¿España ó G-8?

Apartados xeográficos Others ARCHIVE
Idiomas Galego

Un dos problemas que atopa a comunidade internacional dende a caída do muro de Berlín é o de dar cun espacio común que permita ás grandes potencias discutir a gobernabilidade do planeta. O lugar natural, que é o Consello de Seguridade das Nacións Unidas, está bloqueado polo dereito a veto dos cinco vencedores da segunda guerra mundial (ún síntese incómodo ó incluír a Francia entre eles), e a extemporalidade da súa membresía. A Aseblea Xeral da ONU, cun crecente número de países e un voto por estado, non é un organismo con capacidade de tomar medidas razoables. Por iso, o G-7, logo G-8 tra-la entrada de Rusia, converteuse có tempo nun directorio informal do mundo.

As primeiras mencións á posibilidade de que España podería entrar nese foro escoitáronse nas voces de periodistas adictos ó réxime e inclinados ó patrioterismo. Semellaba tan fóra de lugar que agardabamos que eses comentarios só foran seguidos por un respectuoso silencio. Nembargantes, o tempo incrementou o número de voces, e o proprio presidente Aznar insinuou esa posibilidade na súa visita ó G-8 a Canadá.

O argumento que se aduce xira arredor do fetichismo dunha cifra, o PIB contado en dólares. Só ese número permite contar a España entre os países máis importantes do mundo. Pois se miramos, por exemplo, o tradicional poder da demografía, a superan moitos países en Europa. Fóra de ela, os 40 millóns de españois representan unha cifra ridícula. E quen dí poboación, dí tamén capacidade tecnolóxica e militar, e importancia estratéxica. Para a gobernabilidade do mundo, son moito máis necesarios que España países coma México e Brasil en América, Sudáfrica e Nixeria en África, Exipto e Arabia Saudita no Oriente Medio. E, por suposto, varias nacións asiáticas, nunha rexión de 3.000 millóns de habitantes.

A pretensión española de entrar no G-8 denota non só unha equivocada percepción do lugar de España no mundo, senón un eurocentrismo que aínda considera ó noso continente coma o eixo sobre o que xira o universo. Máis o peso do mundo desprázase a Asia, e é alí onde teñen lugar os desenrolos estratéxicos e económicos claves da nosa era (e a segunda carreira nuclear…) O único sitio onde non se decatan é na cada vez máis provinciana Europa.

E por iso, os que pretenden que España ingrese no G-8, deberían ter menos autocomplacencia, e observar, por exemplo, como na disputa do Perexil, o amigo americano semella conceder maior importancia ós requerimentos de Rabat que ós de Madrid. ¿Non debería dar iso certa medida da nosa importancia?