20060830 damasco hugo chavez bashar al assad

Enigmas sirios

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego
 Hugo Chávez e Bashar al Asad, clic para aumentar
Autorías aparte, é posible que o atentado frustrado sexa utilizado por Damasco para obter beneficios políticos, elemento de considerable lóxica tomando en conta o actual panorama rexional. Siria intenta saír do illamento internacional imposto por EEUU e Europa occidental. Á súa estratéxica alianza con Irán acaba de incluírse a visita do presidente venezolano Hugo Chávez e os renovados contactos coas autoridades cubanas. (Foto: Hugo Chávez e Bashar al Asad, en Damasco o 30 de agosto de 2006).
 

O frustrado atentado contra a embaixada de EEUU en Damasco, desarticulado polos servizos de seguridade sirios, formula diversos dilemas e amosa certos enigmas nas delicadas relacións entre Washington e o réxime de Bashar al Asad.

Trala caída do réxime de Sadam Husein en Iraq, a Siria de Bashar atopábase na mira de Washington como obxectivo político e, posiblemente, militar. En realidade, Siria constitúe un elemento apetecible dentro do plan para o Gran Oriente Medio establecido por Bush no 2004 e que hoxe corre o risco dun fulminante fracaso, tralo triunfo electoral do Hamas en Palestina e o reforzamento do eixe Irán-Siria-Hizbulah, trala recente guerra do Líbano.

As acusacións de Washington cara Damasco de conveniencia coa insurxencia sunnita en Iraq, por medio do seu tránsito fronteirizo, permitiron a Bush incluír a Damasco nunha versión ampliada do eixe do mal, xunto a Irán e Corea do Norte, e premer a Bashar a claudicar o seu apoio loxístico e político cara Hamas e Hizbulah, movementos considerados por Washington e Israel como "terroristas".

Non obstante, o estraño suceso na embaixada estadounidense en Damasco amosa outras perspectivas e percepcións nas tensas relacións entre ambos países, marcadas tamén pola contradición. Mentres o primeiro ministro sirio Bassam Abdel Majid anunciaba a desarticulación do "atentado terrorista", a secretaria de Estado norteamericana Condoleeza Rice, agradeceu a colaboración siria, permitindo incluso intuír un "cambio de actitude" se Siria "se comprometía na loita antiterrorista mundial".

Os móbiles do frustrado atentado debátense nun clima de misterio. As autoridades sirias informaron inmediatamente da posible autoría do "Exército da Gran Siria para a Guerra Santa e o Monoteísmo" e do "Grupo do Mártir Adib al Kilani", dous movementos islamitas sunnitas considerados por Damasco como grupos terroristas e que veñen cometendo atentados con certa frecuencia nos dous derradeiros anos.

Para o goberno de Bashar, o atentado pode servir de elemento clave para incluír a Siria como país vítima do terrorismo e así achegarse un tanto a Washington, cando ironicamente o goberno de Bush acusa a Damasco de apoiar e fomentar o terrorismo internacional.

Outras fontes de investigación apuntan a posibles elementos discordantes co presidente Bashar, tamén focalizados na comunidade sunnita, descontentos pola hexemonía das comunidades alauita e xiíta na estrutura de poder siria. Esta relación de poder foi consolidada polo ex presidente Hafez al Asad desde 1970 e continuada polo seu fillo Bashar trala súa morte no 2000. Segundo algunhas fontes de información non confirmadas, no momento do atentado estaba por pasar unha comitiva presidencial na mesma rúa onde se localiza a embaixada estadounidense.

Autorías aparte, é posible que o atentado frustrado sexa utilizado por Damasco para obter beneficios políticos, elemento de considerable lóxica tomando en conta o actual panorama rexional. Siria intenta saír do illamento internacional imposto por EEUU e Europa occidental. Á súa estratéxica alianza con Irán acaba de incluírse a visita do presidente venezolano Hugo Chávez e os renovados contactos coas autoridades cubanas.

Se Bashar aproveita esta conxuntura será para prover a Siria dunha xanela ao exterior, de renovar as súas cotas de influencia no Líbano, especialmente de cara a consolidar a Hizbulah como principal vértice político e asegurar a posición militar siria como forza de pacificación. Velaí os esforzos de Damasco por evitar un despliegue de tropas da OTAN e da ONU na fronteira sirio-libanesa e nivelar a súa posición rexional co respecto ao poderío militar israelí, debilitado tralo seu recente fracaso no sur do Líbano contra o Hizbulah.

En todo caso, é difícil medir ata qué punto este atentado frustrado servirá de xustificación para un cambio abrupto nas relacións entre Damasco e Washington. Tanto Bashar al Asad como George W. Bush atópanse nun interesante dilema.