Winter Olympic Games Beijing 2022

Despois dos Xogos Olímpicos: Tensións diplomáticas en Beijing 2022 e Tokio 2020

A cerimonia de clausura executada o pasado domingo 20 de xaneiro no Estadio Nacional de Pequín supuxo o  broche final á excepcional dobre cita olímpica levada a cabo en menos dun ano no continente asiático. Tras un adiamento histórico, e marcados pola aínda vixente pandemia da COVID-19, realizamos un breve repaso ao desenvolvemento de ambos eventos e a súa relación coas relacións internacionais e as predicións expostas fai uns meses na serie de artigos ao redor da diplomacia deportiva.
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Others
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

A cerimonia de clausura executada o pasado domingo 20 de xaneiro no Estadio Nacional de Pequín supuxo o  broche final á excepcional dobre cita olímpica levada a cabo en menos dun ano no continente asiático. Tras un adiamento histórico, e marcados pola aínda vixente pandemia da COVID-19, realizamos un breve repaso ao desenvolvemento de ambos eventos e a súa relación coas relacións internacionais e as predicións expostas fai uns meses na serie de artigos ao redor da diplomacia deportiva.

Os derradeiros Xogos Olímpicos de Inverno Pequín 2022 víronse totalmente eclipsados pola escalada de tensións no conflito entre Ucraína e Rusia que tivo lugar durante o seu transcurso, relegando o evento a un segundo plano mediatico. Isto tamén puxo de manifesto o poder tan só simbólico na actualidade da Tregua Olímpica, que previo ao inicio do evento foi adoptada por consenso polos 193 países da ONU e recibido polo COI cun grande optimismo, mais non amosou ter ningún impacto real na pacificación do conflito.

O conflito ruso-ucraíno non foi o único protagonista pois, como aventurábamos fai un ano, finalmente  15 nacións, encabezadas polos EUA, optaron por un boicot diplomático a China, non enviando ningún tipo de representación política, mais si deixando competir aos seus atletas. Este boicot, en condena pola represión e os crimes contra a humanidade que persisten en Xinjiang e no Tíbet, e ao recorte de liberdades en Hong Kong, exacerbou a hostilidade política e remarcou as posicións destas democracias occidentais respecto ao país asiático.

Si que estivo presente o líder ruso Vladimir Putin pese a vixente sanción por dopaxe a Rusia, que non competía baixo o seu nome nin bandeira, co que se emitiu un comunicado conxunto horas antes do inicio dos Xogos en oposición á expansión da alianza militar occidental, deixando novamente claro o evento como escenario de reunións bilaterais e posicionamento  político dos estados. Tamén foi unha oportunidade para reforzar as relacións bilaterais con Pakistán, materializadas na sinatura durante a cerimonia de inauguración dunha serie de acordos de diversa índole, dende áreas de infraestrutura ata deporte e cultura.

Así e todo, pese ás polémicas, non todo foi negativo na organización do evento que, ademais dunha oportunidade para estreitar os lazos con gobernos amigos xa mencionados, supuxo unha boa proxección internacional e unha oportunidade para probar a eficacia das súas ríxidas medidas fronte á pandemia, contribuíndo a mellorar a imaxe do que supoñía un dos maiores focos de problemática para o país dende o inicio da expansión do virus dentro das súas fronteiras.

Finalmente, o COI realizou unha valoración positiva da realización e o impacto dos Xogos, destacando “o grande espírito olímpico que caracterizou estes Xogos e as escenas positivas que protagonizaron algúns atletas pese aos enfrontamentos xeopolíticos dos seus países”, en referencia ás imaxes de deportividade vividas entre deportistas rusos e ucraínos ou entre chineses e estadounidenses. 

Moito menos tensa foi a situación diplomática fai uns meses en Tokyo 2020, onde a principal polémica foi a forte oposición dunha gran parte da poboación nipoa á realización dos Xogos Olímpicos de Verán na capital mentres o país batía récords diarios de contaxios e falecidos, e así o deixaron patente en multitudinarias protestas antes e durante o transcurso destes. 

A organización do evento logrou silencialas parcialmente e, pese a difícil xestión e varios brotes de COVID na vila olímpica, un resultado final exitoso acadou vender unha imaxe de unión e cooperación internacional para superar as adversidades, e a realización dos xogos olímpicos máis verdes, inclusivos e igualitarios da historia.

Esta calma cedeu o protagonismo aos atletas. E non tan só dentro das pistas, senón que serán recordados como uns dos xogos máis reivindicativos da historia, co alegato á saúde mental de Simone Biles como a imaxe máis destacada da cita, por riba dos resultados deportivos. Non sería esta o único reclamo pese á prohibición reiterada do COI de “ningún tipo de manifestación nin propaganda política, relixiosa ou racial”, revelándose os deportistas como ferramentas da diplomacia deportiva, magnificados polo foco mediático do evento e pola relevancia sen precedentes das redes sociais nesta edición para a difusión das súas mensaxes.

Destacaron, entre outras, reivindicacións de carácter racial, como a bandeira aborixe exhibida pola selección australiana de fútbol feminino, ou o xesto de fincar o nocello en apoio ao movemento Black Lives Matters previo a diversos enfrontamentos e incluso durante a rutina da ximnasta Luciana Alvarado; e a favor das minorías, exemplificadas no xesto de X cos brazos realizado no podio pola lanzadora Raven Saunders representando “a intersección de tódalas persoas oprimidas”, ou as dedicatorias dos triunfos do clavadista Tom Daley e a boxeadora Nathy Petecio ao colectivo LGBT+, precisamente nun país onde non está permitido o matrimonio igualitario.

Houbo tamén manifestacións de carácter plenamente político como as insignias de Mao Zedong lucidas polo equipo chinés feminino de sprint no podio, o grito da revolución cubana de Julio Cesar de la Cruz tras gañar o ouro en boxeo, e o caso máis polémico: a retirada do judoka alxerino Fethi Nourine ante a posibilidade de enfrontarse a un loitador israelí, defendendo que “a causa palestina é máis grande”. Este último foi sancionado pola Federación Internacional de Judo cunha suspensión de 10 anos, sendo o único que obtivo represalias malia a que o COI investigou varios dos actos mencionados.

 Esta relevancia dos deportistas foi sen dúbida beneficiosa para Galicia, xa que o éxito dos seus atletas é unha das poucas bazas que podía aproveitar neste tipo de eventos nos que non pode competir baixo bandeira propia nin lucir emblemas ou patrocinios. Cadrou xustamente coa mellor participación galega da historia tanto en número, con 25 deportistas olímpicos e 16 paralímpicos, como en resultados, acadando 10 medallas entre ambos eventos. Estes atletas actuaron e actuarán como representantes da marca Galicia nos propios eventos, entrevistas, redes sociais e posteriores actos institucionais, demostrando a importancia de establecer colaboracións e de investir neles, pois o alcance que podan ter dependerá dos resultados, e a imaxe que proxecten pode estar moldeada polo trato e as oportunidades que reciban.

En definitiva, ámbalas dúas citas olímpicas reafirmaron a capacidade dos eventos deportivos para obter proxección internacional, favorecer posicionamentos e negociacións entre estados, e de ofrecer un altofalante político e social. E ambos países organizadores lograron un cumprimento, non total pero si bastante aceptable dadas as circunstancias, dos seus obxectivos iniciais ou marcados tras a pandemia. Non obstante, as polémicas que involucraron puxeron de manifesto unha alza na perda de lexitimidade e consenso social que xa proviña de edicións anteriores e que, sen dúbida, vai aumentar tras o próximo macro-evento a realizarse tamén este ano: o mundial de fútbol en Qatar, que non cesa de sumar polémicas e oposicións en tanto que se acerca a data, pola violación de dereitos humanos dentro do propio réxime qatarí así como na organización do evento.