A Federación conta cun dos acervos documentais e culturais máis amplos sobre a emigración galega.

Especial Ano Castelao (XII) “Temos que aproveitar o Ano Castelao” Entrevista a Luis Fernández Ageitos, presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina

Luis Fernández Ageitos reivindica a tradición democrática e galeguista dunha institución fundada en 1921 para a defensa dos intereses do pobo galego, da súa cultura e dos Dereitos Humanos. Durante o franquismo acolleu aos exiliados, enviou apoio aos leais á República e desde fai 15 anos acompaña á coñecida como “Querella Arxentina” polas vítimas do franquismo que promove accións legais e políticas para a recuperación dos corpos dos represaliados pola dictadura e a condena aos responsables. Teñen o programa de radio “Galicia emigrante”, o Museo da Emigración Galega Francisco “Paco” Lores, unha das bibliotecas galegas máis relevantes de Arxentina, imparten clases de baile, coro, gaita, orquestra sinfónica e unha nutrida programación cultural.
Liñas de investigación Paradiplomacy Diáspora Observatory
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia

Por que apoiou a iniciativa para recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?

Fomos impulsores desa actividade. Nosa institución conviviu co nacionalismo galego e as diversas expresións democráticas do arco da esquerda. ¿Como non imos recoñecer a Castelao? Hai que rescatar o mellor del. Sempre acompañamos. Primeiro coa Secretaria, Lorena Lores, e dende o 2023, coa miña presidencia. Nos 70 tivemos unha comisión xuvenil moi numerosa. Uns 40 mozos fillos de galegos aos que nos ensinaron a recoñecer o pensamento de Castelao, as súas ideas sobre autonomía, soberanía, federalismo, ademais dos bailes, deportes e xogos. Agora, desde a dirección da Federación, impulsamos os debates arredor de Castelao como figura multifacética, artista, debuxante, dramaturgo, periodista e sempre reivindicamos que iso estaba ao servicio da súa acción política para a emancipación do pobo galego. Niso temos unha disputa permanente coas expresións máis conservadoras ou de dereitas en Galicia e tamén na nosa colectividade en Arxentina.

Desde fai moitos anos facemos a homenaxe cada 7 de xaneiro na praza Independencia. É unha das actividades principais xunto á conmemoración da República española e o Día de Galicia, seguindo a dinámica establecida polo compañeiro Paco Lores, que no seu momento foi presidente da Federación e que xogou un papel moi importante neste sentido.

Que opina do acto do Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?

Como defensores do galeguismo, da soberanía popular nacional e dunha ideoloxía de esquerdas, cremos que tería sido importante que se recoñecese a Castelao como presidente. Non é entrar en ficción, porque sen ditadura franquista, estamos convencidos de que ese desenvolvemento lóxico tería sido Castelao como presidente dunha Galicia autónoma e loitando por un Estado. Por iso, sempre vamos ter diferencias coa dereita que recoñeceu o Consello de Galiza pero non a Castelao como presidente. É lamentable que algunha forza política quedara a metade de camiño e se abstivera.

Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao?

Temos que aproveitar o Ano Castelao. Considerámolo positivo. Porque a defensa de Castelao en todo o que ten que ver con Galicia transcende as propias figuras do galeguismo e da esquerda e porque non hai que deixar só en mans do oficialismo que sigamos desenvolvendo o pensamento crítico de Castelao. Pode haber diversas opinións sobre el, pero o que ninguén pode negar é a ética que tiña Castelao en canto a pensamento crítico. Hai moi poucos temas nos que Castelao non se teña metido. E todo o fixo na discusión foi coa forza de esquerda no referente popular, pero sempre desde un tratamento de compañeirismo. Foi un denunciador do caciquismo e do atraso antolóxico de Galicia. As institucións galegas teñen que ter unha dinámica moito maior con ese tema.

Por que cree que os grupos parlamentarios non apoiaron o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia?

Ten que ver con cuestións de equilibrio político, que non me corresponde a min explicar, pero un pode intuír, porque en Arxentina tamén temos expresións políticas que poden axudar a replicar o que está pasando. Sectores que non terminan de definir unha posición progresista democrática, que van pola avenida do medio e que titubean nalgunhas formulación do galeguismo máis importantes pensando que teñen que conter unha sector da dereita. Nós, esa postura non a compartimos. O debate democrático hai que aproveitalo se realmente queremos unha democracia doutro tipo, máis profunda, máis completa, e desenvolver os movementos sociais en Galicia para o desenvolvemento cultural, social e do idioma.

Vai a súa entidade facer algunha programación especial con motivo deste ano Castelao?

Temos un proxecto vencellado con fotografías e a colocación dun busto na nosa sede, pero aínda están en fase de desenvolvemento. Pero para nós, o de Castelao é algo permanente. Tamén estamos pensando en recuperar a data de conmemoración do asasinato de Alexandre Bóveda.

Que pensa que diría Castelao?

Interesante tema. Nós reivindicamos de Castelao a súa acción política galeguista, soberanista, antiimperialista, federalista, e loxicamente, republicana. Hoxe Castelao sería unha das persoas opostas á monarquía en España. E moitas veces me pregunto que pensaría Castelao de que non se protexa nin se promova o idioma e a cultura galega por parte da Xunta, como tería que ser. ¿Que pensaría e que diría do xenocidio do pobo palestino? ¿Alguén pode imaxinarse a Castelao calado sobre estes temas? De ningunha maneira. Por iso, a figura de Castelao vai seguir sendo unha disputa de valores políticos, humanos e éticos coa dereita en Galicia.

Un desexo para a Galicia Universal?

Un maior intercambio entre as organizacións culturais, sociais, políticas, democráticas, galeguistas, de esquerdas. Porque despois de tantos anos que se ten cortado a emigración para América, os mozos galegos non teñen moi en claro cal é o papel que ten xogado a emigración galega en Arxentina. Desde a solidariedade democrática no 36, o enfrontamento aos ataques do franquismo e a súa política de represión que por falta de democracia en Galicia non se podían expresar. Aquí publicouse Sempre en Galiza no ano 44 e alí só despois da morte de Franco.

FEDE
O edificio histórico da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, situado na rúa Chacabuco 955, no barrio porteño de San Telmo, é a primeira sede en propiedade desde 1942 e é ben patrimonial protexido.
AXEITOS AR
O presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Luis Fernández Ageitos, na sala de xuntas da entidade.
axuda FEDE republica 1
Axuda que a Federación de Asociacións enviaba para as vítimas da represión franquista.