Produciuse nos últimos tempos un reaxuste histórico en canto á percepción de Europa por parte de significados sectores da sociedade galega. Se no galeguismo de preguerra, a inserción en Europa constituía unha das correntes de fondo do pensamento e acción dos mais lúcidos dirixentes da causa galega, a visión incorporada nos setenta e oitenta afastaba esa dimensión, demonizada naquel contexto da Europa dividida en bloques da que nos falaba Raymond Aron, en función dunha simpatía ideolóxica que nos animaba a militar na outra beira do muro. Houbo unha evolución moi importante, pasado o momento da máis dura confrontación con aquelas iniciativas que redeseñaban o presente productivo da nosa Terra.
Tamén a Europa institucional evolucionou enormemente incorporando dimensións novas, ata entón escasamente presentes no proxecto, obviamente inacabado, facilitando así os engarces daqueles sectores especialmente distantes dunha dinámica de signo exclusivamente economicista e mesmo neoliberal. A caída do muro puxo a guinda. E nese contexto as posibilidades de expresión das distintas Europas medraron, como tamén a convicción de que a tolerancia democrática abría camiños para reivindicacións antigas que agora habían adaptarse aos novos tempos da posguerra fría, mais flexibles e menos dogmáticos.
En Galicia somos Europa e sempre fomos Europa. Pero non sempre estivemos en Europa. Agora podemos dicir que todos estamos practicamente en Europa, porque volta a ser un proxecto mais compartido e no que podemos combinar a reivindicación estratéxica dun programa de máximos co desenvolvemento de tácticas puntuais que non soamente melloren a perspectiva de sectores da nosa economía ou da nosa cultura senón que nos permitan gañar credibilidade e respecto ante os interlocutores europeos. E todo iso nun contexto máis xeneroso e complexo: figuradamente, nalgún caso poderemos chegar antes a Madrid collendo a ruta de Bruxelas, ou viceversa; e mesmo pode chegar a ser Lisboa ou Porto máis capital nosa que a do Reino. E sen que nada diso deba interpretarse en clave de ruptura.
Debemos, pois, ser conscientes do momento que vivimos, da súa complexidade e riqueza para desprendernos dos aspaventos do pasado que aínda condicionan o noso raciocinio político. As fronteiras, pese as aparencias "e evidencias" do contrario non desapareceron de todo, como tampouco as dinámicas tradicionais, en especial dos Estados, que determinan fortes inercias paralizantes que debemos saber sobardar con creatividade, intelixencia e unha forte implicación da sociedade civil. Por todo iso, se a acción exterior é un ámbito da acción pública que vai gañando recoñecemento e credibilidade nos últimos anos por parte de todos os actores, cómpre reafirmar que primeiramente esta deberá ser de vocación primordialmente europea. Pero pese á asumida importancia e mesmo á aproximación de posicións que mesmo faría posible acordos no ámbito político, dos que xa se andou preto non hai moito, qué ven sendo mellorable, no día a día, da nosa relación práctica con Europa?
As dimensións principais do escenario son ben coñecidas. Galicia conta cunha traxectoria de forte presencia e compromiso na cooperación interrexional multilateral (ARE, ARFE "Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma en entrar nesta Asociación en 1986-, CPLRE, ou a CRPM e a súa Comisión do Arco Atlántico), consciente da súa situación xeográfica e dos intereses que comparte con determinados territorios cos que a práctica da cooperación e o exercicio do lobby poderían dar algúns resultados. Na cooperación bilateral, o Norte de Portugal é unha sana excepción "aínda que moi mellorable nos últimos tempos-, fronte á predominancia da practica parálise nos casos de Bretagne, Pays de la Loire ou Piamonte.
Ninguén, goberne quen goberne en Galicia, nos quitará dese espacio no que hoxe gozamos de confianza e recoñecemento. Como tampouco do movemento rexional europeo ou dos comités comunitarios nos que se está participando. Obviamente, poderanse producir axustes en función das prioridades políticas de cada quen e sen que a maquinaria se resinta en prexuízo doutros.
Necesitamos estar en todos os foros onde se debatan e decidan políticas que interesen e afecten a Galicia. Aínda sen capacidade para influír na decisión final de moitas materias, resulta esencial dispor de información que se poida transmitir con celeridade aos sectores afectados para recoller o seu parecer e propiciar dinámicas de resposta e de pre-adaptación en función da conxuntura. Se algo cabería concluír do que levamos de experiencia europea é a enorme dificultade de avanzar ou mellorar posicións con pronunciamentos maximalistas e de partida que non integren as posibilidades dun pragmatismo que todos practican coma unha lei natural.
Necesitamos estar ademais con cualificación e criterio. Por iso mesmo, resulta decisivo o impulso do diálogo sectorial. A sociedade galega ten avanzado na súa autoorganización nos últimos anos dotándose de instrumentos profesionais que garanten unha adecuada expresión dos seus intereses. Pero o contacto coa maquinaria comunitaria é moi desigual en función do sector do que se trate. Eses instrumentos deben preocuparse de mellorar a súa cualificación de xeito constante, perfeccionando elementos tan esenciais e descoidados como a aprendizaxe de linguas ata a formación de expertos cualificados e recoñecidos naqueles temas nos que se nos pode ir a vida.
Esa participación en todo o que atinxe a Europa non soamente debe ter o referente de Bruxelas. Galicia é o primeiro, obviamente, e deberiamos propiciar institucións e mecanismos que faciliten o encontro social. A Fundación Galicia-Europa hoxe non cumpre esa función nin dispón de mecanismos complementarios para integrar puntos de vista dispares nin para facilitar unha representación máis ampla que eluda esa actual equiparación cunha prolongación do Executivo. Tampouco a Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento dispón da vivacidade precisa nin os nosos deputados contan co nivel de asesoramento preciso en materias nas que o posicionamento político debe ser inevitablemente sopesado co parecer técnico.
No ámbito estatal deberían cambiar moito as cousas. A Conferencia de Asuntos relacionados coa Unión Europea nunca chegou a funcionar e aí debe librarse unha primeira batalla esencial para transformar a idea de Europa que existe en Madrid e a teima de que a autonomía ten unha fronteira territorial inamovible. Ese debate está por dar a fondo e sen cambios de percepción da capital do Reino (no mundo político, cultural, económico, social) resultará complexo de mais "convencer" a unha Europa que "con excepcións, obviamente- ten menos prexuízos ante certas formulacións das colectividades territoriais.
Pensar o futuro próximo debemos facelo hoxe. Co alargamento e a reducción de fondos comunitarios para unhas políticas de cohesión que nos beneficiaron de forma notoria, Galicia debe vislumbrar un horizonte cando menos complexo. Pese á enorme importancia que Europa ten na evolución económica, social e cultural do noso país, a fraxilidade institucional neste eido é evidente. Precisamos moita máis Europa entre nós, capacitada e organizada para afrontar ese novo tempo que se aveciña. E precisamos pular por novas liñas de actuación que pechen o tempo do ensimismamento ou do simple repudio para concretar fórmulas e dinámicas que nos permitan gañar posicións no mercado interior europeo, onde está boa parte do noso futuro, naturalmente.
Facer iso require sumar recursos a todos os niveis e dotalos de sentido estratéxico. As liñas de actuación actuais están dispersas en exceso, xestionadas por demasiados actores que defenden a capa e espada a súa "competencia". Predican a cooperación coma o maior dos descubrimentos dos últimos tempos pero son incapaces de practicala. Dende un pool informativo ata un Servicio de apoio á internacionalización "como xa existen noutras Comunidades Autónomas como a Valenciana, por exemplo- deben servir de referentes aglutinantes de todas as iniciativas actuais, dando participación a todos, pero asegurando a coherencia de todos. Moitas cousas pequenas non fan unha cousa grande.
Na Galicia de hoxe cousas tan simples e de sentido común teñen sen embargo o aquel de medidas revolucionarias. Pero ou tomamos a iniciativa ou vamos a remolque, se imos. O exemplo mais paradigmático desta situación son as relacións co Norte de Portugal, piar esencial da política europea de Galicia. Indudablemente, a Comunidade de Traballo atravesa un momento crítico. Á volta duns anos, se non somos quen de imaxinar agora un impulso substancial dos seus contidos, deixará de ser a comunidade "modélica", como dixera Michel Barnier, para, sen os recursos do pasado, morrer de éxito. Naturalmente, a relación con Portugal, unha das maiores revelacións da implicación europea que abriu escenarios soñados en boa medida polos galeguistas cando ninguén pensaba nisto, vai mais alá da Comunidade de Traballo. Pero este instrumento, deficiente e torpe para o que se pretende "torpeza e deficiencia queridas adrede por Lisboa e Madrid-, necesita avanzar con propósitos novos que lle dean sentido. ¿Non os hai? Por suposto que si.
Esa relación non soamente se constrúe por arriba nin cara dentro. A importancia do local é esencial e non pode limitarse á creación de Comunidades Territoriais, a pesar da súa importancia e do positivo salto que significan, ou ao Eixo Atlántico. Hai mais de quince concellos en Galicia que están irmanados con outros tantos de Portugal que nunca puxeron en común as súas experiencias. Pedir que a Federación Galega de Municipios e Provincias dispoña dunha comisión de relacións exteriores semella hoxe cousa case de "alunados", que diría Cunqueiro. Pero máis aínda: a proxección exterior da eurorrexión debería ser hoxe tan determinante como a dinámica interna, para propiciar alianzas estratéxicas en sectores e rexións nas que a complementariedade, certamente un valor claro pero non sempre doado de xestionar, pode facilitar unha expansión compartida ou a tan anhelada captación de investimentos. Pero na Comunidade de Traballo hai comisións para case todo, menos para a proxección exterior. ¿Poderemos así dinamizar o talento que todos lle recoñecen? Moi insuficientemente.
E saben vostedes que o Instituto de Estudios de Portugal, na USC, é unha entelequia practicamente inexistente, mentres o tan anunciado Centro de Estudios Eurorrexionais leva anos intentando pórse a andar sen éxito. Datos negros que contrastan sen embargo coa existencia dun innegable dinamismo en persoas ou en pequenas institucións ou empresas, con boas ideas e mellores practicas, pero que, por actual a nivel micro, non teñen ese suficiente impacto que precisamos para modernizar determinadas actitudes e institucionalizar mais amplamente a nosa relación con Europa e co exterior en xeral. Globalizar esas experiencias e transversabilizalas a través de mecanismos estables que garantan un nivel relacional mais intenso é un aspecto moi transcendente se de verdade cremos na famosa sociedade do coñecemento.
As políticas do día a día non se fan con meras proclamas, a veces necesarias pero para outras cousas. Precisamos infraestructuras que nos permitan facer equipos, gañar experiencia, formar e dirixir políticas activas que adianten os tempos que están por vir, coas máximas garantías de proveito. E a nosa debilidade neste eido é aínda grande. Urxe unha mutación do actual estado de cousas se queremos europeizar Galicia sen remachar obviedades e facéndoo ademais con sentido de país.