20080405 altos golan soldados letreiro damascus

Inédita xeopolítica para Oriente Medio

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego
 Soldados israelís nos Altos do Golán; clic para aumentar
Con diversas variables en xogo e unha sórdida dinámica xeopolítica, pouco pódese predicar sobre o que acontecerá en Oriente Medio a curto e mediano prazo. A clave de moitas destas variables estarían concentradas no pulso xeopolítico entre Israel e Irán e na posibilidade dunha paz sirio-israelí. Así, Palestina, Líbano e Iraq, por considerar outros casos, semellan converterse en meros escenarios de actuación destas variables. (Foto: Soldados israelís nos Altos do Golán, cun letreiro en hebreo sinalando cara Damasco, capital siria).
 

Unha tregua con Hamas en Gaza e un posible cumio co presidente sirio Bashar al Asad en París. Estas son as cartas que o goberno israelí de Ehud Olmert, acosado por unha delicada crise política interna, tenta nivelar como xiro alternativo para manter a súa posición política, con posibilidade de dar curso a sorprendentes cambios en Oriente Medio.

Se ben a recente aprobación dun cese o fogo entre Israel e o movemento palestino Hamas en Gaza deixa serias dúbidas sobre a súa duración temporal, o mesmo supón un inesperado xiro do que se espera poida aliviar a crise humanitaria latente para millón e medio de palestinos atrapados en Gaza e afectados polo brutal bloqueo e illamento económico israelí e a indiferenza internacional.

Dous actores: Exipto e Turquía

Para alcanzar esta tregua, Israel contou coa decisiva actuación da diplomacia exipcia, país que tamén padece as secuelas da crise humanitaria en Gaza debido ao constante éxodo de refuxiados palestinos. A fin de posibilitar este acordo, o goberno exipcio premeu a Israel na dirección de concretar unha política pragmática, traducida na negociación directa co seu aberto inimigo Hamas.

Deste xeito, a aceptación dunha negociación transversal con Hamas a través de Exipto permite ao partido islamita palestino obter oficialmente un vital sentido de lexitimidade por parte de Israel, recoñecendo que se trata dun actor clave no escenario palestino e rexional.

Paralelamente, pechar o círculo concéntrico en torno ás fronteiras israelís no relativo a un acordo histórico con Siria suporía para Olmert conter momentaneamente calquera foco de inestabilidade proveniente do presunto eixe conformado por Hamas, Hizbulah e Irán. Como no caso da tregua en Gaza, propiciada por Exipto, o acercamento israelí cara Siria levase a cabo grazas á actuación doutro actor externo: a diplomacia turca.

Un acordo sirio-israelí provocaría un cambio tectónico de gran envergadura para Oriente Próximo, debido a que Damasco podería dar os pasos para unirse a Exipto, Turquía e Xordania como os Estados rexionais que recoñecen a Israel. Ao mesmo tempo, o principal efecto deste acordo estaría cifrado en sentar as bases estipuladas no principal proxecto concibido por Olmert para o 2010: asegurar as "fronteiras históricas" de Israel, dentro dun marco de moderada convivencia cos seus veciños árabes e como elemento de contención cara Hizbulah, Hamas e Irán.

Concretar este acercamento a Siria, tradicional aliado político e militar de Irán, Hamas e Hizbulah, modificaría o actual equilibrio de alianzas xeopolíticas en Oriente Medio, incluso coa posibilidade de ampliar esta perspectiva cara o Líbano, país que durante quince anos (1990-2005) estivo practicamente baixo a tutela política e militar de Damasco, e con quen Israel posúe fluídas relacións indirectas.

Palestina incerta

Pero o proxecto de Olmert deixa sepultado o principal escollo para a pacificación rexional: a creación dun Estado palestino independente, non tutelado por Israel. A radicalizacións dos actores e o fracaso da comunidade internacional para prover efectivas negociacións de paz, deixa estancada calquera iniciativa de diálogo.

Paralelamente, a resistencia de Hamas e a posibilidade de reforzar a súa posición política, social e militar coa tregua, posiblemente causaría efectos expansivos de gran consideración cara outros movementos pertencentes ao islamismo político, principalmente en Exipto e Xordania.

Entre Israel e Irán

Non obstante, o principal problema para Olmert está na dinámica propia da actual crise política israelí e a posibilidade, cada vez mais real, dun adianto electoral que altere substancialmente os seus plans.

Dende o seu propio goberno, na voz da chanceler Tzipi Livni, e do seu propio partido Kadima, aumentan as presións para que renuncie. Mesmas demandas proveñen do seu ministro de Defensa e líder laborista, Ehud Barak, e do principal líder da oposición, Benjamín Netanyahu, do dereitista partido Likud e auténtico favorito electoral.

Se a crise política israelí está centrando gran parte da atención en Oriente Próximo, en paralelo coa tregua en Gaza e as conversas con Siria, non deixa de ser significativa a situación en Irán. O presidente Mahmud Ahmadíneyad atópase nunha complicada posición, tomando en perspectiva as eleccións presidenciais previstas para o 2009, debido ao ascenso político (e posiblemente electoral) de Alí Laríyani, o seu ex asesor do programa nuclear e actual presidente do Parlamento.

A posibilidade dun adianto e triunfo electoral de Netanyahu en Israel avivaría aínda mais aos "falcóns" e os sectores duros da política e da casta militar israelí, defensores dun "ataque preventivo" ás instalacións nucleares iranianas. A posible confrontación militar entre Israel e Irán segue a ser un escenario real que, dentro da conxuntura das eleccións presidenciais estadounidenses, está acaparando a atención dos candidatos Barack Obama e John McCain.

Con todas estas variables en xogo e unha sórdida dinámica xeopolítica, pouco pódese predicar sobre o que acontecerá en Oriente Medio a curto e mediano prazo. A clave de moitas destas variables estarían concentradas no pulso xeopolítico entre Israel e Irán e na posibilidade dunha paz sirio-israelí. Así, Palestina, Líbano e Iraq, por considerar outros casos, semellan converterse en meros escenarios de actuación destas variables.