Bulgaria leva algún tempo emprendendo reformas á carta, baixo a presión de Bruxelas. A cúpula da administración búlgara é consciente da importancia de aproveitar o tempo, e os fundos que chegarán do resto de Europa nos vindeiros seis anos, para así non perder o tren da modernidade continental. Non obstante a dinámica da sociedade civil, que nin confía nin entende aos seus dirixentes, xoga na súa contra.
O actual goberno é unha coalición tripartita do Partido Socialista, o Movemento Nacional Simeón II, e o Movemento polos Dereitos e as Liberdades que representa maioritariamente a minoría turca que parece entenderse relativamente ben baixo o liderado do primeiro ministro, Sergey Stanishev, quen chegou ao poder en agosto de 2005. Durante estes anos, as cifras do desemprego foron favorables ao igual que o incremento dos salarios, entrando na axenda outras preocupacións como a mellora das condicións de traballo e a protección dos dereitos, e sobre todo a loita contra a corrupción que parece ser un problema crónico en moitos gobernos dos países do leste.
Todas as melloras acadas non serviron para que a sociedade civil, deixe de desconfiar dos seus dirixentes e das tradicionais políticas caciquís, ignorando os grandes titulares que loan a posibilidade de medrar baixo o paraugas europeo.
Bulgaria é un país no que aínda funciona a lei do máis forte, e as mafias organizadas teñen unha boa presencia, acompañadas cun ritmo social e de traballo con reminiscencias de Oriente Medio, nun lugar onde non se entende porqué facer un esforzo sen un resultado práctico inmediato.
As novas xeracións, cun sistema educativo deficiente agudizado dende a caída do muro de Berlín, entran a traballar moi cedo e con pouca formación nun mercado laboral falto de man de obra en certos sectores como a construcción, o que ofrece á mocidade unha solución doada cun salario suficiente sen demasiado esforzo, e ó goberno unhas cifras de paro moi baixas.
Aquela parte da mocidade que chega á formación universitaria buscan unha saída cara o exterior, mermando a capacidade do capital humano nun país de corte inmobilista que dificulta o seu retorno en función dos baixos salarios. Tamén faltan técnicos nas administracións, e aqueles ben formados acaban traballando no sector privado, en ámbitos moi cualificados, debido ós baixos salarios nas administracións públicas.
O pasado 24 de abril, o parlamento aprobou os cambios que se veñen de producir no goberno, que proveñen da escandalosa revelación de que existían conexións entre máximos responsábeis do Ministerio do Interior, incluído o dimitido ministro Rumen Petkov, con relevantes figuras do crime. Catro novos ministros toman posesión dos seus cargos, mentres a antiga embaixadora en Alemaña, Meglena Plugchieva, asume o cargo de vice-primeira ministra sen carteira, para coordinar a absorción dos fondos europeos.
O primeiro ministro, Sergey Stanishev, empeñouse en negar que os cambios no goberno se debesen ás demandas da UE, pero na realidade trátase de limpar a imaxe dun país no que a policía patrulla as rúas con Porches e Mercedes, para desgracia dun pobo invadido pola indiferenza. Se os cambios non se deberan á presión internacional, non tería sentido reformar catro ministerios e crear un quinto, debido a un erro "puntual" dun membro do seu equipo cando todo vai ben. Pero o primeiro ministro deféndese afirmando que se trata de acelerar en tódolos sentidos e en tódalas direccións, xunto cos seus socios de goberno.
Stanishev, nunha entrevista concedida á televisión, mantiña que os cambios no executivo continuarán no futuro sen danar a eficiencia do goberno, xusto cando dende Bruxelas ameazan con conxelar as partidas financeiras que lle corresponderían a Bulgaria. E culpa aos medios de comunicación de crear demasiadas expectativas coas reformas, cando o antigo ministro Petkov fixo todo o que estaba nas súas mans, pecando de exceso de confianza nalgúns individuos.