Serie de entrevistas e análises do Observatorio das Diásporas 2026
Entrevista en vídeo na IGADI TV
Votar e moito mais Arturo Lezcano 1

Especial Novas Cidadanías: Votar e moito máis (IV) Arturo Lezcano reivindica o dereito dos galegos de América a que se recoñeza a súa historia e o seu protagonismo na construción da Galicia presente e futura

Fixemos esta entrevista co xornalista Arturo Lezcano uns días antes de que os representantes de dous partidos políticos españois cuestionasen os dereitos dos cidadáns no exterior. Levamos tempo traballando nesta idea de procurar e pensar as novas cidadanías que se abren a partir da obtención da nacionalidade para descendentes de emigrados ou exiliados. Non xa como o proxecto utópico deses que tiveron que marchar da súa terra para seguir soñando e poder sobrevivir, senón como unha realidade chea de posibilidades de futuro en todos os ámbitos.

Ademais deses dous millóns de galegos das diásporas das que fala Arturo Lezcano que saíron de Galicia dende mediados do S XIX ata a década de 1960, existen moitas persoas que naceron fóra das fronteiras legais do Estado español e que honran e reivindican a súa orixe familiar e a súa pertenza a unha cultura e a unha identidade. Pensar como incorporamos estas novas formas de galeguidade é a vocación do noso traballo. A Galicia universal, Ideal, Invisible, ten un pasado que temos que recoñecer, valorar e que é a orixe dunha riqueza plena de futuro. Unha evidencia difícil de negar.

Lezcano é escritor e xornalista galego. Foi correspondente en América Latina de prestixiosos medios de comunicación durante máis de unha década, publicando no 2025 un dos libros máis vendidos nos últimos tempos en Galicia: “Un país Invisible. A epopea Atlántica da emigración galega”, que recolle centos de historias de emigrantes galegos. Fixémoslle esta entrevista para coñecer a súa perspectiva sobre as novas cidadanías que están a medrar no mundo trala aprobación da Lei de Memoria Democrática. Nas páxinas do seu libro teñen acubillo centos de historias de éxitos, de fracasos, e unha “maioría” que semella “invisible” para a posteridade pero que conforma este xeito noso de “interpretar o mundo” desde Galicia en Estados Unidos, Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil, México, Panamá ou Venezuela.

“De dous millóns de persoas que saíron de Galicia desde mediados do S XIX ata 1960, sabemos apenas as historias duns poucos, que normalmente son homes e dos que se deu en chamar: triunfadores. Aqueles que fixeron cartos ou un nome. Aparte diso, hai una grandísima maioría que viven baixo o radar e por iso non deixan de ser interesantes. Os fíos de historias invisibles conforman un mapa e o que se deu en chamar país invisible”.

“Fáltanos perspectiva para ver que a emigración non é só a historia dos triunfadores, nin só a historia dos exiliados do 36, coa importancia que teñen como reservorio cultural galego e de pervivencia, senón tamén a de todos os fillos de aquela señora que casou por poderes nunha aldea remota e marchou a América”.

“Se temos ese xeito de ver” tamén que no verán reúnense nunha mesma aldea os que volven de Baracaldo, os de Suiza e os de América, onde todos entenden o galego e teñen todas as tradicións, pero cada un cun acento, un xeito de vestir e un xeito de pensar. Entón, se cadra, aínda que é un fenómeno super homoxéneo temos que ter a perspectiva para dicir que non é algo monolítico”, remarca Lezcano defendendo a diversidade do fenómeno.

“Non hai unha representación máis gráfica de que a Cultura galega é o que é no momento contemporáneo gracias a todo o que se fixo fóra”, sinala lembrando que Antonio Pérez Prado aseguraba que “o porteño perfecto é o galego e o galego perfecto é o galego que emigrou e morreu en Buenos Aires”.

Cando volve debaterse mesmo a pertinencia de que os cidadáns do exterior podan exercer os seus dereitos como o de votar e elixir aos seus representantes, esta entrevista achega a mirada de quen deu voz a centos de emigrantes e exiliados que construíron coas súas vidas testemuñas dese país universal que se estende ao longo de América e do mundo. Arturo Lezcano fala deles, dos galegos de hoxe e dalgunha débeda aínda sen saldar. Tamén de Blanco Amor, de Castelao, da exposición en Pontevedra do cadro “A derradeira leición do mestre” e para o que propón que sexa o primeiro ben que teña o “pasaporte de patrimonio galego universal” e dun proxecto de instalación dun “centro de interpretación da emigración” para coñecer a historia desta epopea vivinte. Non vos perdades a entrevista completa en video na IGADI TV.