Fa Lun Gong

Un Tribunal Popular de Beijing ven de condenar a catro dirixentes da secta Fa Lun Gong a varias penas de prisión. A sentencia ten unha dobre particularidade. Dunha banda, os catro procesados son membros do Partido Comunista e mesmo un deles, Ji Liewu, foi axudante de Deng Xiaoping. Doutra, o procesamento baseouse na acusación de revelación de secretos de Estado co evidente propósito de endurecer as penas. A sentencia, pois, revela a determinación das autoridades chinesas para reprimir severamente este movemento e sobre todo o seu empeño en recuperar o control ideolóxico no seo do Partido enviando unha clara mensaxe a todos os seus militantes. Na base social desta secta, calificada de “herética” polas autoridades, destaca a forte presencia de cadros medios do Partido, do Exército e mesmo dos servicios de seguridade.

A preocupación dos dirixentes chineses en relación a Fa Lun Gong radica en dúas cuestións. Na China, practicamente ninguén lle discute ó Estado-Partido o seu protagonismo na construcción da civilización material, pero podían abrigarse dúbidas a respecto da posibilidade de compartir esa primacía na configuración do que Deng chamaba a “civilización espiritual”. Fa Lun Gong incide neste último aspecto, pluralizando a cohesión ideolóxica e social. Por outra banda, en tempos de cambio, cando medra o descontento e a crise agrava o desemprego e as desigualdades, a ausencia de utopías políticas que encarreiren as enerxías emancipadoras facilita que movementos pseudorelixiosos destas características cautiven ós decepcionados.O fenómeno pillou por sorpresa ós dirixentes chineses. Todos agardaban que a “polución do espíritu” viñera da man do aburguesamento occidental e sen embargo o perigo máis grave emerxeu dende dentro da propia sociedade chinesa.O movemento Fa Lun Gong lanzouse públicamente en 1992 e nuns poucos anos a súa organización chegou a todo o país agrupando, segundo algunhas fontes, a varios millóns de seguidores.

O qi gong é a base esencial deste movemento, unha técnica que forma parte da bagaxe cultural da China milenaria, se ben practicada ata agora por unha elite moi exclusiva. O qi gong estivo prohibido durante a época de Mao, pero na década dos oitenta, coincidindo coa extensión da reforma económica ó ámbito urbano, espallouse rapidamente e mesmo a propia prensa do Partido chegou a publicar numerosos manuais para facilitar a súa práctica. Lembro que nunha viaxe realizada en 1994 por varias provincias chinesas, atopei en Yantai (Shandong) a unha dirixente local do Partido moi entusiasta desta ximnasia que combina exercicios fisicos e respiratorios baseados nun profundo coñecemento do corpo. Segundo me explicou, o punto neurálxico do organismo é a orella. Todas as noites e mañáns tiraba 14 veces de cada unha delas, 81 veces frotaba os ollos e outras 81 as plantas dos pés. Arredor dunha excelente mesa chinesa, aseguroume que ela podía beber e beber sen parar porque co control da respiración era quen de impedir o efecto nocivo do alcol. Rebordante de enerxía, gostaba de andar un mínimo de media hora diaria porque é nesa fracción de tempo, dicía, cando se renova a circulación do sangue en todo o corpo, etc, etc.

Sobre a base do qi gong, Li Hongzhi, o inspirador e líder da secta, ensina que cada un debe atopar o seu camiño practicando a verdade, a compasión e a paciencia; e que cómpre perseverar no cultivo da propia enerxía vital ata dar con ese punto de enlace coa enerxía do cosmos que permitirá adquirir un estado máis puro. Ese é o obxectivo principal. Fa Lun Gong (lei, camiño, método) é o instrumento para chegar á salvación individual nun mundo en franco declive e que se condena cada día que pasa. As súas crenzas afondan no budismo e no taoísmo, na búsqueda do equilibrio, da armonía e da perfección.

Pero á par deste discurso, que podiamos considerar naturalmente discutible pero globalmente aceptable, Li Hongzhi aporta un lado oscuro. Está comprobado que falsificou a súa data de nacemento para facela coincidir co día e mes en que naceu Sakyamuni, o Buda Iluminado, a fin de reforzar unha inequívoca vocación mesiánica. Asegura que os extraterrestres tomaron o control do planeta e que están detrás de determinados avances tecnolóxicos recentes como a clonación. Nunha entrevista publicada na revista Time o pasado mes de maio, cando lle preguntan se é un ser humano, limitase a afirmar que “vostede pode verme como un ser humano”. Zhuo Xin-ping, director do Centro de Estudios das relixións da Academia de Ciencias, asegura que Fa Lun Gong é unha secta baseada no control espiritual dos seus seguidores, moi similar á da Verdade Suprema de Xapón, ou ós davidianos de Estados Unidos.

A represión do movemento remóntase a 1997, ó pouco de Li Hongzhi emigrar ós Estados Unidos por medo a ser detido; decisión cando menos pintoresca se temos en conta que asegura dispor con capacidade para facerse invisible. Podía todo quedar en case nada, pero cando dez mil seguidores se concentraron en Zhongnanhai, a carón da residencia de Jiang Zemin, dispararonse as alarmas. O Diario do Exército semella levar a voz cantante e clama insistentemente contra o perigo social que representan. Varios milleiros de membros do Partido están inmersos en procesos de reeducación.

Mentres conservadores e reformistas debaten no seo do Partido sobre a mellor táctica a seguir (represión ou educación), con claro predominio dos primeiros, algunhas fontes aseguran que Fa Lun Gong estase organizando clandestinamente, preparandose para “dar o golpe” no momento oportuno e apretarlle de novo as caravillas ó poder. Un movemento destas características non prende asi coma asi e alén das súas excentricidades, que as ten, os efectos negativos da reforma semellan caldo de cultivo dabondo para manter por un tempo un alto nivel de adhesión tanto pola ilusión de superar anímicamente as adversidades do presente, como pola ausencia de mecanismos fiables de participación no sistema, alén dos rixidamente establecidos.