Ana Pontón, na súa intervención na Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina

Especial Ano Castelao (XIX) “A figura de Castelao incomoda porque a súa obra e o seu pensamento son unha emenda á totalidade ao que está facendo o goberno do PP” Entrevista con Ana Pontón, portavoz nacional do BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou en Buenos Aires do descubrimento dun busto de Castelao e expuxo a súa posición sobre a relevancia da figura do rianxeiro e os retos que ten por diante a Galicia Universal.
Liñas de investigación Paradiplomacy Diáspora Observatory
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia

Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?

Parécenos que a 75 anos do falecemento de Castelao, aínda hai moitas débedas que temos que saldar co a súa figura e con nós mesmos como país. Porque parece que non se acaba de recoñecer o que significou o exilio, nin o que fixeron os nosos dirixentes políticos nesa época para defender a democracia era legal, aínda que no Estado español houbera unha ditadura que impedía que puidera desenvolverse alí. Nese sentido, pareceunos que era unha iniciativa moi necesaria a proposta que se fixo desde as entidades da emigración de que Castelao fora recoñecido como primeiro presidente de Galiza, precisamente por dar corpo a esa forma de goberno exilio. É unha cuestión que está documentada historicamente, pero tamén considero que é unha cuestión de xustiza, de dignidade e, sobre todo, lexitimar a todo exilio que mantivo viva a chamada democracia e, no caso de Castelao, que mantivo viva defensa do dereito ao autogoberno de Galiza.

Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?

Houbo un certo malestar porque non se lle deu ás entidades o papel que deberían ter. De feito, nós reclamamos que ese recoñecemento e que ese papel se fixera. Evidentemente, non nos podemos opoñer a que o Parlamento faga unha homenaxe na que en certa maneira se desvirtuara unha parte desa proposta, que non foi a mellor, aínda que todas as homenaxes que lle fagamos a Castelao son necesarias. Evidentemente, nós imos estar sempre aí e iso non quita que cara o futuro as cousas podan facerse doutro xeito.

Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao?

Paréceme decepcionante o papel institucional da Xunta. A declaración de Ano Castelao tiña que levar unha programación excepcional sobre a súa obra, incrementar o nivel de coñecemento, afondar a investigación sobre a súa obra. Creo que a Xunta fixo unha declaración ritual, pero tentando baleirala de contido real. Houbo moitas actividades organizadas por outros colectivos. Nós fixemos a nosa programación especial, cun simposio sobre a súa figura e a súa obra. Pero é evidente que quen tiña que pilotar todo ese proceso púxose de perfil. Creo que porque a figura de Castelao incomoda a quen neste momento ten a responsabilidade de gobernar a Xunta porque se coñeces a súa obra, se les o seu pensamento é unha emenda á totalidade ao que está facendo o goberno do PP.

Por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara galega non apoiaron o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia?

É unha pregunta que deberían responder eles. En todo caso, paréceme un erro. Creo que se equivocaron e nós imos seguir traballando para que esa declaración poda facerse porque é unha cuestión de xustiza.

Que pensa que diría Castelao se estivese aquí?

Non me atrevo a falar por el. En todo caso, sei que diría que se aínda somos galegos e galegas e por obra e gracia do idioma, que vale máis un monte con árbores que ouro nos bancos. Diría que temos que seguir sendo solidarios cos outros pobos, que hai que defender a igualdade, a liberdade e seguro que diría Galiza Ceibe.

Un desexo para este ano para a Galicia Universal?

Temos que saldar a débeda coa emigración. Sorpréndeme que non teñamos un museo de emigración, que non se estude máis o que significou a emigración galega e eu tamén desexaría que fagamos máis lobi galego no mundo. Creo que é axudar aos galegos e galegas de emigración e, sobre todo, empuxar para que a Galiza, esa “invisible” da que está a falar Arturo Lezcano, sexa visible, potente e se deixe sentir no mundo. Temos moito que aportar. Esa célula da universalidade das que nos falaba Castelao. Temos que facernos valer máis na Galiza territorial e na Universal.

Vai pedir que nos orzamentos se destinen cartos a protexer o patrimonio galego na emigración. Como pensa articular esa axuda?

Hai que facer un plan. Testar o que hai, o mobiliario: material e inmaterial, o patrimonio artístico. Traballar coa colectividade para preservar un patrimonio que é unha base fundamental e non podemos seguir perdendo. Xa perdemos unha parte dese patrimonio ao longo destes anos. Tamén podería participar o goberno do Estado e as propias institucións arxentinas. Hai que coidalo, dimensionalo e proxectalo ás nova xeracións que se están incorporando co recoñecemento da nacionalidade.

Unha ILP que pide que ese patrimonio sexa cedido ou vendido para que estea na Galicia territorial. Cal é a súa posición?

É entendible que na emigración esa proposta non guste. Tamén é entendible que un cadro tan emblemático como A derradeira leición do mestre, que retrata a dureza que significou para Galiza a guerra civil, teña un sentido que os galegos e galegas valoren e queiran telo alí. O fundamental é que esa obra se preserve, se estude e se garanta a súa conservación. É emblemática e que tamén os galegos e galegas non valoran nin coñecen o suficiente. É un debate que está aberto e todas as partes teñen a súa parte de razón.