20070319 dusan caplovic

Eslovaquia ante a cuestión cosovar

Apartados xeográficos ARCHIVE Balcáns
Idiomas Galego
 Dusan Caplovic; clic para aumentar
Vallan para exemplificar esta extendida opinión as declaracións do viceprimeiro ministro DuÅ¡an Caplovic (na foto) "membro do SMER, partido do primeiro ministro Robert Fico", realizadas en vísperas da declaración de Pristina, nas que, tras afirmar que Cosova é a principal porta de entrada para o tráfico de drogas, de personas e armas a Europa, concluía a súa alocución cun "nunca apoiaremos a independencia de Drug-ovo".
 

A República Eslovaca é nestes momentos un dos cinco estados da Unión Europea, xunto con Chipre, España, Grecia e Rumanía, que declarou a súa negativa a recoñecer Cosova como estado independente.

A postura do goberno eslovaco "composto por socialdemócratas e ultranacionalistas eslovacos" ante a declaración de independencia de Cosova mostra evidentes similitudes coa posición adoptada polo estado español nesta mesma cuestión.

Bratislava, polo momento, decidiu non recoñecer a República de Cosova, alegando que a unilateralidade da declaración de independencia constitúe unha violación da lexislación internacional, e por outra banda, contribúe de maneira perigosa á desestabilización dunha zona cunha tendencia endémica aos conflictos interétnicos.

Argumentos idénticos foron expresados polas autoridades españolas para xustificar o seu non recoñecemento da nova realidade nacida no Parlamento de Pristina.

Tras esta postura oficial de Eslovaquia, de finxida responsabilidade institucional e compromiso coas leis internacionais, subxace unha motivación de orde interna, que non é expresada abertamente, pero que resulta evidente para calquera observador da realidade eslovaca. E o feito é que hai máis de medio millón de razóns para que o goberno socialdemócrata eslovaco non queira recoñecer a Cosova como un novo estado; estamos a falar da minoría húngara, cunha moi forte presenza no sur do país, e que constitúe en torno ao 9% do total da poboación eslovaca.

Bratislava teme as consecuencias que a declaración de independencia cosovar poida ter no seu propio territorio.

Temores moi similares e ben coñecidos son os que motivan ao Estado español a posicionarse con tan inopinados compañeiros de negativa á nacente república.

O único partido político no Parlamento eslovaco a mostrar o seu apoio á declaración de independencia cosovar foi, como non podía ser doutra maneira, o Partido da Coalición Húngara (SMK). O resto de partidos do arco parlamentario, comezando polos grupos compoñentes da coalición de goberno "o socialdemócrata SMER, o ultranacionalista Partido Nacional Eslovaco e o centrista Partido da Xente" expresaron con máis ou menos vehemencia o seu rexeitamento a recoñecer Cosova como unha república independente.

Varios son os argumentos que manexan os diferentes partidos. En primeiro lugar, recorren con certa asiduidade á argumentación de que Cosova é unha rexión dominada polas mafias e a delincuencia organizada, e que a creación dun estado cosovar traerá consigo a institucionalización do crime e a corrupción.

Vallan para exemplificar esta extendida opinión as declaracións do viceprimeiro ministro DuÅ¡an Caplovic "membro do SMER, partido do primeiro ministro Robert Fico", realizadas en vísperas da declaración de Pristina, nas que, tras afirmar que Cosova é a principal porta de entrada para o tráfico de drogas, de personas e armas a Europa, concluía a súa alocución cun "nunca apoiaremos a independencia de Drug-ovo".

A pesar de que estas palabras foron inmediatamente suavizadas por outros membros da coalición de goberno, falan con claridade do discurso que están a utilizar algúns políticos eslovacos na cuestión cosovar.

Ademáis, estas declaracións están sempre acompañadas da retórica e xa extendida argumentación do aumento da inestabilidade nos Balcáns e da violación da lexislación internacional.

Trátase de disfrazar así, o temor pouco fundado de que a minoría húngara intente imitar o proceso levado a cabo polos albano-cosovares en Serbia. En todo caso, é unha boa oportunidade para aillar políticamente ao partido húngaro e deixarlle claros os límites que ten trazados no estado eslovaco.

Resulta evidente que a situación de Cosova non é asimilable á da minoría húngara en Eslovaquia, así como tampouco é equiparable a aquela das nacións periféricas no Estado español, que non deberían caer no erro de buscar inspiración e exemplo no que ata o de agora ten sido un proceso de independencia dirixido polos Estados Unidos e tolerado polos grandes estados europeos, pero que en todo caso viola o dereito internacional e ten como consecuencia a creación dun estado fallido que deberá sair adiante valéndose da axuda internacional, sinaladamente daquela europea.

Non parece verosímil trasplantar este procedemento emancipatorio a comunidades integrantes de estados membros da UE, as cales non recibirían en ningún caso o apoio internacional que ten recibido Cosova.

Papel da UE e dos Estados Unidos

Chegados a este punto parece conveniente analizar o protagonismo que os EEUU e a UE poidan ter no futuro das dinámicas diplomáticas de aquí en adiante.

Porque o feito é que a postura de Bratislava está dando mostras de suavizarse co paso dos días, a medida que se multiplican os contactos ao máis alto nivel, e por qué non dicilo, as presións internacionais para que Eslovaquia mude de posición.

Deste xeito, nos días posteriores á declaración do Parlamento de Pristina, o ministro de Asuntos Exteriores eslovaco Jan Kubis, tivo unhas xornadas de traballo inusualmente ateigadas de contactos, desprazándose en primeiro lugar a Washington para entrevistarse co vicesecretario de Estado norteamericano John Negroponte.

A axenda do encontro obviamente incluíu a cuestión cosovar, pero ademais, tratouse o tema dos requisitos de admisión de Eslovaquia no novo programa norteamericano de visados, que regula a entrada de estranxeiros aos Estados Unidos. Á saida da reunión, e preguntado por esta cuestión, Kubis limitouse a sinalar "estamos cooperando activamente cos EEUU nesta materia".

Trala volta de Kubis a Bratislava, algo parecía ter cambiado nas profundas conviccións dos políticos eslovacos.

A primeira mostra da transformación deuna o presidente da República Ivan Gasparovic, quen declaraba publicamente que ninguén podía saber con certeza qué posición era a correcta no tema de Cosova.

Por último, de novo o ministro Kubis, trala reunión do Comité Parlamentario para Asuntos Europeos celebrado en Bruselas en días pasados, chegou a afirmar que "non pechamos as portas a Cosova", mentras declaraba estar á espera do transcorrer dos acontecementos nos Balcáns. Así mesmo, Kubis expresou a súa vontade de coordinar a posición eslovaca coas determinacións tomadas tanto na Unión Europea como no seo da OTAN.

O primeiro ministro Robert Fico, que goza da gran popularidade que as enquisas reflicten, decidiu non opinar. Parece non querer comprometerse a dicir cousas das que arrepentirse no sucesivo.

Todo parece indicar que asistiremos a un proceso de preparación da opinión pública para xustificar a falta de coherencia e de firmeza da súa clase política. É simplemente unha cuestión de tempo que Eslovaquia claudique á presión internacional e deixe de pertencer ao selecto grupo de estados que se negan a recoñecer a independencia cosovar.

E España ficará entón máis soa, amosando de novo que no Estado español hai cuestións pendentes de ser resoltas, que definen non só a política interna, senón que deciden estratexias en política exterior.

Bratislava, 04/03/2008.