Hutton

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego

Foi pírrica a dupla victoria de Tony Blair (na votación sobre as taxas universitarias e no escape da censura da comisión de enquisa). Ao día seguinte unha esmagadora maioría da opinión manifestaba que confiaba máis na BBC que no primeiro ministro e caía en picado éste nas intencións de voto.

Talvez pensen moitos, sobre todo fora de Inglaterra, que Blair foi exonerado de responsabilidade por un órgao xudicial. Compre por iso esclarecer a natureza xurídica desa pesquisa. Enquiries como esta non son xudiciais nin forman parte do procedimento ordinario. É certo que moitísimas veces se lle encargan a un xuíz (aínda que sexa xubilado) para que as leve a cabo, el só ou presidindo un grupo. Pero pódenselle encargar a calquer outra persoa de prestixio: un xeneral retirado, por exemplo, si se trata de cuestións militares, ou un científico de sona. O historiador Allan Bullock presidiu en 1972 unha enquisa sobre o estándar do ensino da leitura nas escolas, e catro anos despois outra sobre a democracia no lugar de traballo (á que ninguén lle fixo moito caso). O que pasa é que a maioría son xuíces, polo prestixio social que tradicionalmente teñen na sociedade británica. Pénsase que teñen máis experiencia e criterio que ninguén na ponderación e valoración de probas.

Porque diso é do que se trata, de esclarecer e determinar feitos ou situacións complicadas. O procedimento non remata nunha sentencia nin nun laudo, senón nun "informe". Ese report non ten efectos vinculantes, nin moito menos forza executiva. Entra, pois, no debate político, aínda a que con forza moi especial. Aos gobernos gústalles remitirse a ese instrumento, por unha banda para demorar e paralizar por certo tempo os debates "mentras estexa pendente a pesquisa", nun remedo da instrucción sumarial ou da litispendencia , que non ten base no direito positivo, e, pola outra, para trasladar responsabilidades. Semella non ser política, ao disfarzarse de xudicial ou cuase xudicial, pero política é.

O enquisador é nomeado polo Goberno. Pode aceitar ou non o encargo. Unha vez estabelecido, decide según lle pareza o procedimento a seguir, a quén chamará a dar testemuña, etc. Os chamados teñen que acodir, porque o encargado da enquisa recebe, evidentemente, poderes públicos. Decide tamén a quén chamar en segunda rolda, para repreguntas. Neste caso, por exemplo, chamou a Tony Blair na primeira volta, pero non na segunda. Decideu tamén que, por primeira vez, toda a documentación aportada se puxese na Internet, o que foi unha innovación loubada. O certo é que, moitas veces, por discutibeis que sexan as conclusións, a documentación e testemuñas amoreadas son moi uteis para o futuro. Asi vai ser seguramente có relatorio de Hutton.

É importante tamén o mandato que recebe a enquisa. Redáctase con moito cuidado e con gran peso de intereses políticos. No caso de Hutton foi moi limitado (determinar os feitos que arrodearon o suicidio do Dr. Kelly; non estou citando os termos exactos). Lord Hutton interpretou moi restrictivamente o que xa non era moi amplo. Un efecto secundario, pero seguramente intencional, é que moitos pensen que se trataba dunha enquisa sobre a base para ir á guerra, e que Hutton exonerou ao goberno neste terreo. Nada diso. A opinión non se deixou enganar. E agora vai haber, na Gran Bretaña e nos Estados Unidos, esa outra enquisa.

O report está, pola sua natureza, máis aberto a críticas que unha sentencia xudicial. Neste caso, xuristas de moita sona están estudando a posibilidade, non de apelación, porque non é unha decisión xudicial, pero sí de impugnación ante a xurisdicción ordinaria ( a High Court, que non é por certo un tribunal supremo, sinón de primeira instancia en moitos casos).

Estas enquiries non son moi tradicionais. Xeneralizáronse a comezos da década de 1960 có famoso Denning Report sobre o caso Profumo, e depois hubo as de Lord Diplock e Lord Gardiner sobre a lexislación antiterrorismo, a de Lord Widgery sobre o Bloody Sunday no Uster (aínda non concluida), a de Lord Franks sobre a guerra das Malvinas, e tantas outras. Hai críticas abondo, incluso entre a xudicatura, que recean de que se poña aos xuíces en situacións delicadas e tan abertas a críticas, en perxuicio da sua reputación de imparcialidade. O de Hutton é bon argumento para esas críticas e seguramente vai dar de sí.

E, se se quere esclarecer un pouco máis, convén aínda distinguir a enquiry da Royal Commission. Esta, como indica o nome, recebe o poder da Coroa, é colexiada, e utilízase sobre todo para facer recomendacións de lexislación. Hóuboas sobre a lexislación penal, sobre a prensa, sobre as autonomías, etc. Despois, esas recomendacións poden irse aplicando ou non, pouco a pouco, e quedan como referencia, ás veces incluso para sucesivos gobernos ou parlamentos.

O informe de Lord Hutton é un elemento máis nun proceso político en que se vai esfarelando o programa do Novo Laborismo, que nunca foi moito máis que unha armadilla de manipulación dos medios de comunicación e das imaxes. E a estas alturas, ninguén parece ter xa ter maís fe nesa equipe de mestres confesos da manipulación que nunha corporación pública "non estatal—como é a BBC. A reprobación por Lord Hutton vai reforzar a importancia desa institución que, con todos os defectos que poida ter, encarna aínda a idea do servicio público. Thatcher e o seu fillo espiritual, Tony Blair, desfixeron canto poideron do tecido social en que asentaba un sistema tan pouco legalista e tan consuetudinario como é o británico. Este episodio salpica tamén aos xuíces, indirectamente. É importante para o futuro que a BBC resista. Có desprestixio dos políticos é máis importante cada vez separar o interés público do monopolio estatal.