Á tradicional crítica que acusa ás ONGDs de deixarse guiar polos intereses xeopolíticos dos gobernos que as financian, sumáronse recentemente as denuncias respecto de comprometidos fallos de xestión en organizacións de renome que poñen en cuestión a propia bondade dos seus obxectivos. En consecuencia, repunta unha certa e non de todo desafortunada reivindicación do espazo público na xestión da cooperación internacional ao desenvolvemento. Certamente, carece de sentido que o poder público renuncie a unha xestión directa e ambiciosa neste aspecto, optando por unha distribución de recursos, máis ou menos fundamentada, entre milleiros de entidades non gobernamentais que en máis dun caso carecen de proxecto. Esa grupusculización escasamente cooperativa, xunto á falla de control público efectivo nas súas dinámicas, están a levar a unha certa deslexitimación dun movemento que nos últimos anos evolucionou nunha dirección enormemente distante dos fundamentos que están na orixe de moitas delas.
Toda xeralización é unha simplificación absurda e, polo tanto, debemos evitala. Pero o que si é verdade é que o acriticismo, o apoliticismo, o asistencialismo, etc, son actitudes que proliferan a cotío e que substitúen aos comportamentos fortemente politizados, críticos e transformadores que están non cerne de moitas ONGDs e da cooperación non oficial, esta cada vez máis comprometida con intereses moitas veces afastados das consideracións humanitarias. O predominante rumbo actual leva ao desencanto aos que se achegaron a estes lares desesperanzados pola transformación da política partidaria nun exercicio oligárquico e pola desconfianza respecto aos parámetros dunha axuda oficial que, canalizada en exclusiva a través dos gobernos, apenas chegaba aos cidadáns comúns. Hoxe, a defensa dunha epidérmica democracia homologable semella ser a máxima aspiración de moitas ONGDs, o que coincide co discurso global que alenta e serve de argumento ás guerras máis terribles dous últimos anos ou ás políticas neoliberais que desmantelan os servizos sociais que logo as propias ONGDs tentan restaurar.
Hai moitas ONGDs necesarias que militan nun compromiso totalmente distinto e de maior calado, pero todos os actores da cooperación precisan levar a cabo un esforzo de clarificación dos seus espazos que as afaste tanto dunha instrumentalización estratéxica inconsciente como da condición de coartada dun vergonzante autobombo institucional que faría palidecer aos protagonistas da pobreza e vítimas do mesmo sistema que, guste ou non, entre todos afortalamos.