De Osama a Obama

Habida conta da eliminación física de Osama Ben Laden, a nova non deixa de ser un simbólico golpe de efecto favorable ao presidente estadounidense Barack Obama, en especial tendo en conta o contexto político interno e internacional para a súa administración, determinado pola crise económica, a presión republicana no Congreso, o recente anuncio de postularse para a reelección presidencial en 2012 e a indefinición e incerteza da guerra interna en Libia e dos cambios no mundo árabe e Oriente Próximo, escenarios onde Washington manifesta unha clara “dobre vara de medir”, en función dos seus intereses xeopolíticos.

Desde hai tempo, Ben Laden constituía practicamente unha especie de figura marxinal incluso dentro da súa rede Al Qaeda, cuxa perda de peso e influencia a través da prosecución de atentados terroristas resultaba notoria nos últimos anos. Polo tanto, a súa caída non deixa de constituír un efecto simbólico que retrotrae ao centro da atención a estratexia antiterrorista internacional iniciada tralo 11/S de 2001 polo ex presidente George W. Bush, e que deu paso á impunidade mais absoluta por parte de Washington a nivel global, en especial coa guerra de Iraq en 2003 ou as violacións do dereito internacional a través do penal de Guantánamo e dos voos ilegais da CIA.

Por tanto, no contexto de confusión e indefinición sobre o que actualmente sucede no mundo árabe, Obama tentará rendabilizar ao seu favor este golpe simbólico que supón eliminar ao aínda considerado “inimigo Nº 1” de EEUU, todo isto baixo o espectro dunha Al Qaeda aparentemente debilitada na súa estrutura e na difusión da súa mensaxe “yihadista salafista”, visiblemente superada e incapaz incluso de adecuar a súa estratexia ante a riada inesperada de cambios no mundo árabe e musulmán.

Resta observar cal será o impacto real da desaparición de Ben Laden no contexto centroasiático e, especialmente, na porosa fronteira entre Paquistán e Afganistán, onde se presume está refuxiada a rede Al Qaeda. É incluso posible especular con que Ben Laden podía incluso constituír un serio obstáculo para diversos grupos de poder dentro dos Talibán, o cal certificaría a súa perda de poder e influencia.

En todo caso, o aparente éxito da operación de intelixencia da CIA contra Ben Laden persuadirá con maior forza a Washington para intensificar os parámetros dunha estratexia antiterrorista con visos de ilegalidade. Tras acabar con Saddam en Iraq e agora con Ben Laden, o obxectivo céntrase claramente no derrube do líder libio Muammar al Gadafi, curiosamente vítima dun recente ataque militar por parte da OTAN en Trípoli, e que acabou coa vida dun dos seus fillos e varios netos.