20061126 quito rafael correa 01

Eixe andino

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego
 Rafael Correa, clic para aumentar
O perfil de Rafael Correa, novo presidente do eixo da esquerda andina, non concorda cos estereotipos que representan os outros presidentes do eixo Caracas-A Paz. Correa posúe unha sólida formación intelectual, graduouse nunha universidade católica local e doutorouse en Europa. Pero a súa presidencia esperta as mesmas fobias en Norteamérica que manifestan cara a Chávez ou Morales. (Foto: Rafael Correa celebra a vitoria o 26 de novembro en Quito).
 

Hugo Chávez recoñecía, na TV venezolana, que decidira non facer declaración pública algunha en favor de Eduardo Correa, a pesares de que o 60% dos ecuatorianos teñen unha opinión favorable do presidente venezolano.

As campañas mediáticas organizadas en Perú, México e, en menor medida, en Brasil contra dos candidatos máis próximos ao presidente venezolano prexudicaran notablemente as expectativas electorais das alternativas de esquerda.

O eixo andino que sintoniza coa mensaxe bolivariana, ven de engrosar o seu trazo e prolongar o recorrido. O novo presidente de Ecuador, Rafael Correa, a diferencia de Lula, nunca agachou en campaña a súa simpatía, admiración e adhesión ao proceso de cambio que vive Venezuela.

A quen fora ministro de Economía correspóndelle a responsabilidade de recuperar a credibilidade do pobo na democracia e na clase política. Hai escasamente catro meses, os datos sociolóxicos indicaban que máis do 90% da poboación, que penetraba transversalmente aos máis diversos estratos sociais, non confiaba nos partidos políticos, no sistema representativo, nin nos seus líderes, xa que identifican aos poderes públicos como os causantes máis directos da situación socioeconómica tan degradada na que se atopa afundido o país.

Hai escasamente catro meses os datos Gallup Internacional situaban a Rafael Correa tan só co 9% da intención de voto, por detrás de Roldós, Noboa, ou Cynthia Viteri, pero as eleccións primarias do 15 de outubro consumaron a tendencia continental do esnaframento contra das urnas das grandes opcións políticas tradicionais, tan clásicas como desprestixiadas.

O Ecuador de Rafael Correa, está a tempo de reorientar a búxola ideolóxica dun país que perdeu definitivamente o rumbo durante o bienio 2003-2005, durante o mandato de Lucio Gutiérrez. Presidente que chegara ao poder co prace de Hugo Chávez, con apoios das organizacións de esquerda e dos movementos indixenistas, para finalmente acabar desfilando ao paso que marcaba a embaixadora norteamericana Kristie Kenney, utilizando o nepotismo e a represión.

O perfil do novo presidente do eixo da esquerda andina, non concorda cos estereotipos que representan os outros presidentes do eixo Caracas-A Paz. Correa posúe unha sólida formación intelectual, graduouse nunha universidade católica local, e doutorouse en Europa. Pero a súa presidencia esperta as mesmas fobias en Norteamérica que manifestan cara a Chávez ou Morales. En Washington preferían un populista amigo inofensivo para os intereses norteamericanos: o magnate do banano Álvaro Noboa, quen ergueu un imperio económico explotando en réxime de semiescravismo a unha boa parte dos seus empregados.

Pola contra, o novo presidente prometeu tanto en campaña, como tras da victoria que non renovaría o acordo dos EEUU sobre Manta -unha das poucas bases militares que norteamérica aínda ten en América Latina, dende a época do presidente Jamil Mahuad en 1999- que involucra ao Ecuador no conflicto armado interno que vive Colombia dende hai décadas. Así mesmo, asegurou que o TLC previsto con EEUU debería agardar no conxelador indefinidamente prolongando unha tensión bilateral que atopara o seu punto máis álxido, cando a mediados de ano a xustiza ratificou a decisión do presidente provisorio, Alfredo Palacio, de expulsar a petroleira norteamericana Occidental Petroleum, por violar as leis ecuatorianas que prohiben vender as accións a outra empresa estranxeira sen autorización gobernamental.

A Alianza País (AP) plataforma pola que concorría Rafael Correa, non presentaba candidatos ao Congreso, institución que considera contaminada "instrumento de abuso dos dereitos cidadás e das institucións democráticas". Por tanto, promoverá unha nova Constitución co propósito de erguer o prestixio de 27 anos de seudodemocracia que pouco teñen aportado na tarefa de minguar os alarmantes niveis de pobreza ou na consolidación dos dereitos colectivos.

Correa ten a palabra e o poder para reconducir, as case tres décadas de democracia imperfecta.