Hoxe xa non é só unha sospeita a idea que moi diversos analistas veñen barallando sobre a ideoloxía que move aos homes que están arredor de Bush: que entra dentro da súa ideoloxía manter o país no que algúns chaman o golpe de Estado permanente. Fálase de que están baixo a influencia do pensamento de Carl Schmitt, e outros só conceden que o inspirador é de máis baixo nivel e apuntan a Leo Strauss. E outros, máis modestos aínda, quédanse con Allen Bloom.
O certo é que non importa moito. O que si conta son os feitos que imos coñecendo, entre os que podemos subliñar o decidido propósito dos gobernantes, no máis alto nivel, de prescindir dunha das máis sobranceiras garantías de calquera democracia moderna, como é a independencia do poder xudicial. Prisioneiros sen asistencia legal, sen acusación, indefinidamente incomunicados… cómpre recoñecer que o feito é novo nunha democracia.
Citemos tan só as prisións da CIA en países europeos, os secuestros nos mesmos países, os voos con prisioneiros destinados á tortura en terceiros países e tamén as prisións en países europeos, das que hoxe xa non cabe dubidar. O xornal suízo Le Temps, do 9 de xaneiro, deu unha información, descuberta polos servizos secretos helvéticos, da que é difícil dubidar: hai esas prisións, especialmente en Romanía, nas que os servizos secretos americanos torturan. Por máis que Berna garde silencio.
O escándalo das escoitas telefónicas é ben coñecido. Ou a censura imposta ao físico da NASA que vén alertando dos problemas do cambio climático, co pretexto de que a súa función é a ciencia e non a política (como no chiste de Franco: faga coma min, non se dedique á política) e tantas outros supostos que sería moi longo expoñer aquí. Tamén é coñecida a xustificación dada por Bush e os seus: como presidente en guerra está facultado para interpretar as leis ao seu xeito e a aínda para dalas.
Iso é o que para moitos, con razón, é fascismo sen máis. En calquera caso, o golpe de estado permanente parece real nos EEUU de hoxe, e prodúcese ao se impoñer o poder executivo aos outros poderes, maiormente ao xudicial, pois a sociedade xa foi predisposta polo medo: tan axiña como se lle meteu o medo no corpo e na alma, o que lle importa é acabar co inimigo, sen que importe a forma.