“Fame Cero” ou “Déficit Cero”

Apartados xeográficos Latin America ARCHIVE
Idiomas Galego

Arxentina esboróase na interminable espiral de axuste-recesión / axuste-recesión, sen atopar o fondo firme no que basear a recuperación. A primeiros deste mes de setembro está previsto que o directorio do FMI faga realidade a actual carta de intencións e aprobe o envío de 8.000 millóns de dólares. O prezo que trae inscrito na etiqueta o novo creto é o "déficit 0", e unha nova reducción das prestacións sociais. O ex-presidente Alfonsín, membro da gobernamental Unión Cívica Radical, pediu o relevo do ministro de economía Domingo Cavallo e retou ao goberno da Alianza para que se fixe como principal obxectivo o "Fame cero".

Sete son os sucesivos planos de axuste aplicados polo goberno, dende que a Alianza chegara ao poder, en decembro de 1999. Dos 8.000 millóns de dólares xa anunciados, 5000 están a piques de efectivizarse, pero traerán na súa compaña, case con toda certeza, un novo axuste.

Do oitavo xa se desvelou que comportará unha nova flexibilización do mercado laboral, na que se poderán ofertar novos tipos de contratos temporais nos que os traballadores van ter un menor salario e van ver rebaixadas as prestacións laborais. Tamén é previsíbel un novo recorte nos salarios dos xubilados e dos empregados públicos que no mes de xullo xa foran minguados nun 13%. No obxectivo do "déficit 0" calcúlase que cumprirá, amais, equilibrar os 900 millóns de dólares/pesos que o estado deixará de recadar, pola agudización da crise, entre outubro e decembro. De ser atinadas estas previsións, funcionarios e xubilados volverían ser obxectivo prioritario das tesoiras do estado e veren reducidos, os seus salarios, noutro 20%.

Os país vive no conflicto social permanente. Cada día saltan a actualidade pública folgas sectoriais que obteñen gran respaldo nas súas convocatorias. Profesores, taxistas, medios de transporte, universidade… non cesan nas protestas e inmediatamente son relevados, na rúa, por outros novos sectores golpeados pola crise.

O xefe do radicalismo Raúl Alfonsín, teoricamente oficialista, leu o venres un durísimo comunicado no que solicita abertamente o relevo á Fronte do Ministerio de Economía de Domingo Cavallo, antes de que cumpra o seu primeiro semestre no exercicio do cargo.

Alfonsín, en plena carreira electoral ao senado, e sen boas perspectivas nas sondaxes, tirou o machado de guerra enriba da mesa do despacho de Cavallo, ao que acusou de ser o principal responsábel do endebedamento do país, durante a súa etapa como ministro menemista.

Cun discurso, impropio dun alto dirixente do principal partido da Alianza gobernamental, apuntou cara rebeldía co FMI. "Que lindo sería deixar de pagar a débeda durante dous anos", "os acredores teñen que deixarnos tranquilos un tempo cos seus intereses e o capital". Ao tempo demandou que se rachase co teórico ciclo virtuoso do neoliberarismo: reducción do gasto público, co obxectivo de baixar a taxa de risco, que permita a reactivación da economía e aumente o emprego. Seguir incidindo nel, é seguir afondando no fracaso.

Moitos son os que coinciden co diagnóstico de Alfonsín, pero tamén son moitos os que, dende hai tempo, veñen repetindo estes mesmos argumentos, e, por tanto, desconfían da repentina e oportuna conversión dun ex-presidente, pronto a inmolarse na contenda electoral do 14 de outubro.

Para o 15 de outubro xa están en marcha subterráneas operacións de enxeñería político-económica, ás que non é alleo o propio Alfonsín, nas que están implicados dende as xerarquías eclesiásticas, líderes sindicais, faccións políticas, empresarios..etc. Uns demandan un goberno de Unidade Nacional durante 10 anos, outros dan por feito o relevo de Cavallo e tampouco faltan os que demandan unha retirada anticipada de De la Rúa . No eido da economía, uns propugnan deixar que o peso fluctúe, outros pola contra avogan directamente pola dolarización…pero o certo e que o rebumbio das reunións xa ten dado comezo e as propostas están enriba da mesa.

Aconteza o que aconteza o 14-O, é evidente que o rumbo do país non van ser o mesmo.