Ningún escenario mellor que un Teatro coma o Dubrovka de Moscova para representar ante todo o mundo a esquecida traxedia ruso-chechena: a impotencia suicida que emerxe de Grozni, a cólera impotente do Kremlin. A posta en escena do Presidente Putin inclúe os fantasmagóricos decorados que hoxe ilustran a total ruina, física e humana, de Chechenia e as numerosas sombras que aínda planean sobre os criminais atentados que asolaron a capital e outras cidades rusas que lle permitiron gañarse o apoio da opinión pública, virada contra a guerra en tempos de Ieltsin e maioritariamente a favor, agora, segundo afirman os estudios demoscópicos. Putin, frío pero hábil manipulador das conciencias, varre con todo ata o punto de conseguir opacar a súa responsabilidade directa en tantas mortes que se poderían evitar. Sí, se poderían evitar.
En apariencia gañou o Kremlin: os terroristas foron liquidados, non se cedeu á chantaxe; quen soñe con intentalo outra vez sabe o que lle agarda. Non haberá miramentos: o Estado vai ser salvagardado a calquer prezo. ¿E a democracia? O fráxil sistema de liberdades en Rusia foi o primeiro en abanear. A redobrada censura informativa impedirá a partir de agora que sabíamos algo minimanente fiable de canto está a acontecer nas montañas caucásicas. Esquecendo os máis elementais compromisos cos dereitos humanos, o exército resucita os pogroms, dinamita casas, mata o gando, detén a sospeitosos e dispara a todo o que se lle pon por diante. Antes tampouco tiñan reparos, pero os intentos de "humanizar" a guerra con procesos vergoñentos a algúns militares que mesmo delinquiron en tempos de conflicto, actuaron como un freno do ensañamento. Agora volverán ás andadas e pior, máis intenso e sen testigos, nin dentro nin fóra, envalentonados, escudándose en que todos estamos moi preocupados co terrorismo. A loita antiterrorista sirve tanto para un roto como para un descosido.
Volver a Jasaviurt, aos acordos que o xeneral Lebed asinara con Masjadov, o aínda presidente checheno, é a única solución realista para un conflicto que, do contrario, seguirá golpeando a sociedade e a conciencia rusa e internacional por moito tempo. Hoxe o diálogo aínda é posible, quizáis dentro duns anos xa non ao convertirse o país nunha reserva de odio e delincuencia difícilmente eliminable, retroalimentado polas innumerables familias destruidas e os irreparables danos causados.
Que un país das necesidades e carencias de Rusia se permita o luxo de queimar miles de millóns de dólares nun conflicto sen saída revela ata que punto a política do Kremlin está desquiciada e carece de rumbo.
A reivindicación de paz para Chechenia e a condena da política xenocida de Putin nada ten que ver co apoio a Basayev ou aos terroristas chechenos, que os hai, ou á proclamación dunha república islámica no sur de Rusia, nin significar mesmamente respaldo do independentismo checheno. É simplemente un exercicio de cordura que hoxe máis que nunca debería atraernos a todos para impoñer algo de sensatez e valor no complexo mundo que nos toca vivir.