfo Daer, a CTA de Victor de Gennaro. Mais son os castigados docentes da CTERA os que xa teñen tomado a dianteira convocando paros para hoxe e mañá, paros que na universidade xa comezaron onte. En Mendoza un mestre ten un salario básico de 9.700 pesetas e só cos complementos, agora eliminados, podería chegar a ter un soldo de 65.000.

Na universidade un recorte do 30% do seu orzamento, equivalente a máis dos salarios trimestrais de todos os docentes universitarios, emporiso podía verse nos muros universitarios un Cartaz de Murphy exercendo de Hannibal, devorando estudiantes.

Neste incerto transo resoan as filtracións de Alfonsín de Chacho Álvarez afiando as gadañas, nos que lle daban unha semana de vida ao Programa de Murphy e cobran forza os movementos para colocar a Domingo Cavallo nun posto que eclipse Murphy, na presidencia do Goberno ou na carteira de economía. Mais, o antigo ministro de Menem causante de boa parte do déficit público actual, quere antes de aceptar, ter garantido o apoio explícito dende dentro do goberno de radicais e da Frepaso, e alomenos dunha parte do xusticialismo.

Só con estas garantías estaría disposto a ser a cabeza de reviraxe económica e, mesmo, a facer heterodoxia económica. Aínda conserva o prestixio de ter liquidado e monumental inflación e de encarrilar ao país en niveis de crecemento envexábeis.

Se non fose porque non é tempo de dictaduras en América Latina, os sables castrenses estarían afiando os gumes para asestar o golpe de gracia a este goberno. ¡Que así non sexa!