Artigo orixinalmente publicado no Faro de Vigo, 17 de maio.
Nós no Mundo 2026 — Acción exterior de Galicia  nun sistema internacional inestable

Galicia perante un mundo inestábel

O mundo do ano 2026 é un mundo complexo. A fragmentación xeopolítica, o cuestionamento das institucións multilaterais e un transaccionalismo crecente nas relacións entre Estados configuran un escenario inestábel e volátil. Se ben non é unha tendencia nova, a segunda presidencia de Donald Trump non fixo senón acelerar o desmantelamento do mundo de posguerra.

Galicia non pode estar allea a esas dinámicas e precisa articular os seus intereses no plano internacional dende un compromiso claro co multilateralismo. Conta para iso cun marco político que poucos territorios do seu tamaño teñen: a Lei de Acción Exterior de 2021, a Lei Paz Andrade e a Estratexia Galega de Acción Exterior 2025-2029. Mais segue a se aplicar a retazos, sen un fío condutor que dote as iniciativas de coherencia e impacto real.

Superar esa fragmentación é tanto máis urxente canto que o momento ofrece oportunidades concretas. No plano económico, iniciativas como a posíbel instalación dunha fábrica da empresa chinesa MG en Ferrol lembran que a proxección exterior ten consecuencias directas para a vida das persoas. Mais as oportunidades non son só económicas. Temos tamén marxe para gañarmos presenza en organizacións como a UNESCO, a CPLP ou a ONU Turismo. Son espazos onde a nosa lingua, a nosa cultura e os nosos sectores estratéxicos merecen unha voz propia e activa.

Con todo, unha acción exterior coherente precisa tamén capacidade de análise propia. No IGADI levamos 34 anos ofrecendo claves para comprender o presente e anticipar tendencias nas relacións internacionais, sempre en chave galega. As conclusións dese traballo, recollidas nos nosos informes anuais, apuntan todas na mesma dirección: Galicia ten os instrumentos, só lle falta a vontade de usalos con coherencia.

Podes ler o Informe Nós No Mundo 25-26: Acción exterior de Galicia nun sistema internacional inestable.