20050806mohammad khatami e mahmoud ahmadinejad

EEUU e Ahmadineyad

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego
 Mohammad Khatami e Mahmoud Ahmadinejad, clic para aumentar
A toma de posesión de Mahmud Ahmadineyad (á dereita na foto) como presidente iraní expresa o repentino e inesperado final da era reformista nese país, inaugurada coa elección de Mohammed Khatami (á esquerda) en 1997. A proclamación presidencial de Ahmadineyad coincidiu cos funerais do rei Fahd e a asunción de Abdullah como novo monarca saudita.
 

O cambio de liderazgo en Irán e Arabia Saudita, sen aparentes fisuras nas respectivas estruturas de poder, demostra os síntomas de mudanza que actualmente experimenta Oriente Medio. Ambos escenarios veñen revestidos de gran importancia en materia enerxética e de seguridade, polo que suxiren novos escenarios de preocupación para a política exterior estadounidense.

A toma de posesión de Mahmud Ahmadineyad como presidente iraní expresa o repentino e inesperado final da era reformista nese país, inaugurada coa elección de Mohammed Khatami en 1997. A proclamación presidencial de Ahmadineyad coincidiu cos funerais do rei Fahd e a asunción de Abdullah como novo monarca saudita.

Mentres o desaparecido rei Fahd aliñou claramente cara Washington a política exterior e petroleira do reino wahabbita, no seo do réxime dos aiatolláhs iranianos, Khatami constituía o factor máis relevante para acometer unha eventual etapa de distensión entre Teherán e Washington. Pero hoxe, Khatami e os reformistas iranianos están fora do poder e o rei Fahd, definitivamente enterrado. Agora, o seu sucesor Abdullah deberá enfrontar unha realidade complexa, manifesta herdanza do seu antecesor.

A presidencia de Ahmadineyad inaugurase coa declaración do seu goberno de continuar co programa nuclear, sorprendendo á "troika" europea composta por Francia, Alemaña e Gran Bretaña, así como á Axencia Internacional de Enerxía Atómica, AIEA, garantes das negociacións do programa nuclear iraniano. A última hora, a forte presión europea permitiu unha inmediata rectificación por parte de Teherán, pero todo indica que non abandonará o seu proxecto.

A decidida declaración iraní apunta directamente a unha administración Bush que semella decidida a abrir outra fronte de conflito en Irán. Para Washington, a inesperada victoria da "liña dura" dos aiatolláhs, manifestada en Ahmadineyad, podería acelerar os preparativos dunha presión máis forte no Consello de Seguridade e, incluso, adiantar os preparativos militares contra un país catalogado como expoñente importante do "eixe do mal" elaborado por Bush. Fontes do Pentágono consideran que, de seguir adiante, o programa nuclear iraniano estaría listo en menos de dez anos.

Tampouco se deben esquecer as acusacións contra Ahmadineyad de suposta participación en secuestros e asesinatos no exterior, cometidos no pasado, acusacións que se engaden á lista elaborada polo Departamento de Estado de apoio iraniano ao terrorismo internacional. Con estas variables, o "argumento" para apuntalar á opinión pública estadounidense sobre a ameaza de Irán semella estar en marcha, tal como xa revelara a comezos de ano o periodista estadounidense Seymour Martin Hersh nunha reportaxe no diario "The New Yorker". Dende Afganistán ao Golfo Pérsico, Irán atópase cercado pola presenza militar anglo-estadounidense.

A evolución da política exterior iraní é sumamente importante en Oriente Medio. A súa influenza no equilibrio de poder en Iraq semella evidente, a teor da fortaleza das diversas faccións da numerosa comunidade xiíta. Pero Iraq camiña lentamente cara unha situación de disolución política e social, coa constante ameaza dunha confrontación entre as súas comunidades. O próximo 18 de agosto, a Autoridade Nacional iraquí espera concretar unha nova Constitución, mentres os atentados terroristas e as accións da insurxencia comezan a premer no Pentágono a posible fórmula dunha retirada militar progresiva.

En Iraq, a clave iraní semella ser mais un factor de necesaria estabilidade para Washington, do mesmo xeito que a tradicional influenza de Teherán nos asuntos do Líbano, Siria e Palestina son elementos a considerar. Aparte do programa nuclear, aínda non se coñece con exactitude cáles serán os obxectivos da política exterior do goberno de Ahmadineyad.

Aínda que resulte aparentemente doado ubicalo no contexto político actual, descifrar o "enigma Ahmadineyad" non será tarefa cómoda para EEUU e Europa. O presidente iraní obtivo unha incontestable victoria nuns comicios populares aínda mais plurais e democráticos que os de moitos países da rexión, algúns deles aliados de Washington. O home que prometeu "varrer Teherán de delincuentes e corruptos" e "purificar o sistema ante os excesos dos reformistas" ten nas súas mans non só o destino dun país con futura capacidade nuclear, senón dunha nación con considerable peso xeopolítico.

Pero Irán tamén experimenta silenciosas manifestacións de esgotamento que poderían potenciar a necesidade dun cambio, dentro ou fora do sistema imperante. Un 60% da poboación ten menos de 30 anos e, aparentemente, atópase desilusionada coa revolución dos aiatolláhs. ¿Será Ahmadineyad unha evidencia desa necesidade de transformación ou ben un reforzamento da "ala dura", mediante un cambio xeracional? Esta interrogante por sí soa, obrigaría a Washington a un urxente cambio de enfoque sobre a realidade iraní.