Grozni caeu, Primakov tamén

A bandeira imperial ondea sobre a praza Minutka de Grozni, ancorada no mastro do pouco que queda en pe da residencia oficial do presidente Aslán Maskhádov.

O xeneral Manílov, segundo do Alto Estado Maior ruso, anunciaba inmediatamente unha retirada substancial dos combatentes. Mentres, o presidente en funcións declaraba fachendoso: "Témolos rodeados", en referencia aos 1.500 "boievikí"que intentaban a retirada cara o sur montañoso da república caucásica.

Ao tempo, na capital moscovita, o ex primeiro ministro Primakov anunciaba a súa retirada da carreira presidencial con amplas referencias aos déficits democráticos de Rusia. Máis simple foran os argumentos empregados polo seu aliado nas lexislativas, Iuri Luxkov quen anunciara o abandono das pretensión presidenciais por non ter nada que facer ante Putin.

O interese polo que poida suceder o 26 de marzo redúcese a si Putin obtén a maioría absoluta ou haberá que esperar á segunda volta para a súa proclamación como presidente da Federación Rusa.

Tras catro meses de asedio os soldados rusos puideron disparar os seus "kalasnikov" en sinal de victoria. Mentres centos de civís ían abandonando as súas tobeiras para entregarse aos novos amos da cidade destruída, o mando militar checheno había días que ordenara aos "boievikí" iniciar a retirada e reagruparse nas montañas. Como conseguiron os combatentes chechenos rachar o cerco foi fonte de múltiples especulacións, falouse de que os soldados rusos os deixaron saír a cambio de 100.000 dólares, de que fuxiran polos campos por eles mesmos minados, acción na que tería perdido as dúas pernas o xefe militar Basáiev, e mesmo dun pacto entre os mandos ruso e checheno segundo o cal uns abandonarían a cidade e outros deixaríanos saír, para tomar uns meses de respiro ata as presidenciais. A batalla de Grozni remataba. A cidade que Putin quería someter antes das lexislativas do pasado 19 de decembro para consolidar o proxecto electoral de Vredme e iniciar a reordenación do mapa político ruso, resistiu case dous meses máis.

O obxectivo electoral acadouse pola firmeza demostrada polo daquela primeiro ministro na guerra confusamente desencadeada ao pouco do seu nomeamento para o cargo. A sorprendente irrupción de Vredme no escenario político permite orientalo cara un bipartidismo imperfecto caracterizado polo entendemento nos "asuntos de estado" entre as dúas grandes forzas. Acordo que mesmo chegou a un pacto para deseñar o organigrama da nova Duma e permitiu a reelección do número dous do Partido Comunista da Federación Rusa , Guennadi Selezniov, como presidente, ao tempo que facilita a laminación das outras alianzas electorais, das que a primeira e víctima foi a fráxil Patria-Toda Rusia que ata hai escasos meses aparecía como a que máis posibilidades tiña, tanto nas lexislativas como nas presidenciais. Hoxe, a alianza encabezada polo tándem Primakov-Luxkov está practicamente desintegrada, os seus deputados, coas orellas gachas, solicitan o perdón do Kremlin e os lideres abandonan as súas aspiracións presidenciais. Non tardará moito tempo en correr a mesma sorte a Unión de Forzas de Dereita na que se agrupan unha manchea de ex primeiros ministros de Ieltsin. Só o incombustible Iabloko de Grigori Iavlinski e o fascismo extravagante de Xirinovski semellan ser quen de sobrevivir á presión dos dous grandes. A Rusia do post-ieltsinismo semella disposta a ignorar todo o que pasou nos dous mandatos presidenciais anteriores e configurarse sobre o dualismo partidario Verdme-PCFR. A confrontación Putin-Ziugánov sería a última escena da representación na que ambos teñen claro o libreto.

A cuestión do Cáucaso seguía a interromper con estrondo dende o patio de butacas. A caída de Grozni pode acalar as protestas do público desencantado e abrir un entre acto que chegue ata finais de marzo. Os guerrilleiros chechenos necesítano para reagruparse e recuperarse das perdas sufridas, entre elas seica algúns dos seus principais xefes, e coidan que a perda de Grozni non supón unha derrota, tamén na guerra de 1994-1996 perderon a súa capital, á espera de poder forzar algún acordo despois das presidenciais. Os militares rusos tiñan ordenes claras de tomar canto antes a cidade, a retirada do 24 de decembro foi puramente táctica e despois de destituír a varios xefes militares retomouse a ofensiva con máis ímpeto, e poder anunciar unha pronta desmobilización masiva para coutar as criticas sobre os custes humanos da guerra. Ao pouco de plantar a bandeira no centro da capital chechena o xeneral Manílov anunciou o repregue dunha parte considerable dos preto de 100.000 homes que as distintas forzas rusas teñen despregados en Chechenia e deu un parte de baixas de 1.290 mortos e 3.979 feridos, aínda que outras fontes coma as Nais de Soldados elevan ao dobre.

A primeira parte da guerra remata en Grozni, agora queda esperar ata o reinicio que para os directamente enfrontados sería conveniente deixalo para a primavera. Mais a guerra do Cáucaso norte dirixise cada vez con máis claridade cara unha internacionalización. Ás permanentes acusacións do goberno ruso contra Xeorxia por colaborar cos rebeldes, engádense agora as realizadas contra Azerbaián polo ministro ruso de Interior, V. Rushailo, quen enviou ás autoridades de Bakú unha lista de 1.600 militares azerís aos que acusa de estar loitando á beira dos guerrilleiros chechenos. As relacións de Moscova con Tbilisi e Bakú téñense deteriorado en exceso e as dúas repúblicas ex soviéticas séntense ameazadas tanto polas novas ansias imperiais rusas como polo evidente factor de desestabilización que refuxiados e guerrilleiros supoñen para os respectivos gobernos. Ao anterior cumpre engadirlle o cóctel armenio axitado permanentemente dende Moscova. Rusia aínda non se considera derrotada na guerra polo petróleo do Cáucaso.