Artigo orixinalmente publicado no Nós Diario, 10 de agosto do 2023
MJR NIGER SAHEL

Inestabilidade no Sahel: golpes de estado e guerra civil

Nos últimos anos, unha epidemia de golpes de Estado en distintos países africanos ten creado un “cinto de golpes” no Sahel, rexión que agrupa algunhas das nacións máis inestables do continente.
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos África
Palabras chave sahel

O pasado mes de xullo, Níxer pasou a ocupar o posto máis recente na lista de países africanos nos que se teñen perpetrado respectivos golpes de Estado orquestrados por sectores militares. Con este, xa son nada menos ca seis os Estados que, dentro da rexión saheliana, protagonizaron feitos similares dentro da súa vida política interna dende o ano 2020. Este fenómeno deu lugar a que en certos ámbitos se fale de “cinto de golpes” para referir o devir destes países —nun período de tempo tan relativamente corto, ademais—.

Mohamed Bazoum é o nome do presidente do goberno nixerino que fora elixido en 2021 en comicios democráticos. Declarado simpatizante dos Estados Unidos de América, o 26 de xullo foi deposto por un golpe militar liderado polo antigo comandante da garda presidencial, Abdourahamane Tchiani, quen agora é o presidente do denominado Consello Nacional para a Salvagarda da Patria (CNSP).

Países do entorno inmediato, coma Burkina Faso, Guinea ou Malí declararon publicamente o seu apoio ó réxime militar da xunta do CNSP, ademais de asegurar que non levarán a cabo ningún paquete de sancións coas que a Unión Europea, os Estados Unidos e a Unión Monetaria de África Occidental planifican influenciar a Níxer.

No social, é obrigado sinalar os crecentes sentimentos francófobos que —non só en Níxer, senón en toda a rexión do Sahel— están a alimentar o rexeito a políticas percibidas coma pro-occidentais e o aumento da actividade xihadista. O Índice de Terrorismo Global sinala, de feito, que o Sahel xa superou ao Medio Oriente e o Sueste Asiático como centro mundial de violencia xihadista.

Entre todos estes elementos, cabe destacar o eco da presenza de Rusia. Aínda que non xogou parte activa nos golpes de Estado en África nin se agarda que interveña de forma directa, Moscova estivo en certa maneira presente nas bandeiras que a poboación favorable ás xuntas militares mostraba nas rúas. Para unha parte da opinión pública, a imaxe de Rusia personifica eses ideais anti-occidentais que están a gañar popularidade en certos países africanos.

O grupo Wagner de seguridade privada xa opera en Malí e Sudán, así coma noutros países africanos fóra do Sahel. En moitos, Wagner é acusado de violacións contra os dereitos humanos e explotación dos recursos naturais nacionais. Pouco despois do golpe en Níxer, o líder do grupo, Yevgeny Prigozhin especulou acerca da posibilidade de enviar a combatentes de Wagner ó país.

A situación que se está a vivir en Níxer pode observarse, ben que con variacións, noutros países do entorno.

Foi en setembro de 2022 que tivo lugar o golpe de Estado na veciña Burkina Faso, o segundo nese mesmo ano. O acontecemento cambiou ó anterior golpista, Paul-Henri Sandaogo Damiba, por Ibrahim Traoré —ambos membros das forzas armadas do seu país—. Aínda que ámbolos dous golpes tiñan o obxectivo aparente de mellorar a situación da seguridade, a área de conflito armado estendeuse dende o norte do país cara zonas máis e máis preto da capital, Uagadugú.

Un ano antes (setembro de 2021), o golpe en Guinea foi xustificado mediante unha narrativa de cólera por parte do público xeral contra a corrupción do goberno. O entón presidente, Alpha Condé, foi expulsado do poder e substituido polos mesmos militares ós que el mesmo encargara a restauración da seguridade no país.

En Malí, onde se substituíron máis de 5.000 efectivos franceses con 1.000 combatentes do grupo Wagner, as baixas entre a poboación civil aumentaron drasticamente, así como a actividade de grupos terroristas de corte islámico, como Jama’at Nusrat, unha coalición xihadista. Os golpes de Estado máis recentes neste país foron en agosto de 2020 e en maio de 2021.

Sudán é, polo de agora, o único caso no que a inestabilidade política deu lugar a unha guerra civil aberta. Os golpes de 2019 e 2021 culminaron nun conflito armado entre as forzas armadas sudanesas e as forzas paramilitares, que renovou a súa dureza a partires do mes de abril deste mesmo ano.

No veciño Chad, o que se supoñía unha transición cara un sistema democrático foi impedido polo ascenso ó poder de Mahamat Idriss Déby, fillo do anterior presidente, falecido en 2021. O 20 de outubro dese mesmo ano pasou a ser coñecido coma o Xoves Negro polas duras represalias contra as protestas en favor da democracia. Algunhas organizacións internacionais cifran as mortes dese día nunhas 200, mentres que o goberno só recoñece oficialmente arredor de 50.