O presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, José María Vila Alén, na Sala Castelao da sede social onde se custodia o cadro “A derradeira leición do mestre” pintada en homenaxe a Alexandre Bóveda.

Especial Ano Castelao (XXIII) José María Vila Alén propón un plan director do patrimonio cultural das sociedades galegas na diáspora e incorporar a historia da emigración nos contidos educativos

O presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, José María Vila Alén, fai balance do Ano Castelao e destaca que se ten acadado un recoñecemento “definitivo” da figura do rianxeiro como precursor dunha Galicia Autonómica e como pensador dunha cartografía para “non perderse”.
Liñas de investigación Paradiplomacy Diáspora Observatory
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia

O Centro Galicia de Buenos Aires é unha das entidades senlleiras e de maior tamaño da diáspora, nacida en 1979 da unión dos centros provinciais: Centro Ourensán, Centro Lucense, Centro Pontevedrés e Centro Coruñes. O Centro Galicia é propietario dun dos legados culturais máis destacados no exterior, entre os que salientan obxectos e obras de Luis Seoane e Alfonso Daniel Castelao, do que se conservan a máquina de escribir, a mesa de traballo, pinceis, máscaras mortuorias así como o óleo “A derradeira leición do mestre”, que este verán se amosará no Museo de Pontevedra. Vila Alén, oriundo da Estrada, é abogado e ten unha extensa traxectoria nas entidades da colectividade no país austral, onde exerceu tamén a presidencia da Federación de Sociedades Españolas de Arxentina (FEDESPA). Así mesmo, traballou no deseño da Fundación Galicia-América que deu orixe ao Colexio Santiago Apóstolo, de ensinanza oficial arxentina e española. O titular do Centro Galicia reclama “un plan director do patrimonio cultural das sociedades galegas da diáspora” e que se incorpore a historia da emigración nos contidos escolares para “garantir a identidade” onde se teña “sementado” a Galicia Ideal.

Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?

Por ser unha realidade histórica. Presidente, o primeiro, do Consello de Galiza, órgano inicial, precedente insoslaiable.

Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?

Un avance importantísimo de recoñecemento pleno da figura de Castelao, transcendente precursor dunha Galicia autonómica.

Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?

A estas alturas, a piques de rematar, moi positiva. Haberá quen diga que houbo marxe para máis, pero o balance é moi bo e moi alentador cara ao futuro. A figura de Castelao definitivamente recoñecida e instalada.

Por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia, presentado polo bloque en base a iniciativa do Partido Galeguista e das entidades de emigración do Rio da Plata?

Miro o lado positivo, valoro o logrado. O demáis xa chegará, o camiño está trazado. Temos un inicio. Por un lado, un ideario, un primeiro órgano representativo pero sen poder territorial que presidiu Castelao, o Consello de Galiza, y así debe ser recoñecido. Por outra banda, froito dun proceso, un órgano con poder xurisdiccional territorial, Xunta de Galicia, cuxas competencias, no entanto, nútrense na doutrina dese primero órgano. Se se centra a atención nun punto ou no outro as respostas serán diferentes, ainda que en verdade son realidades que se complementan, non hai contradicción.

Vai a súa entidade facer algunha programación especial con motivo deste ano Castelao?

Sí, nos adherimos, participamos e organizamos. Os últimos, no teatro Castelao do Centro Galego con outras entidades asinantes do Manifiesto Castelao Primeiro Presidente e o último unha exposición na Galería de Arte Luis Seoane da Sede Social do Centro Galicia con auténticas reliquias de Castelao que conforman o noso riquísimo patrimonio cultural.

Que pensa que diría Castelao se estivese agora aquí?

Sinceiramente, penso que Castelao consideraría que o feito sobresae claramente sobre o que falta. E que estaría dichoso, feliz ao comprobar que os seus postulados son tidos como a cartografía que nos guía para non perdernos, que Castelao está por riba de todos nós, que nel cabemos todos. Sen dúbida, tamén, avogaría polo estudo da Historia da Emigración nas escolas de Galicia.

Un desexo para este ano, para os que formamos esta Galicia Universal?

Que se incorpore sen máis dilación o estudo da Historia da Emigración nos colexios e institutos de Galicia. A Galicia de hoxe non se entende sen a emigración. Símbolos identitarios relevantes de Galicia son aportes da emigración. E Galicia é moito máis que un linde xeográfico. Esta máxima debe ser un eixo central a partir do cal podamos edificar novos horizontes. Un plan director do patrimonio cultural das sociedades galegas da diáspora, crear colexios como o Instituto Gallego Hispano Argentino Santiago Apóstolo de Buenos Aires. En suma, promover con accións de magnitude a cultura e a educación, dar resposta ás novas xeracións nas sociedades de acollida, incluíndo as cores e a marca Galicia en toda actividade. Ser cabeza de ponte de interacción entre ambas beiras, garantir a identidade alí onde os emigrantes teñan sementado. A Galicia Universal, a Galicia Ideal de Castelao.

firma convenio dep pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, José María Vila Alén, o pasado 24 de novembro en Olivos, na sinatura do acordo de cesión temporal do cadro “A derradeira leición do mestre” para que se amose no Museo de Pontevedra no verán d 2026.