É verdade que a revolución cubana vive acosada polas maquinacións de EEUU e algúns grupos de exiliados de Miami que soñan con derrocar pola forza o réxime instaurado en 1959; que o FBI tolera de forma aberta a creación e entrenamento de comandos terroristas no seu propio territorio co indisimulado propósito de invadir Cuba; que moitos fóra da illa quixeran á súa inmediata inclusión no "eixe do mal" para forzar unha enérxica varrida do Partido Comunista de Cuba. Todo iso é certo, pero non é causa suficiente para xustificar a execución dos tres secuestradores dun ferry. ¿É tan feble a revolución que non pode soportar a acción infiltrada dun cento de disidentes? As execucións son unha opción totalmente desproporcionada.
A mensaxe que Fidel quere enviar á disidencia interna e a EEUU é clara pola súa contundencia, pero ¿qué mensaxe envía a todos os que simpatizamos cos ideais transformadores e progresistas que inspiran a revolución cubana? Sen dúbida, o problema da saída da illa de todos os que non concordan co réxime podería solventarse cunha política distinta de visados que non se aborda, entre outros, para forzar as accións desesperadas que tanto impactan na opinión pública. Pero esa é só unha parte do problema. A outra é que non se pode imaxinar un futuro estable para a illa se non se abren espacios xenerosos para acoller institucionalmente a discrepancia.
O contexto no que se insire esa batería de duras condenas a disidentes, xuízos sumarísimos e execucións, induce a pensar na existencia de sectores do réxime que abrigan enormes medos a explorar camiños de normalización. Algúns feitos, cando menos, invitan á reflexión. En primeiro lugar, que o endurecemento se produza en vésperas da III Conferencia da Nación e a Emigración, na que debían participar un milleiro de exiliados e cando varias sondaxes indican que a maioría deles apoian a apertura dun diálogo coas autoridades de La Habana. En segundo lugar, cando estaban moi avanzadas as negociacións para a inclusión de Cuba no acordo preferencial de Cotonu, que agrupa a UE e 77 países de África, Caribe e Pacífico, con importantes vantaxes comerciais. É evidente que estas reaccións de La Habana dificultan a realización de políticas matizadas que faciliten unha maior inserción internacional de Cuba. Por último, cando medran as voces en EEUU que demandan a flexibilización do embargo.
As execucións e demais medidas de intimidación son pois un fraco favor. Se a conspiración de Washington é unha acción permanente e, como sinalou Felipe Pérez Roque, existen documentos e outras probas que ilustran o labor do xefe da Sección de Intereses de Estados Unidos, Sr. James Cason, para tratar de fabricar unha oposición en Cuba, ¿por que non o expulsan da illa e pechan a Oficina en vez de ensañarse cos seus propios cidadáns?
O pluralismo é un elemento real nas sociedades complexas e imprescindible para poder considerar seriamente unha maior participación e control social do poder público. En Cuba, o principal problema deste diálogo, é que ou remata en pluralismo ou non dará comezado realmente. E, paradoxalmente, o pluralismo pode acabar coa revolución. Pero se Cuba esixe o respecto ao seu dereito a existir nun contexto internacional definido pola uniformidade, non pode negar no ámbito interno as posibilidades efectivas do pleno exercicio da discrepancia.