(Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC)

Fronteira Norte: entre muros, migración e crime organizado

Ao redor dos 3.185 quilómetros que conforman a liña divisoria entre México e EUA sepáranse dúas realidades ben dispares, socioeconómica e culturalmente distantes. Esta extensa e vasta rexión, onde desembocan os diversos fluxos migratorios que percorren a paisaxe mexicana, combina unha orografía diversa, alternando grandes zonas urbanas con inmensas áreas desérticas e definindo unha fronteira de carácter poroso.

Liñas de investigación Diáspora Observatory
Apartados xeográficos Others
Idiomas Galego

Ao redor dos 3.185 quilómetros que conforman a liña divisoria entre México e EUA sepáranse dúas realidades ben dispares, socioeconómica e culturalmente distantes. Esta extensa e vasta rexión, onde desembocan os diversos fluxos migratorios que percorren a paisaxe mexicana, combina unha orografía diversa, alternando grandes zonas urbanas con inmensas áreas desérticas e definindo unha fronteira de carácter poroso.

Os asentamentos limítrofes consolidáronse e medraron arredor dun fluxo migratorio natural e recíproco (de norte a sur), atravesado diariamente por preto dun millón de persoas e cun esencial intercambio comercial de bens e servizos (superando o valor de US$ 1.000 millóns diarios, segundo o Centro Wilson)(1), conformando así un dos tráficos legais máis intensos do globo. Paralelamente, sitúase o maior número de cruces ilegais do mundo, converténdose en feudo de asociacións ilícitas e belixerantes do crime organizado.

Rutas, tendencias e áreas fronteirizas

Ao carón deste fluxo legal, eixe fundamental de desenvolvemento económico das cidades do borde norteamericano (San Diego, El Paso etc.), sitúase unha realidade migratoria  de carácter máis clandestino e vulnerable. Ben sexa de orixe autóctona ou provinte das rutas centroamericanas, un amplo número de migrantes indocumentados arriban a estas áreas do Norte de México (Tamaulipas, Novo León, Coahuila, Chihuahua, Sonora e Baixa California).

As tendencias migratorias dos últimos anos reflicten un paulatino retroceso da migración de orixe mexicana (saldo migratorio de -140.000 migrantes en 2014, segundo o Pew Research Center)(2). Sen embargo, esta diminución vese compensada polo aumento da migración orixinaria de Centroamérica, en especial do Triángulo Norte.

A debilidade das estruturas estatais, especialmente nas áreas que sufriron un rápido crecemento, e as políticas  de confrontación do crime organizado aumentaron a inestabilidade e a violencia da zona. Como consecuencia, as principais rutas reorientáronse cara localizacións máis inhóspitas e perigosas, mentres as redes tradicionais de tráfico de migrantes (“polleros” ou “coiotes”) quedaron subordinadas aos cárteles dominantes.

Políticas fronteirizas e seguridade

Tralos atentados do 11-S, a política fronteiriza de EUA caracterizouse polo incremento da seguridade e o endurecemento das medidas de vixilancia e control da migración ilegal. Aumentáronse paulatinamente o número de axentes fronteirizos e zonas de control (de 3.000 axentes en 1981 a máis de 20.000 en 2010, construción de 1.000 quilómetros de valados e muros dende 2006)(3), o número de deportacións (2,8 millóns entre 2009 e 2016) e promulgáronse leis estatais altamente restritivas que, coa finalidade de desincentivar o fluxo, criminalizan a situación do indocumentado (por exemplo a lei SB-1070 de Arizona).

   Con posterioridade, e baixo a tutela das administracións norteamericanas, no mandato do ex presidente Felipe Calderón iniciouse a denominada “guerra contra as drogas”, un análogo dos plans de confrontación dos carteis colombianos na década de 1980, centrando a resposta á problemática do crime organizado nunha militarización(4)do conflito, especialmente en cidades limítrofes como El Paso, Tijuana e Novo Laredo, entre outros.

A tónica imperante, polo tanto, centrouse en políticas e estratexias de securitización, cun predominante carácter unilateral por parte de EUA. Se ben é certo que existen medidas coordinadas e de maior espectro, como a Iniciativa Mérida(5), estas mantéñense demasiado arraigadas á lóxica da vixilancia e control como eixo fundamental, prestando escasa atención a temas transversais como os factores de empuxe migratorio ou os niveis de consumo de sustancias estupefacientes.

Avaliación das medidas adoptadas: migración e crime organizado

As iniciativas de reforzo fronteirizo, por unha banda, tenderon a favorecer a consolidación dos actores armados non estatais nestas rexións. Coa aplicación de medidas máis restritivas, o número de migrantes que caeron nas súas redes multiplicouse (do 50% a fináis de 1980 a superar o 80% no 2000) véndose forzados a utilizar as canles que estes grupos ofertan.

Do mesmo xeito, ante a dificultade das novas rutas, os prezos esixidos experimentaron unha forte subida (de US$ 700 a finais da década de 1980 a superar os US$ 2.800 a finais da década de 2000). Paralelamente, o maior acceso a este colectivo levou consigo unha alza das extorsións, secuestros e trata sexual, servindo así como fonte de recursos e servizos.

De forma inversa, o tráfico de armas e cartos ilícitos que retorna para México e Centroamérica dende Norteamérica (con frecuencia utilizando as mesmas rutas) mantén unha liña ascendente e sitúase en niveis alarmantes. Segundo a Organización de Estados Americanos, 700.000 armas ingresan en México dende a fronteira norte e entre 20 e 30 mil millóns de dólares anuais, segundo o Congreso de Estados Unidos.

Deste xeito, no só non se conseguiu minar a capacidade das organizacións criminais, senón que esta aumentou polo acceso a maiores recursos. De igual xeito, froito das políticas de confrontación, os niveis de violencia nas zonas fronteirizas mexicanas aumentaron e favoreceron a fragmentación e multiplicación das diversas organizacións.

Os resultados no ámbito da entrada de indocumentados tamén parecen mostrarse limitados. Se ben o cruce de migrantes mexicanos semellou estancarse e mesmo ofrece un leve retroceso, a súa vinculación co éxito das medidas de securitización non parece concluinte, pois outros colectivos continúan en aumento. Certos factores externos parecen presentarse máis determinantes para explicar o fenómeno: crise económica, inseguridade das zonas de tránsito, mellores condicións en México, redución da demanda nos mercados de traballo e construción en EUA, etc.

Finalmente, como efecto colateral, as iniciativas lexislativas antiinmigración, tenderon a presentar una imaxe maniquea do inmigrante ilegal e contribuíron a conformar dinámicas de polarización e confrontación  social.

Que esperar da era Trump?

Ao albor dos recentes acontecementos, a aposta polo reforzo da dinámica continuísta de securitización parece clara. Cun discurso agresivo e de confrontación, con frecuente tendencia á demonización da poboación migrante, o executivo que preside Donald Trump comeza a avanzar a pasos axigantados cara unha férrea blindaxe fronteiriza: decretos xa firmados para o aumento de axentes de control, ameaza de incremento das deportacións, a construción do polémico muro, revisión de acordos comerciais como o TLCAN, etc.

Pola súa banda, a inacción do presidente mexicano Enrique Peña Nieto non parece dar visos de rematar, nin para dar resposta á retórica belixerante do seu homólogo estadounidense (quizais atrapado pola dependencia comercial) nin para fomentar medidas alternativas encamiñadas a tratar o desafío migratorio e a consolidación da criminalidade organizada na rexión.

Ante a problemática que supón este fluxo ilícito, coa presenza de actores armados non estatais, parecen necesarias máis actuacións de ámbito multilateral e multidisciplinar. Do contrario, cun enquistamento nas medidas e dinámicas unilaterais, auspiciadas pola retórica proteccionista e de securitización, só se conseguirán menoscabar os xa vilipendiados dereitos humanos das persoas migrantes e fortalecer as asociacións ilícitas a un e a outro lado da fronteira.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado  en Historia (USC) e estudante no Máster “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

Citas Bibliográficas:

(1) Wilson Center: “REPORTE DEL ESTADO DE LA FRONTERA, Un análisis integral de la frontera México-Estados Unidos” 2013  https://www.wilsoncenter.org/sites/default/files/spanish_reporte_estado_frontera.pdf

(2) http://www.pewhispanic.org/2015/11/19/more-mexicans-leaving-than-coming-to-the-u-s/

(3) Migration Polity Institute: “U.S inmigration and Mexican/central American migration Flows: then and now” 2011 https://www.wilsoncenter.org/sites/default/files/us_immigration_policy_mex_ca_flows.pdf

(4)Deuse unha utilización da lóxica bélica, co uso e mobilización de diversos continxentes do exército para combater directamente aos carteis do narcotráfico.

(5) Aplicada dende 2008 para México e Centroamérica, destinada a proporcionar elementos técnicos (equipamento militar, policial e de vixilancia) e asistencia en territorio mexicano para a profesionalización da policía, reforma xudicial e penitenciaría, desenvolvemento de infraestruturas, seguridade e fomento da cultura da legalidade.