Fonte: Wikimedia

Eleccións lexislativas de Francia: Os riscos das eleccións máis próximas a uns xogos olímpicos no último seculo

Francia acudirá ás urnas a menos de tres semanas da Cerimonia de Inauguración dos Xogos Olímpicos de París 2024. Isto é un feito histórico, sendo a ocasión que máis preto coinciden uns comicios do evento de verán en 100 anos, dende que se solaparan co transcurso do torneo, casualmente no mesmo país, en París 1924. Porén, a magnitude do evento deportivo actual non ten nada que ver con aquel, aínda amateur. Súmase, por tanto, un reto máis á cita Olímpica que, a pesares de que non debería afectar en termos organizativos, é moi probable que teñan impactos significativos na promoción dos Xogos e o turismo, na mobilización social, ou na súa imaxe e lexitimidade no exterior.
Liñas de investigación International Relations European Union
Apartados xeográficos Europe

A dura derrota da formación liderada por Emmanuel Macron nas Eleccións ao Parlamento Europeo, nas que Rasseblement National acadou o dobre do voto que Renaissance, sumada a meses de dificultades pola ausencia de maioría parlamentaria e o aumento do descontento social; fixeron que o Presidente da República disolvera as cámaras e convocara Eleccións Lexislativas para o 30 de xuño e o 7 de xullo. Isto caeu de sorpresa para moitos expertos, pois, pese a que se contaba ca posibilidade dun adianto electoral, coidábase que este fora tras o verán para que un éxito na realización dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos na capital apartara os focos da política durante dous meses e lograra remontar a popularidade do partido do mandatario.

Ante as dúbidas que isto supoñía respecto ao evento olímpico, non tardaron en saír os principais organizadores a apagar lumes. A Alcaldesa de París, o Presidente do Comité Olímpico e o Presidente do Comité Organizador dos Xogos Olímpicos, amosaron a súa confianza en que isto non suporá ningún problema, xa que todas as decisións importantes están tomadas e agora mesmo se atopan nunha fase operativa. Porén, o desenvolvemento da campaña e os posibles resultados desta si poderán afectar ao desenvolvemento dos Xogos, e viceversa.

En primeiro lugar, témese que o proceso electoral eclipse os actos de promoción do Torneo Cuadrienal, como pode ser o “Relevo da Chama Olímpica” que está a percorrer o país galo amosando a súa natureza, historia, diversidade e talento. Do mesmo xeito impactará nun turismo xa en auxe polo gran evento estival. Os visitantes, en lugar de atopar unha cidade envolta xa ao completo pola mística olímpica, farano cunha atmósfera de campaña electoral. Isto supón que, ademais de atopar as rúas empapeladas de propaganda electoral e de que o tema de conversación non sexa o deporte senón a política, é probable un aumento da crispación da cidadanía.

Se falamos de crispación, non podemos esquecer a xa existente respecto á organización do macro-evento por mor dos impactos económicos e ecolóxicos, a saturación dos servicios, a “limpeza social” que está a acontecer nas rúas ou a participación de Israel. Xorden aquí dúas hipóteses respecto ao impacto que as eleccións poden ter: ou estas protestas continúan e serven de campaña en contra dos partidos no poder francés (RE) e parisino (PS); ou ben a campaña traslada o debate a outras reivindicacións de fondo da cidadanía, logrando que as primeiras pasen máis desapercibidas nos medios internacionais e non ensucien a imaxe dos xogos.

Por último, hai que ter en conta os efectos dos posibles resultados nun país con todos os focos internacionais postos nel. É probable que estes non acaden gran relevancia se o resultado é continuísta ou supón unha viraxe cara a esquerda. Agora ben, tras os avances deste tipo de formacións nos comicios europeos, un triunfo da ultradereita en Francia pode definir o rumbo e a imaxe internacional do país galo e da Unión Europea. Ademais, este resultado seguramente viría acompañado de grandes mobilizacións e protestas de distintos grupos sociais, como xa está a acontecer tras o resultados europeos, que empregarían ou boicotearían os Xogos como altofalante e medida de presión. E como altofalante tamén é probable que os empreguen os deportistas de máis de 200 Comités Olímpicos ( e por tanto distintas razas, etnias e relixións). Se de normal unhas eleccións lexislativas poderían no ter gran relevancia, ver materializado apenas uns días antes da súa chegada o avance da ultradereita, que pon en risco os dereitos de moitos deles, pode dar lugar a reivindicacións de carácter antirracial, aludindo aos valores do olimpismo, a igualdade e a inclusión, como tantas veces fixeron ao longo da historia.

Con todo isto, Francia corre o gran risco de ser percibido como un país racista en vésperas de recibir atletas, turistas e cámaras de todas as partes do mundo. Quizais sexa esta a consigna que empreguen o resto de partidos para mobilizar o seu voto, e quen sabe se foi isto parte da estratexia do adianto electoral. Cabe, finalmente, preguntarse: van influír máis as eleccións nos Xogos Olímpicos ou os Xogos Olímpicos nas eleccións lexislativas?