20080829puerto ordaz correa chavez campo petroleo orinoco

Ecuador: Correa ponse a proba

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego
 Rafael Correa e Hugo Chávez; clic para aumentar
Correa nunca ocultou a súa amizade e afinidade política co presidente venezolano Hugo Chávez. No último mes, ambos mandatarios ratificaron importantes acordos de cooperación enerxética, especialmente centrados no fomento da "unidade latinoamericana". Foto: Rafael Correa (esquerda) e Hugo Chávez durante unha visita ao "Ayacucho 5 Block", no complexo pretrolífero da Faixa do Orinoco, o 29 de agosto de 2008.
 

A menos dun mes da celebración do referendo constituínte no Ecuador, a tensión emerxe como protagonista. Se ben é certo que Ecuador non se enfronta, por primeira vez, a unha renovación constituínte, a polarización entre esquerda e dereita, indíxenas e oligarquía eclesiástica, non deixa de ser unha constante, acrecentada coa irrupción da vigorosa campaña electoral iniciada polo presidente Rafael Correa e as manifestacións favorables ao "Non" no referendo constitucional, que tomaron as rúas ecuatorianas nos últimos días.

A elección presidencial dun entón case descoñecido Rafael Correa a finais de 2006, acadando un 56,7% da votación, deu paso á apertura dun amplo proceso constituínte definido pola necesidade de "refundar Ecuador". O seu plan de goberno para o período 2007-2011, plasmado no movemento político e electoral Alianza País, formulaba cinco eixes básicos ou revolucións coas que acometer un cambio radical en Ecuador. O punto principal do programa é a revolución constitucional e democrática. Foi así como cumpriu a súa promesa da convocatoria dunha Asemblea Nacional Constituínte o pasado mes de xullo.

Unha vez redactada a Constitución, esta será sometida a votación popular mediante referendo o próximo 28 de setembro. De ser ratificada, deberanse celebrar novas eleccións presidenciais no 2009, nas que Rafael Correa poderá presentarse coma candidato.

O pulso de Correa

Son notorias as coincidencias entre o actual proceso constituínte ecuatoriano co realizado en Venezuela en 1999. Velaí que, na actualidade, Ecuador se atope nun punto decisivo do seu proceso constituínte: o próximo 28 de setembro, os seus cidadáns terán na súa man o poder de dar a luz, ou non, a unha nova Constitución Nacional.

O presidente Correa, quen anteriormente fora ministro de Economía durante o goberno de Alfredo Palacios, afonda na súa campaña polo "Sí", iniciada oficialmente o pasado 8 de xullo, favorecido co apoio de máis da metade da poboación, segundo as últimas sondaxes.

Na mesma dinámica que Evo Morales en Bolivia, Correa é o abandeirado dos movementos indíxenas e dos sectores máis precarios, que apoian ferventemente o seu proxecto. Deste xeito, os gremios e sindicatos de traballadores e estudantes decidiron artellarse baixo o Movemento Unión Popular (MUP) en defensa do "Sí".

Os sectores opositores

Un aspecto interesante do proxecto constitucional a someter a referendo será o relativo á relixión, cunha gran importancia no Ecuador, que non é unha excepción no panorama latinoamericano. Correa, malia ser un líder esquerdista, defínese como "socialista cristián", feito que non anula a notoria oposición da Igrexa católica, especialmente a través da Conferencia Episcopal Ecuatoriana (CEE) e doutros colectivos relixiosos, a diversos artigos referentes á liberdade relixiosa que contempla o proxecto constitucional.

O pasado 3 de setembro, estudantes da Universidade Católica de Quito manifestaron publicamente o seu desacordo co texto constitucional. O propio presidente Correa chegou a persuadir á CEE de non posicionarse politicamente e "non promover" o voto contrario ao texto constitucional.

Que puntos xustifican a oposición dos sectores relixiosos e económicos a este proxecto constitucional? A promulgación dun Estado Laico e a consecuente separación de Estado e Igrexa, a oficialidade da lingua indíxena quechua nas relacións interculturais, e as inconsecuencias en temas como o aborto, a familia, a educación e a liberdade relixiosa, son os principais eidos críticos que a Igrexa apuntala neste proxecto constitucional. Non obstante, o presidente da CEE, monseñor Antonio Arregui, amosou unha prudente posición en torno á votación do proxecto constitucional, sen mostrar evidentes posicións partidistas.

Pola súa banda, os sectores opositores de carácter empresarial e económico consideran a proposta constitucional como pouco compatible cos problemas económicos propios da realidade ecuatoriana. Nunha entrevista realizada para o diario ecuatoriano La Hora, Ramiro Galarza, ex viceministro de Finanzas, falou da insostibilidade económica do proxecto constitucional, no caso de que o prezo do petróleo caia máis de $80 o barril. Tamén sinalou que de saíren adíante as propostas de Alianza País, a súa vixencia non superaría os dous anos, quedando cuestionado así o mantemento das actuais políticas sociais do presidente Correa dende unha óptica económica.

Entre o chavismo e o indixenismo

Correa nunca ocultou a súa amizade e afinidade política co presidente venezolano Hugo Chávez. No último mes, ambos mandatarios ratificaron importantes acordos de cooperación enerxética, especialmente centrados no fomento da "unidade latinoamericana".

Ademais das coincidencias técnicas entre os procesos constituíntes ecuatoriano e venezolano, existe unha variable importante de afinidade entre ambos mandatarios, vinculada ao compoñente político e a adscrición ao "socialismo bolivariano". Correa e Chávez veñen facendo causa común en diversos aspectos da política rexional, como foi a mutua sincronía durante a crise diplomática entre Quito e Bogotá tralo asasinato do líder das FARC, Raúl Reyes, en marzo pasado.

Dende sectores opositores en Ecuador interprétase esta amizade entre Correa e Chávez como un risco de deriva cara o "chavismo" por parte do mandatario ecuatoriano, algo que Correa se preocupou sempre de negar. Neste sentido, o presidente ecuatoriano fai énfase na súa convicción de que Ecuador segue o seu propio camiño, sen reproducir necesariamente as experiencias de Venezuela e Bolivia.

Paralelamente, existe unha clara sintonía entre Correa e o mandatario boliviano Evo Morales, especialmente no relativo ao indixenismo. Non obstante, o nivel de polarización en Ecuador non alcanza, polo momento, as cotas de enfrontamento que actualmente están sucedendo en Bolivia.

Unha vez chegado á presidencia no 2006, Evo Morales activou un proceso constituínte que, a diferenza do caso ecuatoriano, afondou aínda mais a polarización interna, especialmente en asuntos como a descentralización política e o control dos recursos enerxéticos. No caso ecuatoriano, a descentralización non supón un asunto tan complexo nin conflitivo como actualmente sucede en Bolivia.

De acertar as actuais sondaxes sobre o referendo constitucional en Ecuador, Correa sairía contundentemente reforzado e, de cara ás eleccións presidenciais de 2009, moi probablemente reelixido. Aprobada a nova Constitución, quedaría tamén patente o reforzamento do poder presidencial, en claro detrimento da función lexislativa, aínda que cunha tónica probablemente distinta á venezolana.

Pode perder Correa o referendo?

Non obstante, poderíase considerar a posibilidade de fracaso electoral para Correa, a raíz das denuncias sobre presuntas irregularidades no proceso de contratación dos asesores e na redacción e aprobación do texto, que actualmente ocupan as portadas dos principais xornais ecuatorianos.

Precisamente, o propio Correa e o presidente da Asemblea Constituínte, Fernando Cordero, recoñeceron a existencia de "diversos erros" nos artigos constitucionais aprobados pola Asemblea Constituínte, prometendo un consenso social e político a curto prazo para modificalos. Non foi este o primeiro momento de tensión no proceso constituínte, xa que, en xuño, unha leve crise irrompeu no panorama político pola renuncia do entón presidente da Asemblea Constituínte, Alberto Acosta.

Existe igualmente unha considerable polarización en torno aos artigos do texto constitucional aprobados pola Asemblea Constituínte. O seu actual presidente, Fernando Cordero, compareceu a semana pasada ante a Fiscalía Nacional para presentar probas sobre a transparencia no proceso de selección, votación e redacción do texto constitucional que será sometido finalmente a referendo. Ante tal clima, o pasado 4 de setembro, a oposición presentou no Congreso un texto constitucional alternativo.

Todas estas variables determinan a importancia do proceso constituínte ecuatoriano, enmarcado tamén dentro da actual dinámica de cambios e tensións existentes na rexión andina. Independentemente das comparacións políticas entre Correa, Chávez e Morales, existen diversas variables internas que sinalan un camiño propio de Ecuador para a aprobación do referendo constitucional. O obxectivo esencial tradúcese na conformación dun modelo social e democrático que poida solucionar os graves problemas económicos e sociais que axexan ao cotiá ecuatoriano e ofrecer un necesario marco de estabilidade gobernamental para un país afectado por frecuentes crises políticas e caídas de gobernos no seu último decenio.