20050525inauguracion oleoduto baku ceyhan

Dunha tutela a outra

 Inauguración do oleoduto Baku-Ceyhan, clic para aumentar
Na inauguración do oleoduto Baku-Ceyhan estaban todos presentes: presidentes de Azerbaidzhan, de Xeorxia, de Turquía, de Kazakstán, acompañados dos representantes diplomáticos europeos e estadounidenses, todos de ganchete coas respectivas multinacionais petroleiras (BP, ConocoPhilips, Unocal, Amerada Hess, Total, ENI, Statoil, Itochu, Inpex, TPAO, Socar), é dicir, un crisol multinacional integrado por compañías de EEUU, do Reino Unido, de Xapón, francesas, italianas, turcas, xaponesas, norueguesas, e azerís. Faltaba Rusia, naturalmente. (Foto: [de esquerda a dereita] Ahmet Necdet Sezer, presidente de Turquía; Mikhail Saakashvili, presidente de Xeorxia; Samuel Bodman, secretario de Enerxía de EEUU; Ilham Aliyev, presidente de Azerbaidzhan; e John Brown, xefe executivo de BP PLC, na ceremonia de inauguración do oleoduto Baku-Tbilisi-Ceyhan o 25 de maio de 2005, na terminal de Sangachal, a 40 km de Baku, Azerbaidzhan).
 

Seguro que os cambios políticos rexistrados en Xeorxia, no Cáucaso ex soviético, e a inauguración, hai unhas semanas, do oleoduto Baku-Ceyhan, que atravesa este país, evitando Rusia (e Irán), non teñen nada que ver. E de selo contrario, habería que exaltar as bondades do lobby petroleiro no asentamento das novas democracias. Non todo vai ser negro neste asunto do petróleo.

Na inauguración deste "oleoduto que vai cambiar o mundo", segundo palabras do británico The Independent, estaban todos presentes: presidentes de Azerbaidzhan, de Xeorxia, de Turquía, de Kazakstán, acompañados dos representantes diplomáticos europeos e estadounidenses, todos de ganchete coas respectivas multinacionais petroleiras (BP, ConocoPhilips, Unocal, Amerada Hess, Total, ENI, Statoil, Itochu, Inpex, TPAO, Socar), é dicir, un crisol multinacional integrado por compañías de EEUU, do Reino Unido, de Xapón, francesas, italianas, turcas, xaponesas, norueguesas, e azerís. Faltaba Rusia, naturalmente. As mans fora do negocio e moi pronto, cabe pensar, coas súas tropas, tamén fora de Xeorxia. Hai que deixar sitio ás estadounidenses. O diñeiro do petróleo servirá para calar algunhas bocas e mudar, previsiblemente, as preferencias estratéxicas dos secesionistas prorusos que aínda quedan incomodando a Tbilissi.

Putin, un mediocre autoritario, pode liberar as súas frustracións masacrando aos chechenos, pero é incapaz de manter a influenza rusa no "estranxeiro próximo". Esta partida perdeuna estrepitosamente. Como salientou o presidente da comisión de asuntos exteriores da Duma, Konstantin Kosachiov, os intereses que rodean este proxecto non son só económicos, senón sobre todo políticos. Co novo oleoduto, Rusia perde o control sobre os estados da rexión e permite a EEUU e a UE medrar en influenza. EEUU e os países occidentais conseguen abrir unha nova ruta para a evacuación do petróleo do Caspio, o mar interior máis grande do planeta. As reservas supoñen entre o 2 e o 6% mundial e deben servir para reducir a dependencia de Oriente Medio.

Dunha tutela a outra, haberá quen pense que o petróleo traerá, por fin, maiores beneficios para as economías da zona. Quizais sexa demasiado optimista esa expectativa. Seguro que as petroleiras non perderán diñeiro, pero outro asunto é que o aumento da extracción e o transporte redunden nunha mellora substancial das condicións de vida dunha poboación que aínda non se recuperou da desintegración da URSS. Azerbaidzhan leva un século bombeando petróleo e non se destaca por figurar entre os países máis desenvolvidos nin lle permitiu saír do pozo da posguerra fría antes que outros menos dotados en recursos enerxéticos. Cabe pensar mesmo que con tantas corruptelas gangrenando a vida política destes países, ata o neutral medio ambiente, comezando polo fráxil ecosistema do mar Caspio, pode padecer os rigores dunha acelerada carreira por optimizar uns investimentos, fastidiosamente retrasados durante anos ata que mudaron as tornas políticas e puido asegurarse a debida sintonía cos Karzai da rexión. Para que logo digan que a política non importa. Todo, todo importa.