Debe ter Galicia unha acción exterior propia nas relacións económicas internacionais? Debemos participar no vertixinoso proceso de apertura comercial internacional como actores con papel de seu ou sendo delegados dunha acción exterior única no ámbito do Estado? Poden existir prioridades diferentes ou intereses diverxentes entre Galicia e o Estado?
Estas son realmente as preguntas que agachan os cuestionamentos que se reproducen nos medios de comunicación galegos, baixo a aparencia de preguntas como: É imprescindible a presenza de todas institucións dos entes subestatais nun mercado aberto? Obedece esta presenza a necesidades reais do comercio exterior ou a esixencias políticas dos respectivos poderes central e autonómicos?
Na verdade, a medida que se intensifican os volumes de comercio exterior, a medida que os mercados se abren… van concorrer progresivamente nun mesmo espazo xeográfico diversas administracións e poden xurdir os problemas de descoordenación que esta circunstancia pode leva aparellado.
Pero, non é menos certo que a actual estrutura do Estado nas oficinas económicas ou comerciais, ten unha organización xerárquica que non deixa case espazo para as expectativas das administracións periféricas. As súas prioridades, obxectivos, relacións comerciais ou protocolarias, veñen marcadas polas liñas mestras que se deseñan no Ministerio de Asuntos Exteriores, con pouca marxe para as concesións de tempo e persoal para atender os obxectivos doutras administracións periféricas que non posúen a potente rede do Ministerio de Asuntos Exteriores.
Serva de exemplo o que acontece dos bolseiros galegos enviados polas cámaras de comercio galegas, dentro do plan Foexga financiado pola Consellería de Innovación e Industria, a países cos que se pretende ter relacións económicas privilexiadas. A maioría dos bolseiros adoita ter o seu centro de traballo físico nas oficinas comerciais das embaixadas e, por tanto, dependen xerarquicamente dos responsables económicos das delegacións diplomáticas. Nunha porcentaxe significativa os bolseiros afirman que non se lles permite ou non teñen tempo para realizar aqueles labores que redundarían nunha maior utilidade para a internacionalización do tecido empresarial galego. As súas prioridades de traballo teñen que verse modificadas polas que emanan dos seus superiores directos nas oficinas económicas, que na maioría dos casos, non corresponden cos intereses específicos de Galicia. Por tanto, Semellaría lóxico que Galicia tivese unha dinámica propia en función dos intereses do país.
No entanto, as apostas por un modelo independente como o dalgunhas experiencias illadas de organismos galegos que traballan na internacionalización e que decidiron abrir oficinas propias no estranxeiron, tiveron resultados máis ben modestos, ao verse privados da experiencia, medios, infraestruturas e paraugas institucional que proporcionan as oficinas comerciais.
Diante desta dobre eficacia limitada, despréndese que Galicia debe deseñar un propio modelo de acción exterior, en función de necesidades e potencialidades. Tendo en conta os seus recursos e aproveitando as vantaxes comparativas propias, como a diáspora, para artellar a súa acción exterior.
Así mesmo, compre un importante esforzo de coordinación entre os numerosos axentes públicos e privados que teñen vocación exterior. Coordinación que debe evitar duplicidades, comezando no propio país e nas administracións do Goberno galego.
Mais Galicia debera coparticipar na axenda das prioridades que se marca o Estado no exterior, especialmente nas áreas xeográficas máis sensibles. Galicia podería comprometerse nunha relación leal e coordenada co Estado para poder dar resposta as necesidades duna acción exterior propia, as demandas que proveñen dos máis diversos sectores: Cooperación, economía, proxección cultural, asociacionismo…
Naqueles lugares onde non estea xustificada unha presenza física e permanente dunha oficina de representación do Goberno Galego, pero que sexa necesaria certa dimensión exterior, debera establecerse un marco estable e consensuado de actuacións e obrigas bilaterais, que non deixen espazo a discrecionalidade dos responsables das oficinas comerciais, para dar cobertura aos entes subestatais.