Croacia celebrou onte a primeira dos xornadas electorais dun mes de xaneiro no que decidirá a composición das principais institucións do Estado. O luns foron as lexislativas, dentro de tres semanas serán as presidenciais. Ambas influídas pola recente desaparición do Franio Tudxman, quen personificou as ansias de independencia de Croacia e as consolidou. O sistema político croata, feito á medida de Tudxman, é excesivamente presidencialista e leva dende 1990 dominado polo partido por el creado, a Unión Democrática Croata (HDZ). A incerteza sobre os resultados é moita e a hexemonía da HDZ está en cuestión. En todo caso ábrese unha nova etapa para a Croacia independente.
Os dirixentes do HDZ sabían das dificultades que terían para enfrontar os procesos electorais sen a presencia do líder e tentaron prolongarlle a vida todo o que puideron. Pretendían que o xeneral victorioso que lle devolvera a liberdade a Croacia, lle permitise gañar as lexislativas para enfrontar con tranquilidade as presidenciais e iniciar as reformas dende o poder. De feito a campaña electoral do partido está deseñada a partir da permanente presencia do líder desaparecido de quen se espera un triunfo despois de morto, ao que se pretende axudar con todos os medios: convocatoria en plenas festas do nadal nunha Croacia que ten no catolicismo un dos seus sinais de identidade para permitir a participación dos miles de emigrantes; reducir ao mínimo tempo a campaña electoral e aproveitar tanto o efecto emocional da morte do "Pai da Patria" como o crematístico da paga extra, así como recorrer aos fantasmas do pasado coas ameazas do "perigo vermello" do SDP, do que forman parte antigos militantes da Liga dos Comunistas.
A sociedade croata atopase esgotada logo dunha década de tremendos esforzos materiais e humanos. Aos custes da guerra co exercito federal iugoslavo, cómpre engadirlle os derivados de manter o apoio económico e militar á comunidade croata de Bosnia-Hercegovina. Pola contra a esperada mellora nas condicións de vida que traería consigo o acercamento á Unión Europea non se produciron e a integración foise afastando ata que o Cumio de Helsinki a postergou, cando menos, para a segunda década do século XXI. O illamento internacional provocado pola permanente conflictividade nos Balcáns viuse agravado pola negativa do réxime de Tudxman a colaborar co Tribunal de A Haia na persecución dos crimes de guerra cometidos polos militares croatas na Kraxina. Ao fin de contas Tudxman tiña que protexer aos xenerais que lle fixeron a traballo sucio e limparon este territorio de serbios.
O réxime de Tudxman está baseado nun presidencialismo absoluto, no que o goberno ten que render contas ao presidente, a independencia xudicial é puramente formal e o dominio do parlamento pola maioría gobernamental impide a realización dun labor de oposición e control mínimo. Neste ambiente, a corrupción como sistema impúxose. As denuncias sobre enriquecementos ilícitos e demais tipos de corruptelas afectaron mesmo á familia de Tudxman e o descontento social foi en aumento.
En todo caso entre os membros do partido gobernamental colle ten cada día máis forza a idea dun cambio de rumbo que oriente, definitivamente, a República cara o modelo político e económico da Europa occidental e a afaste de calquera caste de integración económica balcánica. Esta perspectiva antibalcánica pode verse favorecida pola desaparición da figura que máis intensamente a defendeu.
A oposición centrou a súa actividade na denuncia das corrupcións e na necesidade dunha reforma constitucional que limite as excesivas prerrogativas presidenciais e permita a autonomía do poder xudicial e lexislativo. Os dous principais grupos opositores, socialdemócratas (SDP) e social-liberais (HSLS) puxéronse de acordo en presentar a Drazen Budisa como candidato á presidencia e establecer unha alianza para as lexislalitvas. As enquisas prognostican un maior apoio, sobre os 56 deputados, á coalición opositora, mais insuficiente para gobernar. En segundo lugar e a non moita distancia, cuns 50 deputados, sitúase o HDZ que podería negociar cos outros partidos minoritarios que terán presencia no Parlamento como a coalición ultradereitista entre o Partido do Dereito (HSP) e os democristiáns (HKDU) que poden obter catro deputados ou algúns dos electos en representación do grupos étnicos. A terceira alianza, tamén opositora ao HDZ, que poderá ter na man o futuro das institucións croatas é a formada polo histórico Partido Agrario (HSS), os liberais (LS), o Congreso Democrático de Istria (IDS) e o Partido Popular (HNS) que poderían obter entre 25 e 30 escanos.