Guerra, caricaturas e mesquitas

 Mesquita xiíta de Askariya en Samarra, clic para aumentar
O detonante do actual ciclo de violencia foi o atentado contra a mesquita xiíta de Askariya en Samarra, lugar sagrado para o xiísmo, e a súa posterior reacción contra dalgunhas das mesquitas máis representativas da comunidade sunnita en Bagdad e outras cidades. Como unha prolongación da "guerra das caricaturas" entre Europa e o Islam, a "guerra das mesquitas" iraquí constitúe o máis grave enfrontamento interno desde a caída do réxime de Saddam Hussein no 2003. Engade un contundente compoñente relixioso no conflito, que se manifesta na secular rivalidade entre xiítas e sunnitas.
 

De súpeto, Iraq retorna ao centro da atención mundial. Catrocentos mortos nunha semana a consecuencia dos enfrontamentos entre sunnitas e xiítas e os ataques terroristas conforman un labirinto de caos e violencia incontrolable que augura un confuso escenario de pre-guerra civil. A gravidade da situación se completa coa ineficaz labor dun goberno, oficialmente de unidade nacional, que na verdade, se desintegra en faccións e sectarismos étnicos, relixiosos e políticos, mesturados cunhas forzas militares estranxeiras incapaces de preservar un mínimo de orde público.

Pero existen outros factores que semellan reclamar para Iraq a súa cota de atención e importancia na opinión pública dentro do escenario internacional. Logo de que estoupara a crise das caricaturas entre Europa e o mundo islámico e desde que Irán recomezara o seu programa nuclear, a crise iraquí escapou lixeiramente da atención pública. En parte, isto pode explicarse porque as eleccións de decembro pasado e a baixa intensidade dos atentados e os enfrontamentos semellaban presaxiar unha relativa estabilidade, polo menos a curto prazo. Outros factores, intencionados ou non, como o repentino e estraño ascenso de casos de antisemitismo en Europa, agachaban tamén o que está a suceder no país árabe.

Das caricaturas ás mesquitas

O detonante do actual ciclo de violencia foi o atentado contra a mesquita xiíta de Askariya en Samarra, lugar sagrado para o xiísmo, e a súa posterior reacción contra dalgunhas das mesquitas máis representativas da comunidade sunnita en Bagdad e outras cidades. Como unha prolongación da "guerra das caricaturas" entre Europa e o Islam, a "guerra das mesquitas" iraquí constitúe o máis grave enfrontamento interno desde a caída do réxime de Saddam Hussein no 2003. Engade un contundente compoñente relixioso no conflito, que se manifesta na secular rivalidade entre xiítas e sunnitas.

A pesar do posterior "toque de queda" e o reforzamento da seguridade que permitiu temporalmente restrinxir os enfrontamentos, esta situación practicamente escapa á potencialidade operativa global das forzas militares de ocupación. Isto repercute tamén na capacidade de manobra do actual goberno iraquí presidido polo kurdo Jalal Talabani e o hai pouco nomeado primeiro ministro sunnita, Ibrahim Jaafari, cuxa escasa fortaleza permite intuír que os verdadeiros factores de poder no país se atopan noutros sectores.

Todo este panorama engade máis complexidade ao conflito iraquí. A pesar de que os recorrentes procesos electorais en Iraq tras da caída de Saddam evidenciaron unha elevada participación civil que permitiron lexitimar moderadamente un novo goberno, a pesar de ser este consecuencia dunha invasión ilegal e ilexítima, a súa natureza escapa dos obxectivos formulados en crear un goberno de unidade nacional, fracturado polo sectarismo político, étnico e relixioso. Este labirinto de violencia se amplía coa presenza dos efectivos militares ingleses e estadounidenses e as reiteradas prolongacións dos seus prazos de retirada do país.

A "libanización" de Iraq

A "guerra das mesquitas" revela diversos factores de poder dentro de Iraq, o cal tamén repercute nos intereses externos dentro da actual situación. Comezando pola maioritaria comunidade xiíta, a actual crise amosou un reforzamento político do imán radical Moqtada al Sadr fronte aos clérigos Alí al-Sistani e Abdul Aziz al-Hakim. Aínda que non é descartable a súa presenza, non se coñece con exactitude ata qué punto exerce influenza o "factor iraniano", a traveso dunha presunta infiltración de Teherán nos asuntos iraquís. Pero esta poxa entre os aiatolás xiítas de Iraq constitúe a maior preocupación para o goberno iraquí e para Washington.

Obviamente, non se pode esquecer a situación dentro da comunidade sunnita, cualificada como a principal matriz da insurxencia, dado que se sinte ameazada diante da preponderancia de xiítas e kurdos no actual goberno transitorio. Como os xiítas, os sunnitas non constitúen un corpo político homoxéneo porque se nutren de sectores laicos vinculados ao anterior réxime de Saddam, outros afectos á política de Washington, numerosos grupos islamitas e laicos co apoio sirio, así como outros membros dos variados grupos, independentes ou non, de Al Qaeda e do seu presunto xefe en Iraq, Abu Musab al Zarqawi. Non se pode esquecer a situación das minoritarias comunidades turcómana e asiria, con compoñentes étnicos particulares e relixiosamente vinculados ao sunnismo e o cristianismo.

Pola súa banda, os kurdos, aparentemente mais unidos instalados ao norte do país, nunha especie de Kurdistán independente de facto, tamén amosa fisuras tribais e políticas, principalmente dentro da tradicional autoridade dos grupos dirixidos por Masub Barzani e Jalal Talabani. A comunidade kurda ven sendo sinalada como a principal beneficiada da invasión estadounidense e a caída de Saddam, pero as súas demandas se enfocan, principalmente, no estratéxico control da rexión petroleira de Kirkuk.

Por tanto, ¿é posible unha guerra civil en Iraq? A confrontación relixiosa interna e a ocupación militar estranxeira articula esta violencia política cara un conflito armado desorganizado e cada vez maior. Transición aparte, a posible consecuencia deste panorama se traduciría na definitiva desintegración territorial de Iraq e nunha inesperada reconfiguración xeopolítica de Oriente Medio.