Dun Zar a un Sultán

A reiterada reprodución nos mass media dunha matriz de opinión tendente a considerar a súbita confrontación entre Rusia e Turquía tralo recente abatemento dos cazas rusos Su-24 en territorio turco como un pulso directo entre o presidente ruso Vladimir Putin e o seu homólogo turco Recep Tayyip Erdogan, cualificados sen ambigüidades  como se de “zares” e “sultáns” se trataran, desestima as implicacións xeopolíticas trazadas por unha OTAN contemporizada por un conflito sirio cada vez mais degradado, en particular ante as confusas e contraditorias alianzas existentes na loita contra o “yihadismo” do Estado Islámico. No trasfondo da inesperada crise turco-rusa anúnciase un pulso de varias dimensións, orientado a trazar un novo equilibrio estratéxico dentro do espazo euroasiático, escenario onde Rusia e Turquía asúmense como pezas imprescindibles nun taboleiro xeopolítico que ten a Siria como epicentro de tensión e á OTAN como actor expectante.

Apartados xeográficos Europe
Palabras chave Rusia Turquía OTAN
Idiomas Galego

A reiterada reprodución nos mass media dunha matriz de opinión tendente a considerar a súbita confrontación entre Rusia e Turquía tralo recente abatemento dos cazas rusos Su-24 en territorio turco como un pulso directo entre o presidente ruso Vladimir Putin e o seu homólogo turco Recep Tayyip Erdogan, cualificados sen ambigüidades  como se de “zares” e “sultáns” se trataran, desestima as implicacións xeopolíticas trazadas por unha OTAN contemporizada por un conflito sirio cada vez mais degradado, en particular ante as confusas e contraditorias alianzas existentes na loita contra o “yihadismo” do Estado Islámico. No trasfondo da inesperada crise turco-rusa anúnciase un pulso de varias dimensións, orientado a trazar un novo equilibrio estratéxico dentro do espazo euroasiático, escenario onde Rusia e Turquía asúmense como pezas imprescindibles nun taboleiro xeopolítico que ten a Siria como epicentro de tensión e á OTAN como actor expectante.

Á presión occidental cara un Putin que claramente ven gañando terreo no espazo internacional, particularmente trala anexión de Crimea (marzo 2014) e o fait accompli dunha secesión no Leste ucraíno prorruso, vese igualmente materializada pola confusa crise dos cazas rusos abatidos en territorio dun aliado estratéxico chave para Occidente e a OTAN, como é o caso de Turquía. Paralelamente, as tensións internas en Turquía ameazan con procrear un clima de inestabilidade e fractura, provocada polas repercusións do conflito sirio e polas contrariedades dun Erdogan convencido en avanzar na consecución dun novo modelo político que signifique unha ruptura histórica co pasado kemalista.

Neste sentido, o eventual fortalecemento dos imperativos xeopolíticos rusos dende Crimea ata o Mediterráneo e Oriente Próxio, así como a previsible inestabilidade turca, supoñen serios perigos e riscos para os intereses atlantistas vía OTAN, e mais aínda cando Moscova e Ankara viñan deseñando nos derradeiros tempos unha posible vía de asociación estratéxica, tanto enerxética como xeopolítica, e cuxa ampliación abarcaba con menor intensidade a China e Irán.

Cómo domesticar a Erdogan

Cunha notable hexemonía política e electoral desde a súa chegada ao poder en 2003, resulta evidente Erdogan e o seu partido islamita moderado AKP sacudiron os cimentos da Turquía kemalista prooccidental, apostando por unha vía mais autonomista. Así, Erdogan apostou pola vía multilateral, con achegamentos cara Rusia, China, Irán, Brasil ou India, entre outros, e participación cada vez mais activas en foros como os BRICS. Semellante reorientación xeopolítica turca era interpretada con notable contrariedade en Washington e Bruxelas, sede da OTAN e da Unión Europea, alterando unha serie de intereses anteriormente establecidos, en particular a través da poderosa casta militar turca, o principal rival e inimigo político de Erdogan.

Con todo, o contexto 2015, principalmente traducido pola crise siria, o drama dos refuxiados e as perspectivas de inestabilidade política electoral en Turquía, desarticulou todo tipo de escenarios. Se ben lograron consolidar a súa hexemonía nos comicios municipais de abril pasado, Erdogan e o AKP non acadaron a ansiada maioría absoluta nas parlamentarias celebradas posteriormente no mes de xullo, abrindo un contexto postelectoral de crise política traducida na incapacidade de Erdogan por constituír un goberno de coalición. Este escenario postelectoral levou incluso a un feito inédito: o achegamento político do AKP co seu tradicional rival, o kemalista Partido Republicano do Pobo (CHP), bastión político e voceiro da poderosa casta militar turca así como o denominado “Estado profundo”, a poderosa rede de alianzas ramificadas nas estruturas de elites burocráticas, militares e económicas sumamente receosas coa orientación autonomista e as pretensións hexemónicas de Erdogan e o AKP.

Contrariado polas dificultades internas, Erdogan debeu circunstancialmente conceder concesións ao estamento militar para non contrariar os intereses da OTAN. Así pode explicarse a súa decisión unilateral en agosto pasado de suspender as negociacións de paz cos curdos, revitalizando un conflito a través dunha decisión que supuxo un apéndice claramente orientado a focalizar a súa atención de cara ao conflito sirio e a contención das pretensións soberanistas das milicias curdas que loitan contra o Estado Islámico e o réxime de Bashar al Asad, de conformar un Estado curdo independente de feito en plena fronteira con Turquía.

Toda vez, a crise dos refuxiados sirios cara Europa involucraba un problema humanitario do que a Unión Europea non se quere facer cargo. O resultado foi un inesperado achegamento nas negociacións de admisión entre Turquía e a Unión Europea, paralizadas na derradeira década pola orientación menos pro-occidental de Erdogan. Este revival entre Ankara e Bruxelas, co tácito aval de Washington e a OTAN, foron fortalecidas durante a súbita visita a Ankara da chanceler alemá Ángela Merkel, unha semana antes da repetición dos comicios parlamentarios turcos do pasado 1º de novembro, onde Erdogan e o AKP lograron outra maioría hexemónica aínda que non absoluta.

Vía Merkel, Europa está agora disposta a colocar a Turquía como o “xendarme necesario” que conteña o aluvión de refuxiados sirios, a cambio de axudas económicas (3.000 millóns de euros) e do fast track da admisión turca na UE. Para xaneiro de 2016 está previsto o ingreso definitivo turco no espazo Scheguen, co cal finalizarían os trámites de visados para cidadás turcos e europeos. Pero a perspectiva atlantista busca ser mais ampla, e moi probablemente estea deseñada na contención dos imperativos rusos esgrimidos por Putin trala crise ucraína.

A contención de Putin

No medio, Putin decidiu inesperadamente alterar a parálise exterior cara o conflito sirio intervindo en setembro pasado, a través da asistencia militar de apoio ao réxime de Bashar al Asad, aliado de Moscova. Mais que a resolución do conflito sirio ou o mantemento de al Asad no poder en Damasco, a estratexia de Putin concíbese en delimitar unha área de influencia para os intereses rusos dende a península de Crimea ata Oriente Medio, pasando pola base militar rusa na localidade siria mediterránea de Tartus.

Aparentemente convencido de que as dificultades postelectorais de Erdogan estaban subitamente reorientando os canais de achegamento entre Turquía e Occidente, Putin decidiu tomar cartas no labirinto sirio para defender os seus intereses estratéxicos.

Deste xeito, a tensión cada vez mais evidente entre Putin e Erdogan espallouse coa crise dos cazas rusos da semana pasada. Con razóns lexítimas por ambos bandos de reclamar a culpabilidade desta acción, en particular polas acusacións de Ankara de violación do seu espazo aéreo e de Moscova de frear a ofensiva rusa contra o Estado Islámico, o que traduce esta crise é a repentina viraxe pro-occidental dun Erdogan acosado en diversos frontes, e cuxas constantes ambigüidades xeopolíticas comezan a trazar unha estratexia hexemónica de eventual perpetuación no poder. Curiosamente, unha pretensión constantemente reproducida nos medios occidentais, que lle acusan de tentar procrear unha especie de “sultanato neo-otomán”, epíteto moi similar que igualmente se utiliza contra un Putin acusado no exterior de presuntamente reproducir un “zarismo” autocrático postmoderno.

No epicentro desta crise está o labirinto sirio. Turquía e a OTAN esperan conter a ofensiva rusa contra o Estado Islámico, debilitando así a un réxime de al Asad recentemente fortalecido pola intervención rusa ao seu favor. Con todo, os avances na contención do Estado Islámico parecen subitamente persuadir a Occidente sobre a necesidade de contar con al Asad na estratexia anti-yihadista impulsada polo presidente francés François Hollande tralos atentados terroristas de París.

Paralelamente, Ankara espera redeseñar o mapa sirio mantendo baixo a súa esfera de influencia o reforzamento da comunidade turcomán en Siria e debilitando as pretensións soberanistas curdas, amplamente beneficiadas por esta ofensiva rusa contra posicións yihadistas.

Alén das sancións comerciais de Moscova a Ankara e dunha tensión que paulatinamente comezará a esvaecerse a través dos canais diplomáticos, os resortes da crise turco-rusa retúmbanse dentro dos imperativos estratéxicos dunha OTAN que tenta a toda costa recuperar a Turquía como socio dócil, apuntando a unha Rusia que volve a pisar forte no escenario global. Un revival do Kremlin que, en perspectiva global, moi probablemente lle obrigará a reforzar os lazos estratéxicos con China. Nesta confusa historia entre “zares” e “sultáns”, a OTAN adoita ter unha papel chave.