Publicado orixinalmente en Nós Diario o 8 de Agosto de 2026
Robotic arms in action within a modern industrial control room setting, showcasing technology and production.

Innovar, en que?

O verbo innovar é con frecuencia empregado como palabra comodín con certa lixeireza para referir calquera tipo de cambio, mellora, ou emprego da tecnoloxía, perdendo con isto a precisión do seu significado. Así, este verbo e as súas derivadas, coma o substantivo innovación ou o adxectivo innovador, son habitualmente repetidos en discursos, plans de empresa e de organismos públicos, no ámbito académico e, incluso, como atributos persoais, sen aportar un valor real ou medible ao discurso.

Na acepción vaga do termo, preténdese como innovadoras algunhas mudanzas doutra natureza como simples cambios de rutina nos traballos, ou a adquisición de equipamento electrónico. Pero o excesivo emprego de palabras de moda como innovación ou innovar poden ser tamén un reflexo da pobreza da linguaxe do interlocutor, quen podería utilizar estas en substitución doutros verbos que engaden maior exactitude, como actualizar, crear, ou mellorar, entre outros.

Hai quen defende que nos últimos anos foi xerándose un mito arredor do concepto de innovación.  Moitos asocian a acción de innovar exclusivamente á tecnoloxía, á investigación e ao desenvolvemento, ou ao traballo efectuado en laboratorios. Incluso hai quen envolve a innovación dunha certa aura ao defender que esta só se pode levar a cabo co traballo de persoas dotadas dun talento único e diferenciador do resto da man de obra. Seguramente, no ámbito político tense contribuído a esta dinámica de confusión, desde a creación de múltiples liñas de financiamento anunciadas como innovadoras, ata a inclusión transversal do termo nos diferentes ámbitos de actuación das administracións, desde a innovación educativa, a innovación en saúde e a medioambiental, a innovación social, e outras moitas. Todo cambio parece ser innovador e, co acompañamento deste adxectivo na discursiva, os contidos parecen sumar connotacións positivas. E nada máis lonxe da realidade, ás veces. O abuso do emprego do termo pode acabar baleirándoo de contido. Un mal por outra parte común e acorde a unha sociedade actual caracterizada pola crecente superficialidade existencial e a falta de rigor terminolóxico.

Do punto de vista etimolóxico, innovar provén do latín innovãre. É un verbo transitivo ou intransitivo (segundo se use con ou sen complemento directo) que a RAE define como “mudar ou alterar algo, introducindo novidades”, e que a RAG matiza como “facer que resulte algo novo ou teña máis forza pola incorporación de elementos novos” e, en segundo termo “introducir algunha novidade nun dominio determinado”.

Desde a economía e a empresa, para definir o concepto de innovación recórrese habitualmente ao coñecido como Manual de Oslo. Este constitúe unha guía metodolóxica para a elaboración de enquisas e estatísticas que, na súa versión de 2005, definía a innovación como “a introdución dun novo produto -ben ou servizo-, proceso, método de comercialización, ou dun método organizativo, nas prácticas internas da empresa, a organización do lugar de traballo ou as relacións existentes”. Desde o punto de vista económico, a innovación consiste, pois, na conversión de coñecemento e novos produtos, servizos ou procesos e a súa introdución no mercado (ou a introdución de cambios significativos neles).

No plano sistémico, o valor xerado pola innovación prodúcese como efecto da explotación de recursos. Tamén a través de intercambios e combinacións destes últimos, asociándose así a esta capacidade das organizacións. Ademais, este proceso debe entenderse como dependente dun ecosistema desde o punto de vista das múltiples interaccións requiridas para a súa consecución entre axentes que desempeñan funcións complementarias en contextos ou territorios determinados.

Por tanto, non todo é innovación. E tamén acontece que non todas as fórmulas para innovar son directamente exportables entre territorios. Mentres as rexións punteiras contan con sistemas ben dotados a nivel de infraestruturas, como centros tecnolóxicos e de innovación, cun sistema científico sólido, co acompañamento e impulso das administracións públicas, e coa conciencia e interese cidadá (e dos mercados) nos resultados da innovación, outros territorios carecen de parte destes elementos estruturais. Así é que, se países como EUA que invisten o 3,5% do PIB en innovación, ou de China arredor do 2,7% e a Unión Europea o 2,3%, mentres que Galicia se sitúa no 1,3%, non caiamos no erro de pensar que todo o diferencial se explica pola actividade empresarial.