Dereitos Humanos no Tíbet: a eterna incerteza

Apartados xeográficos Asia ARCHIVE
Idiomas Galego

Ningunha personalidade política do país recibiu, o pasado mes de outubro, durante a súa visita a España, ó XIV Dalai Lama, máxima autoridade relixiosa e espiritual do Tíbet. ¿As razóns? Seica variadas, pero é moi probable que as presións exercidas pola República Popular de China para que o Dalai pasase desapercibido sexan máis ben de índole económica. Dende o ano 1950, China viola de forma sistemática os dereitos e liberdades fundamentais do pobo tibetano, desenvolvendo na rexión unha política de intrusión e ocupación co obxectivo de acabar coa cultura e o modo de vida tibetanos. Expresión, se cabe, máis “politicamente correcta” e que permite eludir a evidencia de que a República Popular de China está a acometer na zona unha limpeza étnica.

Argumentando “penurias económicas ocasionadas polo réxime feudal tibetano” sobre a poboación local, China iniciou a ocupación desta rexión asiática o 7 de outubro de 1950 ante a pasividade da comunidade internacional, que se limitou a dar leves respostas de simpatía a un país que semellaba illado a nivel mundial. As palabras do goberno tibetano no exilio, establecido en Dharamsala (India), constitúen unha mostra das terribles represións sufridas polos tibetanos entre 1956 e 1958: “[…] Os chinos torturaron ó pobo tibetano, algúns monxes e monxas foron obrigados a copular en público, algúns nenos foron obrigados a disparar ós seus pais […] Tibetanos crucificados, queimados vivos, decapitados e despezados. Pobos enteiros foron arrasados e borrados do mapa […]”.

Dereito á vida, liberdade de prensa, liberdade de culto… semellan atribucións utópicas para un pobo afeito á política de esterilización, á erradicación progresiva dos seus valores culturais, á negación das súas crenzas relixiosas, á humillación. Ó exterminio, en definitiva. As cifras de mortos dende a ocupación manexadas polo goberno tibetano no exilio e por organizacións non gobernamentais como Amnistía Internacional roldan os 1,2 millóns, unha sexta parte da poboación actual do Tíbet. Afeitos a seren una minoría na súa propia terra –na rexión conviven 6 millóns de tibetanos e 7,5 millóns de chinos-, os tibetanos vense desprazados en tódolos ámbitos da sociedade. Ó feito de que entre un 20 e un 30 por cento da poboación orixinaria viva nos suburbios, cómpre engadir o amplo abanico de privilexios cos que o goberno da República acompaña o traslado de cidadáns chinos á rexión. Vantaxes na educación, na vivenda ou no emprego son algúns dos exemplos que poderiamos mencionar.

Prácticas como a tortura ou a vixencia, en pleno século XXI, da figura do preso político non son de estrañar no Tíbet da ocupación. En 1998, foron contabilizados na rexión 1.200 presos políticos, 37 máis en 2001. Dez deles perderon a vida, segundo o Tibetan Centre, tras seren torturados nos cárceres tibetanos. O mesmo Tibetan Centre destaca que “historicamente, a tortura supón un problema inherente ó sistema penitenciario chino”. O 31 de maio de 1985, China Legal News destacaba, neste sentido, que “este problema resulta extremadamente serio en certas áreas e unidades […] dá a impresión ás masas de que todo aquel que entre no Departamento Público de Seguridade será golpeado irremediablemente”.

A República Popular de China viola, polo tanto, todos e cada un dos acordos internacionais por ela ratificados ou ben asinados, esquecendo con isto que a sinatura dun tratado destas características implica unha obrigación moral que baixo ningún concepto ten sido asumida. Tal é o caso da Convención Contra a Tortura, adoptada pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas en decembro de 1984 e ratificada pola República Popular en outubro de 1988. Por esta mesma razón, a comunidade internacional pode ser considerada “corresponsable” das atrocidades cometidas polo goberno chino no Tíbet ó ter omitido o seu deber de protexer ós tibetanos e de obrigar a un Estado a cumprir cos compromisos internacionalmente adquiridos. A comunidade internacional no só non intervén con accións contundentes no conflicto organizado nesta rexión do interior asiático, senón que se limita a dar toques de atención e a manifestar a súa solidariedade co goberno tibetano no exilio. Sen dúbida, o dereito de veto da República Popular de China no Consello de Seguridade das Nacións Unidas e a súa mesma entrada na Organización Mundial do Comercio impiden calquera acción da comunidade internacional que vaia máis alá das meras declaracións. As expectativas de maiores beneficios no mercado mundial difuminan as denuncias daqueles países tradicionalmente erixidos en defensores dos dereitos humanos.

A silenciación da recente visita do Dalai Lama a España constitúe un novo paso neste sentido. Poida que infructuoso se se teñen en conta as palabras do propio Dalai: “A represión nunca poderá acabar coa determinación da xente para vivir en liberdade e dignidade”.